domingo, 27 de mayo de 2012

Ribeiro: un nome e un apelido



O pasado domingo día 7 de maio estiven en Ribadavia, na quincuaxésima edición da Feira do Viño do Ribeiro. Tiña que falar do nome do Ribeiro e do apelido homónimo. A organización do certame decidiu homenaxear a todas as persoas que presentasen este apelido en calquera das súas variantes, para nomealos embaixadores deste viño e destas terras polo mundo adiante. A cita era ás 11 da mañá, e eu contaba con que estaríamos en familia, pero a sorpresa foi grande cando comprobei que tal convocatoria lograra reunir a medio cento de posuidores do dito apelido. Isto asustoume un pouco: o que eu pensaba dicir era que as orixes do apelido, salvo en contados casos, nada tería que ver co Ribeiro. E non sabía que tal sentaría isto entre a asistencia, organizadores incluídos. En fin, isto foi o que dixen.

Bos días a todos.

Convócaseme aquí para falar de nomes e apelidos, máis en concreto, do nome Ribeiro e do apelido homónimo. Pero o título desta charla podería ser “As cousas poucas veces son o que parecen”. Isto, aplicado á historia, adoita incomodar á xente, por iso advertía o Padre Feijó: «aqueles que escriben para desterrar falsas crenzas non deben sorprenderse de que o público reciba con desagrado os seus escritos». Non obstante, hai que dicir cos mestres, desde Luciano de Samosata a Rubén García Álvarez, pasando polo P. Feijóo, que  o historiador debe ter como principal amigo a verdade dos feitos e non o aplauso do pobo. E, neste senso e nestes tempos, conviría lembrar que nin o turismo nin o comercio teñen potestade para terxiversar a historia. Ademais, no Ribeiro, para presumir de historia, non precisamos nin da exhibición de falsas mitificacións nin da ocultación de vergoñentas realidades pasadas.

Dito isto, vaiamos co que nos ocupa.

Como xa saben, ribeiro é un derivado do latín ripa, substantivo feminino que se refire  ás terras que lindan coas augas, dun  río, dun mar ou dun lago. Este substantivo latino é o que está detrás do nome desta vila, Ribadavia, antiga Ripa d´Avia. De ripa deriva riparia, que deu o galego ribeira. Non obstante, o riparius masculino preciso para ribeiro non existía no latín clásico, é palabra do latín medieval e podería ter, creo eu, unha connotación de tamaño con respecto á forma feminina, igual ca cesta/cesto, leira/leiro ou poza/pozo. O primeiro ribeiro que atopamos na documentación medieval galega aparece nun diploma de Samos do ano 982, e nada ten que ver co Ribeiro da Avia, trátase dun ribeiro no val do río Neira, en Lugo. Logo atopamos ribeiros espallados por toda Galicia. Os Ribeiro eran nomes de paraxes agrícolas, e algúns deles, máis tarde, pasarían a ser nomes de lugares habitados. Isto vale para entender que Ribeiro é un nome bastante común na toponimia, e que non ten nada de especial ou singular. O Nomenclátor de Galicia rexistra ata 14 lugares habitados co nome de Ribeiro, ningún, por certo, no Ribeiro, aínda que existe polo menos un,  na freguesía de San Fiz do Barón (O Carballiño).

Da Terra do Ribeiro da Avia, como lle gustaba dicir a Otero Pedrayo por ser consecuente coa documentación medieval, comezamos a ter noticias arredor do final do primeiro cuarto do século XIV. A primeira referencia que coñezo é do ano 1325, nun documento de San Clodio que asina «Afonso Rodriges notario jurado en terra do Ribeyro da Auia». A partir desta data, as referencias son moi numerosas. A Terra do Ribeiro da Avia era unha das xurisdiccións baixomedievais que resultara da escisión doutra circunscrición máis antiga, a da Terra de Castela, terra que agrupou ata o século XII todo o que son agora as comarcas do Ribeiro e O Carballiño. Esa Terra do Ribeiro da Avia, como división administrativa, tivo unha vida relativamente curta, uns escasos cento cincuenta anos. A derradeira noticia da mesma aparece no libro de notas do concello de Ourense, nun apunte de 1467, un ano moi importante na historia de Galicia, o ano no que o pobo ó grito  de ¡Deus fratresque Galletiae! arremeteu contra dos señores e das súas fortalezas na denominada revolta Irmandiña. A nota di: «os do Ribeyro da Ávea e dos ditos partidos tomaran e querían tomar en sí as ditas fortalesas e derribaron Roucos e Formygeiro e Pena Corneyra e querian derribar a Peroja e Cabadoso e Juuencos». Unha das víctimas daquelas revoltas foi a Terra do Ribeiro da Avia. Nos novos señoríos xurisdiccionais do século XVI xa non estaba O Ribeiro da Avia; desde entón, soamente a xurisdición de San Clodio do Ribeiro de Avia mantería o rastro toponímico da antiga terra. O resto do antigo territorio repartiríase entre diversas e pequenas xurisdiccións, a maioría de señorío do Conde de Ribadavia: Castro Cavadoso, Roucos, Veiga e Carballeda e Ribadavia,  xurisdiccións distintas pero que se  recoñecían na práctica co nome unificador de Condado de Ribadavia. Coincide esa época do século XVI coa de maior fama dos nosos viños, e esta é a razón pola que maioritariamente se coñecen, neses anos, e sobre todo fóra de Galicia, como viños de Ribadavia. Aínda así, a desaparición do Ribeiro de Avia como entidade xurisdicional non foi capaz de eliminar o concepto cultural e xeográfico do Ribeiro, concepto que quedou definitivamente incorporado ó espírito do pobo galego a través da fala. No ámbito xeográfico, a definición de Ribeiro ampliouse para acoller non só ás terras das ribeiras do Avia, senón tamén as próximas correspondentes do Miño e do Arnoia; no semántico, ribeiro pasou a significar especificamente, non calquera ribeira, senón, de xeito específico, aquelas aptas para producir viño. Así, por exemplo, o diccionario de Reguera (1840), un dos primeiros de galego, define ribeiro como: “Ladera muy soleada a las márgenes de algún río, en donde se produce vino, y frutas”. Cal é entón o mérito do Ribeiro, dado o común que resulta a voz? Pois xustamente iso, que cando a xente escoita ese nome tan común, non pensa nun ribeiro calquera, senón nun viño e nunha terra: nesta! Niso reside, meus amigos, o recoñecemento do seu grande mérito.

Pasemos agora ós apelidos.  Rota a tradición do tria nomina romano polos pobos xermánicos, que non levaban nome de familia, non foi ata o século IX cando comezou a aparecer, timidamente, un segundo nome. A causa probablemente estivese relacionada co empobrecemento do corpus onomástico, un empobrecemento que dificultaría a distinción entre individuos do mesmo nome. Eses segundos nomes eran normalmente patronímicos, e aparecían coa forma do nome do pai no caso xenitivo; por exemplo, Didacus Petri era Didacus o fillo de Pedro. Sería no século X cando se imporía definitivamente o uso deses complementos que están no xerme dos apelidos, palabra que vén do latín apellitum ‘apelativo’. Ó mesmo tempo iríanse incorporando complementos onomásticos doutras clases. Entre eles, pola súa importancia, hai que destacar os de orixe toponímica e os de alcume. Aínda que as disposicións do Concilio de Trento, co establecemento da obrigatoriedade dos libros sacramentais nas diferentes parroquias, axudou a  fixar bastante o uso destes complementos, a súa asignación era bastante discrecional e heteroxénea, sendo comúns, por exemplo, os casos de irmáns con distintos apelidos. A fixación estandarizada dos apelidos non se establecería de forma definitiva ata a implantación do rexistro civil, na segunda metade do século XIX. Coñecido todo iso, podemos dicir que hai tres tipos fundamentais de apelidos: patronímicos, toponímicos e de alcume. Os patronímicos, os máis numerosos, remataron adoptando na Península Ibérica, na súa maioría, a desinencia -ez (Fernández,Pérez...), que significa ‘fillo de’. A súa fosilización e herdanza entre os membros dunha familia non se produciu nunha época concreta, foi un costume que se foi introducindo na onomástica da Idade Media, pero durou ata os albores da Idade Moderna. Os apelidos de alcume reflicten un sobrenome que, referido a algunha característica física, moral, ou profesional, acabou individualizando a unha persoa (p. Ex. Calvo, Veloso, Fidalgo, Carpinteiro, ...). Por último, os toponímicos fan referencia ó lugar onde era natural un individuo; eses apelativos aínda se utilizan de xeito normal para diferenciar entre individuos do mesmo nome (Benito da Ponte, Benito de Cabo, Benito de Cuñas), pero agora non se incorporan como apelidos porque o sistema está estandarizado.

O apelido Ribeiro é un apelido toponímico, aínda que non se podería descartar que nalgún caso tivese orixe nun alcume.  Aparece con catro grafías: Ribeiro (1050 casos en Galicia), Riveiro (6075 casos), Ribero (79 casos) e Rivero (3068 casos), onde as dúas últimas son deturpacións castelanizantes das dúas primeiras En total, entre as catro formas, arredor de 10.000 persoas levan en Galicia o apelido Ribeiro,  o que fai que o encadremos como un apelido toponímico bastante frecuente. Estudando a súa distribución xeográfica diremos que Ribeiro está repartido por 156 concellos de Galicia, con máximos  en Carballeda de Valdeorras, Lobios, Esgos, O Barco, Pontedeva e Ribadavia (15 casos); Riveiro repártese entre 171 concellos, agrupados sobre todo na costa occidental galega con máximas densidades relativas en Carnota e A Cañiza (154 casos); Rivero é unha forma especialmente abundante, repartida en 163 concellos, concéntrase nas terras fronteirizas do Limia e do Támega, con máximos de densidade en Cualedro, Monterrei, Oímbra e Xinzo; Ribero é unha forma que escasea e presenta os seus máximos no Baixo Miño, nos concellos do Rosal e As Neves, outra vez lindeiros con Portugal. En ningún dos casos, polo tanto, se observa unha relación entre a distribución do apelido e a terra do Ribeiro.
Sobre a orixe do apelido aportarei un dato: no ano 1267, bastante antes de que teñamos noticia do Ribeiro da Avia, nun documento de Oseira, rexistramos a un Martín Ribeyro. A conclusión é clara, o apelido é anterior ó nome da Terra. Por iso e pola súa distribución hai que concluír que a orixe do apelido é diversa. Resulta evidente que algúns apelidos Ribeiro deben ter a súa orixe no nome desta terra –atención especial me merecen esa abundancia do apelido Riveiro na Cañiza-, pero deben de ser os menos. Existen outros apelidos co nome de antigas terras: Deza (530 casos), Limia (870 casos), Bergantiños (500 casos), Soneira (848 casos), etc., todos distribuídos arredor desas demarcacións. Non obstante, no caso de Ribeiro, á vista da distribución, do número de posuidores e do común que resulta o topónimo, a maioría debe de vir de nomes de pequenos lugares, ás veces simples nomes de barrios de calquera aldea, que nin sequera aparecen rexistrados no Nomenclátor. Nos apelidos toponímicos destacan os humildes, cousa rara en calquera outra faceta cultural.

Así e todo, sorpréndeme a abundancia relativa do apelido Ribeiro comparada co limitado número de lugares habitados con este nome, aínda que, repito, a orixe de moitos apelidos toponímicos está no nome de barrios non rexistrados en nomenclátor algún. Paréceme probable que na súa importancia relativa influísen outros dous factores: primeiro, a chegada de inmigrantes portugueses con este apelido –o apelido tamén é relativamente frecuente en Portugal-, coherente coa maior densidade que presenta nas terras da Raia; e segundo, a existencia dalgunha liñaxe fidalga, razón que explica a especial abundancia de certos apelidos toponímicos, coma Araúxo, Nóvoa ou Puga, cunha orixe toponímica única. Con respecto a isto, no Nobiliario de Don Pedro, Conde de Barcelos (1344) xa figura un Juan de Magallaes, señor das terras de Nóbrega (arredor de Ponte da Lima), que casa con Dª Isabel de Sousa filla de Ruy Vaz Ribeiro de Vasconcelos. Estes, estaban emparentados cos Rodríguez de Araúxo, señores do Lindoso, o que podería explicar a abundancia relativa do apelido polas terras de Lobios. Nesa mesma liñaxe da casa de Magallaes figura un Pedro de Sousa Ribeiro, alcalde maior e comendador de Pombal, casado con Juana de Lemos, dato que exemplifica as relacións que houbo en certas épocas históricas entre a fidalguía portuguesa e a galega. De tódolos xeitos, tamén hai que dicir que os Linajes Galicianos de Pérez Constanti non rexistran nin un só apelido  Ribeiro, aínda que, claro está, estas liñaxes de Constanti xa son da época moderna, e as de don Pedro son medievais.

En suma, a orixe do apelido Ribeiro, dado o común que resulta o topónimo, é diversa, coma a da maioría dos apelidos, sexan estes toponímicos, patronímicos ou de alcume. Soamente en casos contados podería estar relacionado o apelido con algún individuo orixinario do Ribeiro, e buscar esa relación nun caso concreto podería ser unha especie de probatio diabolica. Agora ben, é a sona do nome desta terra a que fai que cada vez que escoitamos a palabra Ribeiro, pensemos inmediatamente nun viño e nunha terra de Galicia.

Soamente me queda felicitar á organización deste evento pola brillante idea que tivo de reunir ós posuidores do apelido Ribeiro, e a estes últimos agradecerlle a súa presenza neste acto. Conclúo. Pode que tódalas xenealoxías sexan falsas, pero os nomes son verdadeiros. Ribeiro, máis alá de calquera fidalguía e da súa indiscutible eufonía, sempre será un apelido ilustre, que honra a quen o leva: ten por divisas principais as paisaxes destes vales amenos,  traballados polos homes, e as frescas fragancias  dos dons de Dionisos, e ambas inspiran felicidade.

Moitas grazas.


Queredes saber o resultado? Non houbo asubíos nin lanzamento de obxectos, e ata escoitei bastantes aplausos !!! Pero, o verdadeiro éxito no cultural desta edición da Feira do Viño do Ribeiro foi o pregón en verso de Gonzalo Navaza, que queda para a próxima entrega.