martes, 8 de marzo de 2011

Edelmiro Bascuas: o ben case nunca fai ruído


Quería descubrir si el nombre del río
podía estar relacionado con el rumor,
con el fragor de sus fuentes,
como sostenían algunas etimologías..
Claudio Magris (El Danubio)

Foi onte, lendo o xornal “La Voz de Galicia” na cafetería habitual, cando souben do pasamento de Edelmiro Bascuas López, don Edelmiro segundo me gustaba a min chamarlle, tanto por idade coma por autoridade. Logo, na casa, descubrín que a triste noticia xa se producira a mediados do pasado mes de febreiro.

Resulta totalmente certa a afirmación coa que dá comezo a fermosísima columna, “Edelmiro Bascuas, amigo y maestro”, que, na súa memoria, escribía Segundo L. Pérez López no diario antes citado: «La vida del sabio pasa desapercibida, casi siempre, para el común de los mortales.». E, estou plenamente de acordo con que tal afirmación se faga na memoria de don Edelmiro: á súa condición de sabio, comunmente aceptada por todos os que tivemos a sorte de tratalo, uníase a súa profunda humildade e ese xeito de pasar pola vida, «como de puntillas para no molestar», que remarca o brillante cronista no seu eloxio do finado.

Persoa boa e xenerosa onde as houbera, sempre estaba disposto a compartir o seu inmenso caudal de coñecementos filolóxicos con calquera que llo solicitase, aínda que fose con persoas tan insignificantes coma min, con tantas ignorancias nese campo do saber. Non foron poucas as voces do meu libro “Nomes do Ribeiro” nas que contei co seu sabio consello. Tampouco podo esquecer que dedicase parte do seu verán do 2008, en Espinho, a ler con atención a miña minúscula obra; iso, vindo dun mestre da toponimia coma el, foi unha das maiores satisfaccións que me produciu a publicación do libro. E que foi un dos lectores máis atentos dos “Nomes do Ribeiro” quedou demostrado por todas as anotacións que me fixo saber, á volta de Portugal: unhas para mostrar o seu acordo con algunhas das etimoloxías propostas, outras as súas dúbidas e outras o seu total desacordo.

Foise, é certo, «como de puntillas para no molestar», pero aí queda a súa monumental obra. Entre a publicada, porque o seu traballo aínda nos deparará algunha satisfacción, lembrar os seus “Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega” e a súa “Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia”, referencias obrigadas ámbalas dúas para tódolos estudosos da toponimia prelatina.

Grazas por todo e que Deus llo pague, don Edelmiro.


5 comentarios:

Ulmo de Arxila dijo...

... e o seu estudo sobre "biortos" e "chavellas", e o seu artigo sobre os "regos" e "regueiros", e sobre as vellas e célticas "ambas", e moitos outros reveladores e suxerentes que iluminaron o noso traballo ao longo destes últimos anos.
Non tiña eu noticia do pasamento de don Edelmiro, e fiquei frío ao lelo. Descanse en paz.

Ulmo de Arxila dijo...

E digo eu: ningunha nota ao respecto na páxina da AGON? Ningunha notificación aos socios, ningún correo informando da lutuosa noticia?

Jeanfrujo dijo...

Ulmo, … asaltáronme as mesmas preguntas.

Anónimo dijo...

Eu aínda que sabía da súa enfermidade, non pensaba que fose mortal, aínda chamei á súa dona no Nadal para lle preguntar; o outro día, cando lin o artigo de La Voz, levei un gran desgusto. Efectivamente,temos que facer algo sobre o querídisimo amigo don Edelmiro en Agon, xa que era un ser excepcional en canto a sabeduría e humildade,valores que hoxe cómpre buscar con lupa; pola miña parte mirarei, dentro das miñas posibilidades, de honrar a súa memoria como é debido ao mesmo tempo que rezarei á miña maneira para que a terra lle sexa leve. Descanse en paz, o grandísimo -non só en altura física- e boísimo amigo, que me deixa orfo do seu afecto, da súa simpatía e das súas insinanzas

Cossue dijo...

Tremenda perda para todos... Unha aperta para os que o coñecestes...