martes, 7 de mayo de 2013

Jacques



Nous croyons conduire le destin,
mais c´est toujours lui qui nous mène
Jacques le fataliste (Diderot)

Hai tres libros que sempre estou lendo: o Quixote de Cervantes, Jacques o fatalista de Diderot e o Tristram Shandy de  Laurence Sterne. Si, tamén leo outras cousas e outras cousiñas, pero nesta trindade estou sempre. Hermann Hesse cría que se podía ser un gran lector lendo un só libro, e que abundaban os malos lectores que lían moitos. Tal vez tivese razón, pero a min non me basta un: bo ou malo, preciso destes tres libros para ser o lector que son. Cando paso certo tempo sen beber nalgún deles o corpo avísame: sinto coma unha sede. Esta tempada, por exemplo, bebín bastante do Quixote, pero descoidei as tomas de Jacques e de Tristram e xa notaba un certo desequilibrio. Desde nontronte, completada outra volta das aventuras do Cabaleiro da Triste Figura, volvín a centrarme no Jacques e agora vou coma unha seda. Trátase dunha novela (mellor dito, dunha antinovela) construída sobre a inversión irónica do artificio narrativo do Quixote, coa súa parella de amo e criado, coas súas cabalgaduras, coas súas aventuras...  A inversión chega ata o mesmo título do libro, que leva por nome o do criado e non o do amo. Confeso que teño certa debilidade por Jacques, por este Sancho “quixotesco” que coxea. Gústame o seu filosofar, que ten máis de realismo experimental e de determinismo ca de fatalismo puro. Trátase de ser conscientes da forza do destino. Pero o amo tampouco é manco. Dicía hoxe pola mañá, por escrito:

-«Jacques, meu amigo, es un filósofo e sinto por ti… Os filósofos son unha raza de homes abominable para os poderosos, por non dobregar os xeonllos diante deles… Tamén resultan abominables para o pobo, eterno escravo dos tiranos que o oprimen, dos bribóns que o enganan e dos bufóns que o divirten… Xa hai tempo que ser cordo entre os loucos resulta perigoso.».

E, mentres cavilaba no moito que debera ler Diderot a Cervantes, a Maquiavelo e a Quevedo, pensaba: ... e dos bufóns que o divirten! Cánta razón ten o amo!