domingo, 6 de mayo de 2012

Nai



Deixou escrito Edmundo de Amicis que ó asasino que respecta á súa nai aínda lle queda algo de honradez e nobreza no corazón, pero que cando o máis glorioso dos homes aflixe ou ofende á súa, este non é máis ca unha vil criatura. Hoxe celebrouse o día da nai.  Todos os que aínda temos a infinita sorte de conservala fomos xubilosos a bicala e a felicitala, e a solicitarlle perdón por todas as veces que, insensatos, puidemos ofendela; tamén fomos a pedirlle a Deus que nos conserve canto poida ese tesouro sen prezo que é unha nai. Os malpocados que xa tiveron a desgraza de perdela, hoxe de seguro a lembrarían e lle rezarían; tal vez lle dirían, simplemente, que no seu corazón e na súa memoria ela segue a ser a mellor muller do mundo.

Que algún non se lembrou? Non pasa nada! Mañá volve a ser o día da nai. Tódolos días son días da nai!

O meu agasallo para todas elas, lembrando a nosa nenez, é este poema de Victor Campio Pereira.


Nai

Aquelas mans
estaban feitas para me acariñar.

Aquela voz falábame
coa rumorosa música do mar.

Aqueles ollos tiñan
a claridade da mañá.

Aqueles brazos eran,
eran aqueles brazos un bambán.

E eu era aquel rapaz.