martes, 21 de junio de 2011

O 15-M e "Mouseland"


Las instituciones de la república han sido degeneradas,
sobre todo por el dinero. ..
…la desilusión con los políticos, los aparatos de los partidos
y sus políticas nunca ha sido mayor.
No deberíamos ignorar esos sentimientos…

Algo va malTony Judt


Onte domingo celebráronse con grande éxito as manifestacións do movemento 15-M en toda España. O número de asistentes foi moi importante; pénsese que esta xente non ten as infraestructuras dos partidos ou outras asociacións que todos coñecemos, capaces de poñer en circulación a miles de autobuses para trasladar ó persoal adepto a Madrid ou a outras capitais. Por outra banda, este movemento conseguiu algo moi difícil, e moi revelador: que ningún medio de comunicación importante os apoie de forma clara; na mente de todos están as manipulacións informativas da semana pasada tratando de convencernos de que o movemento estaba derivando cara a violencia –chegando nalgúns casos a usar imaxes que correspondían a disturbios noutros países-. Os mesmos que facían bromas co tema do lanzamento do zapato a Bush ou coas “trifulcas” noutros parlamentos cando os deputados chegan ás mans, os mesmos que quitaban importancia ás agresións ó presidente do Parlamento de España e ó seu fillo cando asistían a unha manifestación antiterrorista, escandalízanse agora porque lle mancharon a chaqueta a unha deputada catalana ou porque algún outro levou uns empuxóns...

Resultan indignantes as declaracións dalgúns políticos que tratan de quitarlle importancia ás manifestacións  dicindo que a verdadeira democracia está nas urnas.  Parvada semellante sería considerar que a verdadeira xustiza está nos tribunais exclusivamente ou que a verdadeira relixiosidade demóstrase coa asistencia ós oficios litúrxicos. Non, a todos eles diríalles que non hai peor xordeira cá dos que non queren oír, e  que é conto vello e falso tratar de reducir a democracia participativa ó exclusivo deposito periódico dun voto. Mirade senón o vídeo adxunto que me enviaba hai un par de semanas o amigo Carlos Núñez “Le Vieux”:



A fábula, de 1962, foi creación de Thomas Douglas (1904-1986), destacado político socialdemócrata canadiano,  principal impulsor do sistema público universal   de saúde nese país de Norteamérica. E paréceme que vén que nin pintada.

3 comentarios:

Ramón Cid. dijo...

Non podo estar máis de acordo coas reflexións de Jeanfrujo.
Arrimando o tema ao meu terreo, pregúntome inxenuamente se estamos no que en ciencia se coñece como "cambio de paradigma". En moitas ocasións da historia da ciencia ten ocorrido este proceso. A ortodoxia non daba máis de si e a maioría do "establishment" estaban acomodados na resignación, na mediocridade, e nas poltronas. Pero entón, algúns novos sen nada que perder comezaban a amosar outras alternativas ás liñas tradicionais. Ao principio recibían as risas benevolentes pero a miúdo os ataques furibundos... pero finalmente acabaron por impoñer as novas ideas e a vellas eran desterradas. Quizáis o Einstein de principios do S.XX representou mellor que ninguén esta situación coa irrupción da súa versión relativista do movemento e a súa interpretación cuántica do efecto fotoeléctrico.
Estamos nun "cambio de paradigma" do modelo político, económico, cultural?
O singular deste proceso é que se está movido pola mocidade máis preparada da historia do pais e ten unha inequívoca compoñente pacífica (por máis que algúns nos tenten mostrar o contrario).
É unha revolución espontánea, culta e pacífica e iso atrae a xentes de todos as ámbitos.
Que vai pasar?
Eu non son optimista, pero desexo que esta axitación das conciencias sirva para que os votantes nos decatemos de que o modelo actual está agotado, e obriguemos ás clases políticas a renovar os sistemas de participación cidadá na toma de decisións.
Hoxe parece haber só dúas vías posibles: a indignación ou os mercados.
Indignémonos.

Anónimo dijo...

Si, este mal modelo está agotado, porque só pretende seguir potenciando os grandes privilexios que disfruta e consume a clase política.

Jeanfrujo dijo...

Uff!!! Creo que non se pode tratar de abordar cun simple comentario a complexidade das cuestións que están implícitas en calquera dos dous que fixestes.
Comezando polo que anota Ramón. En efecto, hai certas similitudes, en xeral, entre as dúas situacións que comparas. Non son poucos os intelectuais que observan un esgotamento dun modelo socioeconómico e a necesidade dun novo que nos saque da crise estrutural na que nos atopamos, consecuencia da radicalización do sistema neoliberal. Estaríamos, nese senso, precisando un “cambio de paradigma”, si.
A min gústame especialmente unha tese de José Mª Ridao, quen aprecia como causa fundamental da situación actual un previo “cambio de utopía”. A partir dos anos oitenta a denominada “utopía social” comezaría a cambiar; dunha utopía centrada na consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria pasaríase e unha utopía centrada na eficiencia e no éxito persoal. Paralelamente sucedería algo aínda máis importante: a “utopía” cambiaría de mans, e pasaría da esquerda á dereita… O problema, non obstante, na miña opinión, pode ser bastante máis complexo, sobre todo porque unha parte significativa do mundo –xustamente os países que conseguiron sacar maiores beneficios deste estado de cousas (China, India, Corea,…)- son países “heterodoxos” desde o punto de vista da nova utopía dos mercados eficaces e liberados…
Agora ben, o que acabo de escribir refírese ós países occidentais en xeral. Pero unha boa parte dos problemas que presenta España nada teñen que ver con esa situación. Son problemas específicos de España. E son eses, na miña opinión, os que hai que tratar de solucionar en primeiro lugar. Volvendo ó simil científico: o quecemento global causa grandes problemas de índole medioambiental, pero non tódolos problemas medio ambientais son debidos ó quecemento global. Resulta polo tanto perigoso simplificar en exceso o problema, e moito máis pensar que a solución dos problemas específicos de España pasan polo arranxo dos problemas do mundo. Sería o caso dun alumno que diante dos suspensos, en vez de estudar a materia da que vai ser examinado, se empeñase en cambiar o sistema educativo … Resulta evidente que non se trata da mellor solución; pois o mesmo deberíamos pensar con respecto ós problemas do noso país. E non esquezamos que case todos os problemas de España converxen nun punto: o país gastou máis do que podía e onde non debía!...
E con respecto ó comentario anónimo: a potenciación dos privilexios da clase política, con ser importante, non creo que sexa a única pretensión do modelo que impera (ogallá fose soamente iso!). Máis ben creo que son os grandes beneficiados –as grandes corporacións e os seus administradores- os máis interesados en transmitir esa imaxe –certa case sempre- dos políticos e da política. Do mesmo xeito, hai tempo, había unhas maquiniñas que utilizaban zucre para atraer as moscas, e logo acababan con elas.
En todo caso, repito, sobrepásame a complexidade de todos estes temas. Boto en falta, é certo, a aportación da intelectualidade. Pero esa clase hai tempo que desapareceu deste país: a boa vida acabou con eles! Sabíanlle do mal, igual cás moscas!