domingo, 7 de marzo de 2010

Palabras sobre Xulia

Chegáronme varios correos cun enlace para que vise o vídeo de Xulia (http://eufalo.tv/video/xulia/), unha cativa de seis anos que vive entre Vigo e Bruxelas e que di falar seis idiomas: galego, castelán, francés, neerlandés, inglés e portugués. Todo o persoal quedou abraiado: a maioría queren ter unha nena coma ela, algúns ven na rapariga a unha futura presidenta, e case todos coinciden en poñela como exemplo do que teñen que ser os galegos do futuro. A min, non obstante, o que máis me interesou do vídeo foi saber que a palabra favorita de Xulia en galego era «non». ¡Demo de rapaza!, xa descubriu a importancia de dicir que non sen necesidade de ler O home rebelde de Camus: «Que é un home rebelde? un home que di que non...». Non teño dúbidas: Xulia vai ser das miñas.

E, o de que fale seis idiomas? Pois, aparte de confirmarme que os idomas apréndense por práctica e necesidade máis ca por estudo, a verdade, non lle dou gran importancia; paréceme o normal. O raro sería que non os falase. Vivindo en Vigo, que cousa máis natural que falar galego e castelán, e algo de portugués? Vivindo en Bruxelas, que cousa máis natural que falar francés e algo de neerlandés? E indo ó colexio, que cousa máis natural que falar algo de inglés? O asombro da parroquia lémbrame ó famoso epigrama de Fernández Moratín:

Admiróse un portugués
de ver que en su tierna infancia
todos los niños en Francia
supiesen hablar francés.
«Arte diabólica es»,
dijo, torciendo el mostacho,
«que para hablar en gabacho
un fidalgo en Portugal
llega a viejo, y lo habla mal;
y aquí lo parla un muchacho».

Sen ir máis lonxe, a miña veciña Isabel, dunha idade semellante á de Xulia, que vive entre Alemaña e o Carballiño, fala alemán, galego e castelán, e supoño que chapurreará algo de inglés e de portugués. Do mesmo xeito, pero á inversa, cae dentro do máis normal que o señor Ezequiel de Lentille, que o sitio de máis lonxe que coñece é Figueirido –de cando fixo a mili-, non fale máis có galego e entenda malamente o castelán, e iso a pesar de que recita a misa en latín enteiriña. O verdadeiramente asombroso sería que o señor Ezequiel soubera seis idiomas se sempre lle bastou cun.

O home que sabía vinte idiomas e non precisaba ningún. O home que falaba vinte idiomas e non tiña nada que dicir. O país dos políglotas: un reino onde non se escoitaban máis ca tonterías. Sóanme a títulos de relatos kafkianos e a proxectos educativos de vangarda.

Pero, o que non me gustaron moito foron un par de preguntiñas que lle fixeron a Xulia. A ti que che gusta máis, Galicia ou Bruxelas? Que idioma che gusta máis? Que ía dicir a pobre nena para eufalo tv? Nunca estiven en Bruxelas, pero, polo que teño visto, lido e escoitado, non creo que nada lle teña que envexar ás nosas cidades, máis ben ó contrario. En canto ós idiomas, pois supoño que en todos se poden dicir cousas moi fermosas. Lévame iso a dúas reflexións. A primeira, sobre a crenza tan xeral entre os galegos de que o noso é o mellor país do mundo. A segunda, sobre o que nos gusta aproveitar calquera ocasión para buscar eloxios á nosa terra. Con respecto á primeira crenza o máis probable é que sexa falsa, simplemente por estatística, cousa que non me preocupa en absoluto; eu estou totalmente de acordo con Barreiro Rivas cando afirma que «a miña terra non precisa ser a máis fermosa do mundo para tela no centro do meu corazón»; e o mesmo se podería dicir da fala. A segunda reflexión lémbrame algo que escribiu Sánchez Ferlosio: o aplauso é un espello traidor, nunca desengana, acomódase ós desexos da propia vaidade e caricaturiza a realidade.

Remato. O outro día agasallaban cun DVD de O Gatopardo de Visconti ó mercar o País. Aproveitei para ver a película por enésima vez e para comprobar como me gusta cada vez máis. Tal vez veña ó caso lembrar unhas palabras que G. T. de Lampedusa poñía na boca de don Fabricio: «querido Chevalley: os sicilianos nunca poderán mellorar pola sinxela razón de que se cren perfectos.».

Ah!, e un biquiño para Xulia. Estas non eran palabras para ela. As verdadeiras Palabras para Julia son as de Goytisolo, as que a min me gustan tanto na incomparable voz de Paco Ibañez. Aquí me quedo entón, sentindo a inmensa emoción que me embarga ó escoitar estes versos que, por sorte, aínda non pode entender Xulia, a pesar de que fala o castelán.

Tú no puedes volver atrás
porque la vida ya te empuja
como un aullido interminable

....




2 comentarios:

Anónimo dijo...

Moi fermoso, interesante e ben razoado seu comentario, hoxe pensaba, moitas fillas e fillos dos emigrantes galegos de Suiza, Franza, Reino Unido, Estados Unidos, Alemania son como Xulia e viven nesas realidades e o raro seria que non falaran esas linguas, concordo plenamente. Xulia ten ese nome por ese poema e un dia vai ler o que vostede escribiu para ela, ou de casualidade sobre ela. O bico vai ser dado cando acorde esta noite, moitas grazas. Unha nai da rede

Jeanfrujo dijo...

Moitas grazas polas túas palabras. Se o comentario que facías xa me resultaba agradable, a sorpresa final converteuno en emocionante.
Imaxino un mundo cun poema ou unha canción detrás de cada nome e penso no afortunada que é Xulia.
De verdade, nai da rede, milagres coma este dan folgos para seguir lanzando mensaxes ó baleiro.