jueves, 25 de febrero de 2010

Palabras que carga o demo: nación e nacionalismo (I)


Hai uns días pasábame un amigo un libro de Javier Cercas. Titúlase La Verdad de Agamenón (Tusquets, 2006) e trátase dunha recopilación de escritos e artigos de temática diversa, previamente publicados na súa maioría polo diario El País. Recomendábame o meu amigo a lectura de dous deses artigos: Sobre el nacionalismo (más o menos) e Una discusión posible. Os dous artigos son froito dunha polémica habida entre o autor do libro e o historiador catalán Joan B. Culla arredor do nacionalismo. A súa lectura, e a dos dous artigos de Culla –que o libro evidentemente non inclúe-, foi o que me animou a escribir algo sobre estas dúas palabras: «nación» e «nacionalismo». Desconfío que, a pesar de ser palabras de uso moi frecuente, temos unha idea máis ben confusa sobre o seu significado. E o que é peor, aínda no caso de termos unha idea clara do significado que nós lle damos, poucas veces estamos seguros que este sexa idéntico ó que lle dan os outros. Trátase, na miña opinión, dun caso máis de imprecisión na linguaxe, unha das causas fundamentais da charlatanería que nos inunda. A mesma que fai que moitas aprendizaxes resulten deficientes, a maioría das discusións bizantinas e boa parte das nosas filias e fobias pouco fundamentadas.

«Ya sé que voy a meterme en camisas de once varas..», escribe Javier Cercas no inicio do primeiro dos artigos que me recomendou o meu amigo: ¡e meteuse!, paréceme a min. ¡Tratarei de non meterme eu nunha de vinte!, aínda que non creo que o consiga. Claro que, xoga ó meu favor un feito: non pretender tanto dar unha definición de nación ou nacionalismo coma estudar a evolución histórica do contido semántico das dúas palabras. Evidentemente, na medida das miñas posibilidades: que non son moitas. Partirei dun fragmento do citado primeiro artigo de Javier Cercas: «como todo el mundo sabe... el nacionalismo es una ideología que se inventan los románticos y que se basa en la idea de que existe un alma de los pueblos que recorre la historia, inmutable y eterna, y por tanto ahistórica...». Admírame que o excelente escritor o teña tan claro -ou o tivese, xa que o texto é de 1998-, pero non todo o mundo debe gozar de tal claridade conceptual. A mesmísima Enciclopedia Británica, na voz correspondente, afirma que probablemente non exista palabra no vocabulario histórico e político contemporáneo máis cargada de ambigüidade ca nacionalismo. A outra afirmación, relativa a que é unha ideoloxía inventada polos románticos, afirmación coa que Culla está de acordo, pero que tamén pode discutirse, da pé á maioría das reflexións que quero facer neste primeiro post sobre o tema.

Como ben apuntaba o gran historiador francés Marc Bloch, de quen somos devotos o meu amigo e máis eu, toda análise precisa dunha linguaxe apropiada, e iso non resulta sinxelo. Por unha banda, os cambios nos conceptos e nas cousas non acostuman producir cambios paralelos nos nomes correspondentes. Por outra, moitas palabras novas serven para describir situacións pretéritas. Un exemplo da primeira situación témolo no significado da palabra vila en galego: sinónimo de aldea na Idade Media, de poboación con xurisdicción na Idade Moderna e de cabeza de partido xudicial ou de poboación con certa entidade na Idade Contemporánea. A palabra permaneceu pero a semántica foi cambiando. Para a segunda circunstancia, a que agora máis nos interesa, dános un exemplo moi axeitado o mesmo Marc Bloch: case ninguén fala hoxe dos servus > servos romanos, falamos dos escravos de Roma; non obstante, a palabra escravo era descoñecida en Roma, naceu arredor do ano 1000, nos mercados de carne humana onde os cativos escravos eran modelo de submisión absoluta. Foi iso o que fixo que escravo se considerase palabra axeitada para referirse ós servus romanos, e diferencialos así dos servos medievais. Debería levar iso a negar a existencia de escravos na época romana?

Pois ben, a palabra nacionalismo, de orixe probablemente británico, aparece a finais do século XVIII. Parece ser que a primeira referencia documentada(1) é a que figura nas famosas Mémoires pour servir a l´histoire du jacobinisme (1797) do Abate Barruel, o destacado contrarrevolucionario francés promotor da tese da conspiración universal contra o antigo réxime a e relixión, que tanto éxito tería en España. Escribía Barruel: «Le Nationalisme ou l´Amour National prit la place de l´amour général. Avec la division du globe et de ses contrées, la bienveillance se resserra dans des limites qu´elle ne devoit plus franchir...» (O nacionalismo ou amor nacional ocupou o lugar do amor xeral. Coa división do globo e dos seus países, a benevolencia restrinxiuse a uns límites que nunca debía traspasar..). Aquí estaría o primeiro significado de nacionalismo, máis relacionado coa formación dos novos estados ca co romanticismo, unha relación que nacería un pouco máis tarde. Pero, pregúntome: ese Amour National nacía nese momento xusto coa palabra nacionalismo? Creo que a resposta a esta cuestión debe ser un rotundo non. Haberá unha manifestación máis clara de nacionalismo extremo cá que puxo Sófocles na boca de Creonte, cinco séculos antes de Cristo, en Antígona?: «...o que estime máis a un amigo cá súa propia patria, a ese teño por un ser desprezable.». Non foi a rebelión de Andrisco de Macedonia, no século II, un exemplo de nacionalismo defensivo contra o centralismo unificador romano? Non está o segredo do Principe de Maquiavelo nun xusto sentimento de nacionalismo? E, que é a pasión nacional que ataca o Padre Feijó nun dos seus máis famosos discursos, senón a condena dun nacionalismo exacerbado? Non, o nacionalismo como ideoloxía xa existía, digan o que digan Cercas e Culla. Bautizouse nesa época que di Javier Cercas, pero xa existía. Do mesmo xeito, ninguén defendería que o «localismo» é unha ideoloxía que se introduce en España a finais do século XIX, apoiándose no feito de que Unamuno comezase a utilizar a palabra nesa época; nin que a «bioloxía» naceu coa acuñación do termo, a finais do século XVIII; e, moito menos, que non existía osíxeno na atmosfera antes de que Lavoisier lle puxese ese nome ó gas en 1777.

Claro que para tratar de aclarar algo sobre o nacionalismo e o seu significado, teríamos que aclarar antes o significado de nación. Iso será sobre o que escribirei nun próximo post. Que tampouco ten por que ser o seguinte, do mesmo xeito que o seguinte tampouco tería por que ser próximo.

En fin, saúde e ata o próximo. Que será o seguinte.


(1) Apunta Savater, seguindo a B. Jouvenel, no seu libro Contra las Patrias, un primeiro rexistro da palabra «nacionalismo» diferente do que aquí cito, e lixeiramente posterior. Corresponderíalle a acuñación da palabra a un tal Rodolfo Z. Becker detido por Napoleón, en 1812, acusado de realizar actividades proxermánicas. Becker deféndese dicindo que «ese apego á nación, que podería chamarse nacionalismo, concíliase perfectamente co patriotismo debido ó Estado do que se é cidadán». A cita de Jouvenel, indirecta, por tela tomado el de Charles Schmidt, parece tan axeitada para diferenciar os conceptos de nación e estado que levanta sospeitas sobre a súa veracidade; non resulta raro que Savater se protexese cun previo e significativo «de creer a Charles Schmidt». En todo caso, a referencia que aquí se dá resulta indubidable –por estar o libro do abate Barruel editado nesa data-, e anterior á que apunta Savater.

No hay comentarios: