jueves, 25 de marzo de 2010

Palabras que carga o demo: nación e nacionalismo (II)


Nación

«Ha elegido el Santo Difinitorio para el empleo de visitador segundo, vacante en la Nacion de Galizia, al Padre Maestro Fray Gerardo Vázquez...». Así se expresaba en 1784 o redactor das definicións do Capítulo Xeral da Congregación Cisterciense de Castilla, unha institución que nacera baixo o impulso unificador e centralizador dos Reis Católicos, e que en Galicia, concretamente, foi instrumento fundamental na castelanización dos mosteiros desa Orde, o mesmo que o foi a Congregación de San Benito de Valladolid no caso dos benedictinos. Había un nacionalista galego infiltrado na Congregación de Castilla? Nin moito menos: pasaba simplemente que a palabra «nación» aínda non tiña a carga semántico-política que tería arredor dun século máis tarde.

«Nación», como é sabido, vén do latín natio, onis ‘nacemento, pobo, nación, raza, secta, liñaxe’. Todas esas acepcións pasaron do latín clásico ás linguas romances. É frecuente ler que a palabra «nación» non se refería nun primeiro momento a unha localización territorial determinada, ó contrario que «patria», do latín patria ‘patria, lugar onde un naceu, país, comarca, república, estado’. Desde un punto de vista puramente etimolóxico pode ser certa a afirmación, pero non desde un punto de vista semántico. Son poucos os rexistros da palabra «nación» no galego medieval; non obstante en castelán son abundantes, e o significado territorial resulta claro en moitas ocasións: « En Iherusalem moravan indios, religiosos de toda nacion que so el cielo es», lemos, por exemplo, nun manuscrito escurialense do século XIII. Parece indubidable que en Galicia, igual ca no resto de España ou en Francia, «nación» aludía xa na Idade Media ós nacidos nun certo territorio, e, por metafonía, ó territorio mesmo. Así, son frecuentes as referencias, en diversos textos da Idade Media e Moderna, á nación de España, á nacion castellana, á nación aragonesa, á nacion portuguesa, á nacion francesa,... e tamén á nación de Galicia.

O diccionario de Nebrija (1495) rexistra «nación» como nacion de gentes exclusivamente, pero o Covarrubias (1617) xa di: «vale Reyno, o provincia estendida, como la nacion española». A primeira edición do diccionario da Real Academia (1780) rexistra para nación: «s.f. el acto de nacer. En este sentido se usa en el modo de hablar De nación, en lugar de Nacimiento: y assi dicen, ciego de nación.. La coleccion de los habitadóres en alguna Provincia, Pais o Reino... Se usa freqüentemente para significar qualquier Extrangero...», pero falta a acepción territorial. Xustamente, sería o concepto de nación de xentes o que acollería a Constitución de 1812, a única constitución española que, no seu art.1º, define Nación de xeito explícito -«La Nación española es la reunión de todos los españoles de ambos hemisferios.»-. A acepción territorial non aparecería nos diccionarios da Real Academia ata a edición do ano 1869: «Conjunto de los habitadores en alguna provincia, país o reino, y el mismo país o reyno. Na edición dese mesmo ano aparecen relacionadas por primeira vez «nación» e «goberno»: «nación...El Estado ó cuerpo político que reconoce un centro común supremo de gobierno. // Se dice tambien hablando del territorio que comprende, y aún de sus individuos, tomado colectivamente. ». A introducción da relación no diccionario da Real Academía resultaba consecuente, xa que outros diccionarios desa época introduciran acepcións semellantes. O diccionario de Domingo (1853) dicía na segunda acepción: «Conjunto ó aglomeración de todos los habitantes de un país, ya esten recogidos por unas mismas leyes, ya reconozcan diferentes formas de gobierno, los cuales tienen generalmente un idioma común que los distingue y caracteriza». E o Gaspar (1855): «Conjunto de hombres que reconocen una misma autoridad y viven en comunidad de costumbres y de lengua en un espacio territorial determinado.- Se dice alguna vez de los habitantes de un pais aun cuando no esten sujetos al mismo gobierno siempre que su orijen e idioma sean idénticos, como la nación italiana, la nacion otomana.- El mismo nombre se da a cualquier reunion de hombres que tienen un orijen comun... ».
Non obstante, un cambio fundamental produciuse na edición do diccionario da Real Academia de 1889. Desaparecía a acepción territorial de 1869 e substituíase por estas dúas novas acepcións: «1. Conjunto de los habitantes de un país regido por el mismo gobierno.// 2. Territorio de ese mismo país». En esencia, o diccionario da Real Academia despexaba o camiño para que España fose considerada nación única, Una (o de Grande e Libre viría máis tarde): agora, se non había goberno non había nación. Hai que entender que nesa restricción semántica algo, ou moito, debeu ter que ver a importancia política que comezaba a ter o nacionalismo catalán, e posteriormente terían o vasco e o galego. Na edición de 1936 mantíñanse as dúas primeiras acepcións de 1889, a terceira tamén coincidía coa de 1889 nacimiento. Iª acep. ciego de nación »-, pero, ademais, introducíase unha cuarta: « Conjunto de personas de un mismo origen étnico y que generalmente hablan un mismo idioma y tienen una tradición común». Con esa cuarta acepción recoñecíase a posibilidade da nación de individuos sen goberno –por exemplo a nación dos xudeus-, pero non a territorial; sería unha acepción que, con poucos cambios, se mantería durante toda a época franquista, entendendo, evidentemente, que, nesa época, esa mesma orixe étnica correspondíalle en exclusiva á nación española, e que o idioma común era o castelán. Pouco cambiou co retorno da democracia: na edición actual as dúas primeiras acepcións son as mesmas de 1889, e a terceira coincide coa cuarta de 1936, da que simplemente se eliminou o adxectivo étnico. Non se recuperou a acepción territorial de 1869, aquela que aínda estaba exenta da carga política que, anos máis tarde, lle sería subministrada á palabra. Resulta interesante comprobar como noutros idiomas permanece a acepción territorial convivindo, sen problema algún, co resto de acepcións correntes en castelán: en portugués «patria, pais natal» (Houaiss); en inglés «1. a stable, historically developed community of people with a territory, economic life, distinctive culture, and language in common» (Webster´s); en francés «Ensemble de personnes établies sur un territoire et unies par des caractères ethniques, des traditions linguistiques, religieuses, etc. » (Academie F. 9ème édition); etc.

Tamén resulta interesante estudar o significado que de «nación» dan os diccionarios de galego. O primeiro que sorprende é que, de tódolos diccionarios históricos do galego, soamente o de Don Eladio rexistra a acepción socio-política da palabra: «nación: s. f. Conjunto humano o pueblo que constituye una comunidad cultural peculiar. Territorio o país de cada pueblo o comunidad cultural peculiar.», ademais co carácter de única. Sobresae tamén a diferencia clara que se observa entre os significados que rexistran os diccionarios de galego actuais e os do diccionario da Real Academia Española. Comezando polo diccionario da Real Academia Galega (1997): «nación s.f. Comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa. A nación de Breogán. Sociedade de nacións. CF. país, pobo, terra. ». O diccionario de Xerais (Ed. 1986): «nación.. s.f. Comunidade de individuos cunha lingua, un territorio, vida económica e idiosincrasia colectivos, con vínculos culturais e cunha historia común... OBS. É inexacta a pretendida identificación de nación con Estado independente, políticamente organizado; en poucos casos se dá actualmente esta coincidencia, sendo o máis corrente que varias nacións formen un estado..., que unha nación se estenda por varios estados..., ou que estea integrada nun Estado (Bretaña, Galicia... ». O diccionario de Ir Indo (www.digalego.com): «nación: s f DER/POLÍT Comunidade de individuos aos que uns vínculos determinados, basicamente culturais, económicos e unha historia común, lles dan unha fisionomía propia, diferenciada, e unha vontade de organización e proxección autónoma que os leva a querer dotarse de institucións propias, ata que se constitúa o estado. ». En fin, á vista desto, calquera diría que nación en galego e nación en castelán son palabras diferentes. Na realidade case se poderían considerar antónimos: de acordo cunha interpretación estricta do diccionario da Real Academia Española, España sería unha nación e Galicia non; mentres que, pola contra, segundo os diccionarios de galego que analizo, Galicia sería a nación e non España. ¿?

Hai que mollarse

Despois da primeira entrega sobre este tema, pedíame un amigo a través dun correo que me mollase máis. Para compracelo, e aínda sabendo que dicir o que se pensa é unha das formas máis eficaces de perder amigos, pregúntome: en que quedaría a palabra «nación» se eliminásemos as perturbacións semántico-políticas que sufriu desde finais do século XIX? En algo totalmente inofensivo, nunha palabra que máis axudaría a sumar cá restar. Formulemos entón a consabida pregunta: existe a nación de Galicia? Por suposto que existe; e a de Cataluña, e a de Euskadi. Tamén, indubidablemente, a de España: aí están as abundantes referencias que nos falan de tal nación desde a Idade Media, sinal clara dunha identidade ben diferenciada; parte esencial, por certo, da nosa tradición cultural e da nosa historia constitucional desde 1812. E tamén existe a nación Europea, a Africana,... e, se queredes, ata a nación do Ribeiro. Entón, por que pode un afirmar, sen problema, que o seu país ou a súa patria é o Ribeiro ou Bergantiños e, non obstante, sinte certo reparo á hora de dicir que esa é a súa nación? Sen dúbida debido á carga política que se lle deu ó significado de nación e ós rumbos semánticos que se lle marcaron á palabra. Pois ben, creo que non resulta admisible que ningunha autoridade marque ou altere o rumbo semántico das palabras. A ninguén se lle ocorrería, por exemplo, fixar como significados exclusivos de calor e peso os que se corresponden cos de tales magnitudes na física, e iso a pesar de que teñen unha definición única e universalmente aceptada pola comunidade científica. Moito menos debería de restrinxirse, entón, o campo semántico de palabras coma nación, para as que nin sequera existe unha definición única no marco xurídico-político. Non, nunca foi boa solución poñerlle portas ó campo.

Identidade nacional e afectividades nacionais

Tamén me gustaría escribir algo sobre o que poderíamos chamar afectividades ou sentimentos nacionais. Hai xente á que lle gusta facer preguntas do tipo: e ti sínteste máis galego ca español, ou máis español ca galego? A pregunta resulta tan impertinente coma aquela que nos facían de nenos: e ti a quen queres máis, á mamá ou ó papá? Pero nona esquivarei. En primeiro lugar debo dicir que é feito comprobado que tódalas forzas da natureza perden intensidade coa distancia. Coas afectividades entendo que debe suceder algo semellante, aínda que non resulte infrecuente atopar xente aparentemente moi preocupada por problemas distantes que non move unha palla por tratar de solucionar os próximos. Tamén resulta evidente que o amor á familia nunca debe ser incompatible co amor ou, como mínimo, co respecto ós veciños. Do mesmo xeito, as afectividades nacionais non teñen por que ser únicas, e moito menos excluíntes.

Agora ben, as afectividades nacionais, moi importantes, pero en última instancia subxectivas e en certa medida abstractas, non conforman a totalidade do que significa unha realidade nacional. O conxunto de normas, autónomas ou de ámbito máis xeral, que regulan a vida dos individuos son concretas e caen fóra das afectividades ou sentimentos nacionais. A defensa da identidade nacional nunca pode perturbar o exercicio dos dereitos da persoa, sobre todo dos máis fundamentais, que deberían ter carácter universal. Resumindo: a defensa das liberdades dos individuos está por diante de calquera identidade nacional. Ademais, sería desexable que ese tipo de dereitos e liberdades emanasen de ámbitos normativos superiores á nación, e tanto máis canto menos extensa sexa esta. Non quero nin imaxinar o inferno que podería ser vivir baixo un goberno único do tamaño do pobo ou da cidade na que vivimos; tal vez sería semellante, en canto a inferno, ó que resultaría dun poder universal e centralizado único. Polo demais, considero que a identidade nacional debería poder sentila cada quen como lle parecese; e incluso non sentila.

Podería pensarse que ese plurinacionalismo optativo, ou de libre configuración, que defendo desactiva o nacionalismo. E digo eu: se o que desactiva é o nacionalismo único e de dirección obrigatoria que algúns pretenden, benvida sexa a desactivación Estou totalmente de acordo con Savater cando defende o plurinacionalismo -cara arriba e cara abaixo, como di el-, fronte ó nacionalismo único. Pola miña parte, non creo en nada incompatible sentirse galego con sentirse español. Ó contrario, fago miñas as palabras de Antón Losada Diéguez, un dos pais do nacionalismo galego: ser galego é a miña forma de ser español.


Pero, xa me estou metendo no tema da próxima entrega: o nacionalismo.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Qué importantes son estas fiestras de libertade!

Moitas grazas, querido Frutos

Le Vieux