viernes, 24 de mayo de 2013

Hipocrisía e conservadorismo



La corrupción está minando este país.
La virtud, el honor y la ley
se han esfumado de nuestras vidas
Al Capone

Nin sequera os máis críticos co noso panorama político podían imaxinar que a democracia española chegase  ó actual grado de deterioro. Os datos que un día si e outro tamén imos coñecendo sobre a corrupción xeneralizada deixan ver ben ás claras cal é a catadura moral de boa parte dos nosos gobernantes, ademais da súa insuperable hipocrisía e desvergonza para a mentira. Este estado de cousas lémbrame a historia do padre Hudson, un persoeiro de ficción creado por Diderot, protagonista dun dos relatos incluídos en Jacques o fatalista. O padre Hudson era un reformador da orde dos Premonstratenses, orde fundada por San Norberto, cuxos monxes vestían hábito branco inmaculado e non usaban roupa interior. Posuía o padre Hudson unha aguda intelixencia, era culto, xovial, discreto, tiña gusto pola orde e un singular amor ó traballo; por todo iso era moi respectado dentro da súa Congregación. Grazas ós seus méritos, foi colocado á fronte dun convento no que tanto os deberes relixiosos coma os asuntos temporais se levaban con certo desorde. O padre Hudson, desde a súa chegada ó cargo, foi moi severo e estrito no seu goberno. Pero esa faciana intachable ocultaba outra, a verdadeira: que a «austeridade que lle impuña ós demais nona aplicaba consigo mesmo.». O padre Hudson era en realidade un verdadeiro senvergonza que «escondía as máis fogosas paixóns, a máis desenfreada afección polo pracer e polas mulleres, o xenio máis exacerbado pola intriga, as costumes máis licenciosas, e que practicaba o máis absoluto despotismo na organización do seu convento». Contigua co mosteiro no que impoñía a súa ríxida disciplina, estaba a casa prioral que «convertera no teatro dos seus devaneos nocturnos». Esa dobre moral do padre Hudson foi descuberta con indignación por algún dos seus subordinados, quen se atreveu a poñer en coñecemento de instancias superiores os feitos. Para investigar o tema desprazouse ó convento unha comisión formada por dous frades. Sabedes onde conseguiu poñer o padre Hudson ós dous membros da comisión unha vez constataron a veracidade da denuncia? No cárcere! E o padre Hudson? Foi ascendido a unha maior dignidade!... A historia do padre Hudson e o fariseismo dos nosos gobernantes tamén me lembran aqueles “clericais” dos que falaba Castelao, que poñían unha efixie do Sagrado Corazón na porta da súa casa e dentro dela convivían cos sete pecados capitais!  Non vos resultan de actualidade estes relatos? En quen pensabades cando os que investigaban os delictos eran castigados? En _ _ _ _ A- _ _ _    _ A _ _ _ _?

Si, tal vez unha das caras máis repugnantes que pode presentar a natureza humana sexa esa: a da  hipocrisía dos que predican virtudes que non practican ou anatematizan pecados que os enlodan. Pero, é esta unha característica de tódolos políticos? Son todos iguais como opina moita xente? Walter Benjamin, se nos atemos o que escribe en “Dirección Única”, pensaba que non: «Cánto máis hostil á tradición é un home, máis inexorablemente somete a súa vida privada ás normas que desexa converter en lexisladoras da orde social futura. Pola contra, o home que se cre consecuente coas máis antigas tradicións, contrapón, ás veces ostentosamente, a súa vida privada coas máximas que, de forma implacable, defende na vida pública… Así se diferencian os tipos políticos do anarco-sindicalista e do conservador». Coido que Benjamin tiña razón. Pero habería que sinalar que, dado que nos atopamos rodeados de “conservadores”, o tipo político que retrata non estaría presente nos partidos da dereita exclusivamente, tamén aparecería, como resulta obvio, nos da esquerda ou incluso nos sindicatos, cando non entre os que presumen de ser anarquistas. Agora ben, o seu fogar natural sería o da dereita. Outro Benjamin, este británico aínda que tamén de orixe xudía,  que fora político moi destacado, pensaba o mesmo: «un goberno conservador é unha hipocresía organizada». E el tiña que sabelo ben xa que fora o lider dos conservadores británicos e presidira dous gobernos do Reino Unido na época da Raíña Victoria.

E con respecto á mentira, de agora en diante e visto o visto, seguirei unha máxima de Claude Cockburm, un magnífico periodista británico que fora corresponsal do Dayly Worker na Guerra Civil Española e que incluso loitara como miliciano do Quinto Rexemento na Serra de Madrid. A máxima dicía así: "Non creas nada ata que non sexa oficialmente desmentido". Pois iso.