domingo, 25 de octubre de 2009

Longoseiros ou Longoseiro?

Se un consulta o Nomenclátor de Galicia atopará o nome da freguesía de LONGOSEIROS e o do lugar de LONGOSEIROS, dentro dos topónimos rexistrados no concello do Carballiño. Ese nome, referido á devandita parroquia e lugar, repítese noutros rexistros tan importantes coma o Nomenclátor de España do INE, o mapa 1:25000 do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), folla 187-I, nas edicións de 1976 e 2002, ou no mapa 1:5000 do Sistema de Información Territorial de Galicia (SITGA). Deste xeito, LONGOSEIROS é o nome que figura na maioría das publicacións recentes que se refiren a esta freguesía, incluído o meu libro Nomes do Ribeiro. Non obstante, ó analizar documentación máis antiga, dinme conta que o verdadeiro nome do lugar e da parroquia é LONGOSEIRO e non LONGOSEIROS. Será suficiente dar os seguintes datos:

  1. Documentais: A primeira referencia que atopo sobre a parroquia é do ano 1267. Nun documento do Mosteiro de Oseira referente a unha venda cítase a Pedro de Dios clerigo de Longoseyro. A mesma denominación aparece de forma repetida nos apeos de San Martiño Pinario (Século XVI), no Catastro de Ensenada (1753) e no Diccionario Madoz (1845-1850).

  2. Cartográficos: No Mapa do Reino de Galicia de Tomás González (1784) figura o lugar de Longoseyro. Na Carta de Fontán (1845) aparece Longoseiro. No Mapa 1:50000 do Instituto Geográfico y Catastral de España de 1946, tamén figura Longoseiro.

  3. De campo: Cando se consulta ós veciños máis vellos da parroquia, recoñecen que o nome verdadeiro é LONGOSEIRO.
A alteración toponímica semella ser moi recente pois aínda resulta común ver nalgúns indicadores das estradas o nome de LONGOSEIRO.

Unha vez me decatei desta circunstancia, púxena en coñecemento do Concello do Carballiño e do secretario da Comisión de Toponimia de Galicia mediante senllos escritos. Tal como me temía, ningunha das dúas institucións se dignou a dar contestación algunha ós meus escritos, aínda que soamente fose para agradecer a información que lles fixera chegar.

Evidentemente, o que me levou a fixarme nesta diverxencia toponímica non foron nin os prexuízos prácticos que se poden derivar do dobre nomeamento, aínda que teñan a súa importancia, nin moito menos a crenza en que, da noite para a mañá, as institucións deste país cambiaron e están interesadas en escoitar ós cidadáns cando non son elas as que preguntan. Non, o que espertou o meu interese foi a singularidade do topónimo e o valor que pode ter a presencia ou ausencia do s final para a súa interpretación. Ás veces pequenas diferencias na forma dun topónimo revélanse fundamentais para dar co seu significado. Lembro agora canto tempo pasei buscando algunha referencia documental que me demostrase que o nome antigo do lugar de Elfe, na freguesía do Barón (O Carballiño), era A Elfe. Ninguén lembraba que ese fora o seu nome no pasado, pero eu estaba convencido que así debía ser. Nese caso o nome podería vir dun antigo posesor de nome Adelfus, segundo unha evolución, por falsa segmentación, Adelfi > A Elfe, que logo remataría en Elfe. Foi grande a miña satisfacción cando nun antigo documento notarial atopei o que buscaba: A Elfe. Pois ben, neste momento non sei con seguridade a importancia que pode ter a ausencia do s final en Longoseiro, pero alguén pode descubrila. E, en todo caso, o nome do pobo é Longoseiro e non Longoseiros, do mesmo xeito que o de Roucos é Roucos, e non Rouco; ou o meu é Frutos, e non Fruto.

Habería que escribir agora sobre o significado de Longoseiro. Iso levaranos a un tema difícil e aínda non resolto: a importante presencia do tema longo na toponimia e o seu significado, un tema que rebasa as fronteiras de Galicia. Pero, queda para outro día.