viernes, 31 de enero de 2014

85 ricos

Foi o titular máis destacado da semana pasada: 85 ricos suman tanta riqueza coma a metade da humanidade! Porque sempre houbo ricos e probes, pero nunca os ricos acumularan tanta riqueza. No mundo xa hai tempo que a ciencia posibilitaría a  desaparición da fame e da pobreza, pero a desigual e inxusta distribución da riqueza, resultado da insaciable e cobizosa natureza dos homes, fan imposible tan humanitario fin. Entre os diversos factores que facilitan a desorbitada desigualdade, da que os españois xa ostentamos o triste título de campións de Europa, destacan tres: a globalización dos mercados, a revolución informática e o capitalismo financeiro. Os dous primeiros non son malos per se, poderíanse aproveitar para facer o ben, pero o carácter especulativo do terceiro convérteo no máis pernicioso de todos. Consiste ese capitalismo, de casino, en comprar e vender o diñeiro a nivel global e velocidade vertixinosa na busca de beneficios instantáneos; iso son o que chamamos “os mercados”, asociacións de especuladores internacionais que dominan a economía e someten ós gobernos para que apliquen as políticas que máis lles conveñen; son os mesmos que nos afundiron hai cinco anos e que agora envían as sinais de recuperación tan aplaudidas polo goberno. Pero na economía que impera debería saberse que recuperación significa volta ós beneficios; nada ten que ver coa mellora das condicións de vida e de traballo da xente: en 2011 “recuperáronse”  os EEUU, pero con seis millóns de traballadores menos, salarios máis baixos e maior precariedade laboral; e en España, cando se faga a conta, resultará algo parecido.
Suponse que o capitalismo financeiro é algo novo. Na realidade é tan vello coma andar a pé; o único que ocorre é que internet e os mercados continuos favoreceron o seu crecemento desmesurado. É tan antigo que xa o atopamos nunha das parábolas máis controvertidas da Biblia, na dos talentos. A parábola conta a historia dun home que se vai da casa, non se sabe a onde nin por que, e entrega unha pequena parte do seu diñeiro a uns servos para que o administren durante a súa ausencia: a un entrégalle cinco talentos, a outro dous e a outro un, “a cada un segundo a súa capacidade” –xa se velaba pola máxima eficiencia na asignación de recursos-. Cando, pasado algún tempo, o home volve e chama ós servos para facer contas: o dos cinco talentos “negociando” gañara outros cinco, e o dos dous outros dous (100% de rendemento!); pero o de un, temendo perdelo, gardárao e devolvíao sen ganancia algunha, causando un gran enfado no capitalista. Que este vivía de especular despréndese  das palabras do servo temeroso: “Sei que es un home duro, que seituras onde non sementas e recolles onde non espallas”; alguén coñece unha definición mellor para un especulador financeiro?  E aínda así, daquela non debía haber os abusos de agora, porque o xefe dille ó medroso: “Puxeras os meus cartos no banco e, así, cando eu volvese, podía colle-los cartos e mailos intereses!”, sinal clara de que aínda non se inventaran nin os “corralitos” nin as “preferentes”. O que si estaba inventado era o despido libre e a inmisericordia: “Ó inútil botádeo fóra á escuridade, onde será o pranto e mailo renxer dos dentes”…
Pero o máis claro desta parábola é a relación que se establece entre a especulación e a desigualdade, cando se proclama coa solemnidade característica: “Porque ó que ten, háselle de dar dabondo; pero ó que non ten, aínda o pouco que ten se lle ha de quitar”. E nesas estamos: en darlle ó que ten e en quitarlle ó que non ten, con gran aplicación dos ministros do ramo. Pero ninguén debería de dicir que non estaba avisado.

Artigo publicado no diario "La Región" o 29 de xaneiro do 2014