martes, 19 de septiembre de 2017

Charangas


Todos os que pasamos dos cincuenta sabemos cal foi a charanga máis famosa de Galicia. Si, a daquela  canción de Juan Pardo que foi número un en tódalas listas de éxitos do ano 69 e que aínda permanece viva, en música e letra, na memoria da maioría dos españois daquelas quintas. Pero a verdade é que a charanga de Juan Pardo era bastante especial. Na propia canción definíase como “xente que canta bailando e bebendo Ribeiro”, sen referencia algunha a ningún outro tipo de música que non fose o canto. Nada que ver, en consecuencia, co que todos entendemos por unha charanga.
As charangas son de creación contemporánea, como o demostra que a palabra só se incorporase ó dicionario da RAE a partir de 1852 e que en galego só se documente desde principios do século XX. En canto ó significado, nos primeiros dicionarios figura co de ‘música militar incompleta, composta tan só por clarinetes, cornetas, bombo e tambores’, pero o máis habitual é o de ‘orquestra popular descompasada’, que casa moi ben co da palabra castelá da que semella derivar: “charanguero”, que equivale a chapuceiro ou chafalleiro. E resulta curiosa a repetida presenza da raíz “cha(n)-“ en cualificativos despectivos: chabasqueiro, chacalleiro, chafarralleiro, chafulleiro, chalado, charramengueiro, chambón, champurreiro, chanchulleiro, chanfainas, changanetas, charrasqueiro, ...
Pero, volvendo ás charangas, hai que dicir que na súa orixe non tiveron moito éxito na nosa terra, a diferenza do que sucedeu no País Vasco ou en Valencia, onde pronto se fixeron tradicionais como grupos musicais propios das cuadrillas festeiras. En Galicia, desde mediados do XIX, foron as bandas de música populares as que trunfaron e se foron sumando nas festas ós máis antigos e tradicionais gaiteiros. Ó fin e ó cabo, o barullo disonante nunca casou ben cunha cultura tan lírica coma a galega. Así, non sorprende que unha das primeiras referencias da palabra nun texto galego, nun número do Tío Marcos da Portela de 1918, fose para manifestar a queixa polo estrondo que armaban semellantes grupos musicais: “A gaita perdeuse tamén; agora nas romarías toca unha charanga que a tódolos que a escoitan failles doer a cachola”.
Dese xeito, durante moitos anos, no programa de toda festa galega que se prezase debían aparecer unha ou varias bandas de música, constituíndo a alborada polos lugares da parroquia ou polas rúas da vila un dos momentos máis emocionantes dos festexos. E foron esas bandas de música populares, formadas maiormente por artistas que compatibilizaban o esforzado servizo a Ceres coa práctica da refinada arte dos discípulos de Euterpe, as que realmente introduciron a cultura musical en Galicia. Logo, a emigración masiva mermou a sabia nova e as bandas entraron en crise. Pero superada esa etapa, e grazas a un eloxiable apoio institucional, deuse unha etapa de rexurdimento das bandas a partir dos anos noventa: de aí que agrupacións coma a de Lalín, a de Merza, a de Valadares, a do Rosal ou mesmo a Lira de Ribadavia, chegasen a competir coas mellores bandas de España. Pero todo isto está a cambiar: na maioría das festas, as de vila incluídas, xa apenas se contratan bandas, e cando se fai adoita ser para encher o programa con algunha das máis baratas. Prefírese gastar os cartos en charangas e nesas dúas ou tres orquestras espectáculo que todos coñecemos: tan caras coma vulgares. E non hai que botarlle a culpa ás institucións, porque, salvo honrosas excepcións, a xente xa non demanda a presenza das bandas de música nas súas celebracións festivas. O que se leva hoxe é a charangada, o barullo e a paparota. Organizada, case sempre, pola correspondente concellería de “Cultura”.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de setembro do 2017.

No hay comentarios: