Non hai moito tempo encabezaba un artigo do meu blog con esta cita de W. Benjamin: “o xenio é laboriosidade”. Esta semana ocúpase do mesmo tema Gaspar Hernández no País Semanal, cunha interesante reportaxe que leva por título El talento para quien se lo trabaja.
Os que nos dedicamos ó ensino creo que podemos saber algo de todas estas cuestións. Todos os profesores temos observado en múltiples ocasións que, cando estamos explicando un novo tema, se propoñemos algunha cuestión para ver en que medida os alumnos están entendendo as argumentacións, poucas veces son os que obteñen mellores cualificacións os que dan as respostas adecuadas; aínda máis, non resulta raro que sexan alumnos con pésimas cualificacións os que dean no cravo. Claro que a frecuencia destas observacións decrece nos cursos superiores, segundo os temas que se presentan van precisando dunha base conceptual maior. Non obstante, nas probas escritas e nas cualificacións finais, case sempre son os alumnos máis traballadores os que acadan mellores cualificacións.
Todo isto lévanos a importantes conclusións. A primeira, evidente, que non todos os alumnos presentan as mesmas capacidades innatas para unha determinada disciplina. A segunda, de grande importancia, que vale moito máis o querer que o poder: a mensaxe sería que, nos estudos, cun mínimo de aptitudes, todo aquel que quere, se ten capacidade de traballo e disciplina, pode alcanzar resultados espectaculares. A terceira, non menos importante, que algo debemos estar facendo mal cando moitos alumnos con excelentes aptitudes fracasan nos seus estudos.
En todo caso, a reportaxe do País Semanal pode resultar interesantísima, tanto para profesores, coma para pais e, por suposto, para os propios alumnos. Entre as consecuencias relevantes da mesma, eu destacaría dúas:
• Detrás dos malos resultados académicos poucas veces hai unha incapacidade para o estudo; case sempre falta de disciplina, falta de metodoloxía ou simple inadaptación ó sistema.
• Detrás das cualificacións excelentes poucas veces hai xenios; maiormente individuos disciplinados, con boa capacidade de adaptación ó sistema, que saben o que queren e que utilizan unha metodoloxía axeitada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario