sábado, 12 de abril de 2014

Pulpo, cap. III: Os donos da lingua

De quen é unha lingua? Interesante pregunta. García Calvo pasou os últimos anos da súa vida repetindo que non era de ninguén: «Señores: la lengua no es de nadie», proclamaba o sabio ós catro ventos. E houbo quen, desde Galicia, e incluso desde o castelán, colleu a mensaxe para pasarlla por diante dos fociños ós que sempre a defenderan, nacionalistas e galeguistas fundamentalmente. Manuel Rivas, agora académico, contra a declaración anarquista, defendeu outra teoría: que a lingua era de todos. Na realidade as dúas eran a mesma, como aclara a sabedoría popular: «O común é de todos e non é de ningún»; porque a lingua é un ben do común do pobo galego. Mentres tanto, desde os primeiros pasos da Autonomía, polo medio e medio do sementado, foise colando o equipo dos gardadores da lingua, un equipo estritamente necesario, porque a lingua, coma calquera outro ben, precisa de coidados. E, en xeral, realizou un bo traballo  -tampouco se pagou mal!-. O problema foi que, no medio do balbordo patrimonial, os coidadores, maiormente filólogos, fóronse facendo coa propiedade; coma cando os caseiros aproveitan as liortas dos herdeiros para acabar gobernando a facenda cal se fose súa. Así convertéronse en “Autoridade”, figura na que os galegos sempre confiamos, porque nos permite centrar a desconfianza no veciño. Agora, basta atender ás redes para ver como, confirmando a Erich Fromm, a Autoridade xa ten o seu exército de seareiros.
Sobre o perigo de entregar a lingua ós filólogos xa escribira Séneca -«Grammatici custodes sunt, non auctores linguae»-, e logo moitos outros. Aquí, os normativizadores tamén cometeron excesos, porque: «…felices con la titularidad conseguida se pusieron a normativizar todo lo que encontraron por delante, sin más norma que la que nace de su mesa de lucubraciones…se defienden diciendo que aquí todos queremos imponer nuestra propia norma cuando los únicos que la imponen son ellos.». Quen escribía isto? Un de Galicia Bilingüe? Non, amiguiños; era Díaz Pardo, que sempre dicía o que pensaba, aínda que fose «la mejor manera de perder amigos». E concluía: «La lengua la construyó el pueblo para satisfacer necesidades de comunicación y no para el cumplimiento de normas dictadas.». Agora, ó condenar a pulpo ó exilio dos dicionarios, sabendo que era palabra usada polos galegos de hai mil anos, cométese un dos erros máis graves na historia recente do galego. Porque non só é un golpe de forza inadmisible contra o pobo galego, único, lexítimo e indiviso propietario da lingua, senón que atenta contra o que os académicos máis deberían protexer: o patrimonio lingüístico de Galicia. 
Bermejo Barrera, catedrático de historia e fino analista, nun ensaio imprescindible titulado “Os demos da cultura galega”, proclama como segundo eixo estruturador da mesma que «a cultura é basicamente a lingua». E dese pretensado eixo deriva o poder dos filólogos, ós que «todos os políticos queren ter do seu lado». Arredor dese poder e dos medios económicos que move formouse o partido dos donos da lingua, moi severo coa disidencia –de aí o silencio dos que poderían falar-. Alonso Montero xa defendía a lingua cando moitos membros dese partido aínda non naceran, cando xa se sabe o que se cobraba por iso, pero non forma parte dese grupo de influencias. Xesús é valente, como o fora Isaac, pero non é Superman: faranllo pasar mal!
E que dicir dos seareiros que van por aí dicindo parvadas? Nada, non paga a pena; só lembrar algo que deixou escrito Castelao: «irmáns, fuxide sempre dos parvos!».

Artigo publicado no diario "La Región"o venres 11 de abril do 2014