viernes, 28 de marzo de 2014

Castigo colectivo

Hai unha práctica moi perversa que aínda resulta común nos colexios. Trátase do castigo colectivo; castigar a toda unha clase cando algún alumno sen identificar comete unha falta, verdadeira ou suposta. O castigo colectivo foi practicado polo poder en tódalas épocas e a diferentes escalas. Pero nunca se poderá xustificar que paguen xustos por pecadores. As formas do castigo colectivo tamén son moi diversas: poden ir desde quitarche o recreo ata quitarche a dignidade, ou a propia vida, porque hai que saber que os maiores xenocidios da historia foron castigos colectivos. 
O actual sistema tributario español, que vén da reforma fiscal de 1977, inspirada por Fuentes Quintana, fora presentado como instrumento esencial do estado social e democrático de dereito, como o xeito apropiado de contribuír con equidade a soster o importante gasto público dun país desenvolvido. A reforma, executada por Fernández Ordóñez, defendérase cun memorable lema: “Hacienda somos todos”… E así puido suceder durante aqueles anos de xuvenil ilusión democrática; logo, as cousas foron cambiando, talvez por unha lei natural que enunciara Voltaire, que dicía: os miñatos nunca perderán o instinto de papar ós pichóns.
Corenta anos despois daquela social inocencia, ninguén no seu xuízo cree que facenda sexamos todos. Ó contrario, a maioría pensa que o sistema tributario non é máis ca unha forma encuberta de castigo colectivo: de que paguen xustos por pecadores. Porque cada vez que se presentan desequilibrios na facenda pública, incluso fóra dela –caso dos bancos-, en vez de castigar ós verdadeiros culpables, perfectamente identificables, cárgase a conta dos danos nas dúas clases de sempre: na dos máis desfavorecidos e na dos asalariados. 
En España, a crise provocou un grave desequilibrio, que persiste, entre ingreso e gasto público. O ano pasado ingresamos un 37,7% do PIB, fronte a un 46,7% de media na UE, unha diferenza de nove puntos que significa deixar de ingresar uns 90.000 millóns de euros, bálsamo que curaría tódolos nosos males. Como é posible que recademos tan pouco con tipos nominais semellantes ós da UE? Hai tres motivos principais: un sistema tributario que favorece que ricos e grandes empresas apenas tributen, un fraude fiscal elevadísimo e unha economía somerxida voando polas nubes. Diante de isto, o goberno fixo tres cousas, fundamentalmente: cargarlle as culpas de todo ó excesivo gasto –argumento falso en termos comparativos: gastamos un 44,4% do PIB fronte ó 49,8% da UE-; resistirse a perseguir de maneira decidida as bolsas do gran fraude fiscal e da economía somerxida, e, por último, centrar o groso do castigo nos asalariados e nos máis desfavorecidos, que reparten o 50% da renda nacional pero soportan o 80% da carga fiscal.
Agora, todos falan do ditoso Informe para a Reforma do Sistema Tributario do comité de expertos presidido polo profesor Lagares. Pero tales informes, segundo escribía Fuentes Quintana, mestre de todos estes expertos, non son máis ca unha parte –pequena- da oferta no complexo mercado político dos procesos de reforma fiscal. Máis importante foi saber que o comité se agarrara, “como a un clavo ardiendo”, á condición imposta polo goberno de manter o nivel de ingresos no valor actual, supoño que para non incomodar ós miñatos, e, vía novos recortes, reducir o gasto ata o 39,7% en 2016, renunciando así á converxencia con Europa. E o Informe, á marxe de que poida servir para xustificar academicamente algún espolio máis, lémbrame aquilo que escribira Lampedusa no Gatopardo: “É preciso que todo cambie para que todo siga igual”. De mal, claro está.

Artigo publicado no diario "La Región" o venres 28 de marzo do 2014