sábado, 2 de junio de 2012

A forza da palabra: o pregón de Gonzalo Navaza en Ribadavia


Falaba Otero Pedrayo, con coñecemento de causa, da rica sistemática e poética das viñas e dos viños, e cando diso falaba pensaba no Ribeiro, paradigma clásico da unión indisoluble entre unha paisaxe, un viño e unha cultura. Miles de veces se terá feito o laude das terras e dos viños do Ribeiro. Algunhas das mellores prosas do mesmo don Ramón ou de Cunqueiro foron escritas para louvar ó Ribeiro: se o primeiro o maxinaba “como fermosa bacante cansa e adurmida en fresqueiro leito de soaves penedías e verdes froumas”, o segundo recoñecía no Ribeiro a ese viño “more philosophico, axeitado para unha filosofía humana, peripatética e sentimental”, “apropiado para a nosa forma de ser, para a nosa lentitude dialogante, porque nos aviva e nos estimula. O Ribeiro é un viño que sempre remata nunha cantiga...”. E, que dicir da poesía! Celso Emilio, Antón Tovar, Samuel Eiján, Gómez Alfaro, Manuel Vilanova,... todos inspirados polas musas ribeirás e todos unidos baixo o himno de don Eladio:

Curruncho do Paraíso,
Anaco solto do ceo,
...
¡meu Ribeiro!

Na miña modesta opinión, perdera algo o norte a festa de exaltación por excelencia do viño do Ribeiro centrándose na profesionalización e nos mercados e esquecéndose da firme unión que existe entre viño e literatura, entre viño e arte, entre viño e Pobo. Foi esa unión o verdadeiro fermento tanto da Festa da Vendima de Leiro coma da Feira do Viño de Ribadavia, e aí están as hemerotecas para demostralo. Este ano caben dous grandes méritos ós organizadores do certame de Ribadavia. O primeiro, recuperar o espacio físico e temporal das primeiras feiras, de cando a Feira do Viño do Ribeiro era a festa de exaltación máis importante de Galicia; o segundo, redescubrir a poética do viño. Ó viño do Ribeiro han de seguir poñéndolle voz os máis recoñecidos bardos do País. Por iso foi un gran acerto a elección do pregoeiro deste ano: Gonzalo Navaza, un dos mellores entres os nosos vates.

En Ribadavia, a catro de maio do 2012, exerceu de trobeiro ilustre Gonzalo Navaza. Quedará por sempre na memoria dos que alí estabamos a forza da súa palabra e a fermosura e musicalidade das dezaoito décimas que enxergou no seu pregón. Décimas de exaltación dun santoral tan propio coma inédito, o das nosas castes de uvas: a treixadura, o caíño, o brancellao, a loureira, o torrontés... Tal vez non sexa casualidade que este mesmo ano se celebre o bicentenario do nacemento do gran químico galego Antonio Casares, o primeiro que estudou de xeito sistemático esas mesmas castes das nobres vides galaicas.

Como sabe o amigo Gonzalo, unha vez rematado o pregón, mentres tomabamos un vaso no “stand” municipal, recibimos un sinal cósmico. Eu interpreteino, pola súa fermosura, como de aprobación dos deuses para os versos alí cantados. Gonzalo dará fe de que non minto.

Este foi o pregón: 



Miñas donas, meus señores
que hoxe aquí vos congregades,
ilustres autoridades,
adegueiros, produtores,
alegres consumidores
e asistentes en xeral,
vaia un saúdo cordial
deste voso servidor
que ten por moi grande honor
ser pregoeiro oficial.


Santa Treixadura, santa
das entrañas de Galicia,
que as papilas acaricia
e os entusiasmos levanta.
Fai cantar ben a quen canta
e pensar ben a quen pensa...
E cando os seus dons dispensa
a quen se acolle ao seu manto,
perfuma cada recanto
cunha ingrávida onda densa.

Propúxome a comisión
vir pregoar nesta Feira.
A oferta tan gasalleira
non puiden dicir que non.
Eu, que sinto devoción
polo voso santoral
-que nos protexe do mal
da escura melancolía-,
acudo a esta romaría
cunha fe sacramental.


Santa Treixadura, tes
para nós, os teus romeiros,
o don de volver lixeiros
os pensamentos e os pés.
Se acaso San Torrontés
tamén acode á xuntanza
e ademais entran na danza
Santo Albariño rideiro,
San Godello e San Loureiro...
que gran benaventuranza!

Que maior satisfacción
para un modesto trobeiro
que a de acudir ao Ribeiro
a pronunciar o pregón!
Quen desperdicia a ocasión
de lle vir cantar ao viño
aquí mesmo onde o pai Miño
cobra do Avia tributo!
Había que ser moi bruto
pra non facer o camiño!


Completan a procesión
poñendo cadanseu brillo
San Macabeo, Santo Albillo
e San Palomino. Son
no ribeirao panteón
tamén santos con dereito.
Vimos, Ribeiro, a pé feito
a che render homenaxe.
Bebémoste... e a paisaxe
inunda de luz o peito.

Romeiro veño, xa digo,
por uns santos xenerosos,
milagreiros e avogosos
dende un tempo ben antigo.
Quen se fai deles amigo,
en todo sitio e sazón
gaña a súa protección
de venturosa virtude,
pois dan contento e saúde
a quen lles ten devoción.


Eu son de terra onde o viño
amén de escaso é ruín,
mais do meu natal Lalín
vin casar no Carballiño.
Feito está medio camiño...
Completaría a ventura
dunha feliz singradura
un bacelar pequeneiro
nalgún lugar do Ribeiro
con caíño e treixadura.

Se ben non gastan coroa,
son santos coma os que máis;
non desatenden xamais 
a quen a súplica entoa.
A xente fana máis boa,
a paisaxe máis fermosa,
fan máis elecuente a prosa
e os peitos máis cantareiros,
por iso vimos, romeiros,
en procesión fervorosa.


Paisaxe feliz, que prende
nas ansias do camiñante
e dende o primeiro instante
a man amiga lle tende...
Paisaxe feliz, que acende
un lume nos corazóns
e ergue ata o ceo cancións
que afirman no firmamento
o puro contentamento
dos días e as estacións.

A San Caíño, que amosa
baixo indumentos distintos
de Longos, Bravos e Tintos
sabores da estirpe nosa.
Que presenza poderosa,
solemne, enfática, viva...!
Que pracer para quen liba
ese sangue abenzoado,
dun vermello purpurado
de arcebispo para arriba!

Ribeiro, gozoso chan
onde o gozo se recrea,
onde a máis humilde aldea
ten un aquel cortesán.
O Coto Novelle, o San
Cibrao de Las mais a Pena
Corneira exercen serena
vixía desde as alturas,
ollando as viñas maduras
onde a vida se fai plena.

Moitas indulxencias gaña
quen lle reza a San Caíño,
que é santo que fai camiño
case sempre con compaña,
por iso ninguén se estraña
de ver que o axudan na angueira
Santa Garnacha tinteira,
San Sousón e San Ferrón
ou San Tempranillo con
Santa Mencía de freira.


Vou dando cabo á función
deste humilde pregoeiro
que lle declara ao Ribeiro
a súa fiel devoción.
Pois vimos en procesión
a celebrar neste día
este viño que nos guía,
erguemos a nosa cunca
sabedores de que nunca
ha de faltar a alegría.

E San Brancellao, tinxido
polas luces do solpor,
que alegra os ollos coa cor
do seu vermello vestido.
Feliz quen for protexido
deste coro celestial
que libra de todo mal
os seus fieles seareiros,
dionisíacos romeiros
do báquico festival!


Ribeiro, podes gabarte
da magnifica largueza
con que a madre natureza
tivo a ben agasallarte.
Se alén de paisaxe e arte
bendeciu os teus destinos
con eses caldos divinos,
non te estrañe nada, non,
que veñan en procesión
milleiros de peregrinos.

E se estes son purpurados
de vermello sangue mouro,
outros visten roupas de ouro
e brillos tornasolados.
Eles achegan, calados,
do fondo da adega escura,
cheiros de froita madura
dalgún paraíso ignoto...
Feliz quen se di devoto
da bendita Treixadura!

Brindemos pois, compañeiros,
amigos, irmaos, veciños,
por estes divinos viños
deliciosos, feiticeiros,
ouro e sangue dos senlleiros
acios e bagos de noso.
Viva o Ribeiro precioso
que tanta beleza encerra!
Viva o froito desta terra
de futuro venturoso!