viernes, 24 de enero de 2014

Instrución e intelixencia

Un protagonista dun conto de Kafka cría que observando minucias era como se abría a porta do coñecemento xeral; para iso, analizaba o xiro dun trompo sobre si mesmo. A inclusión ou non da palabra “pulpo” nos dicionarios de galego non pode considerarse algo fundamental: leva trinta anos fóra deles e non pasou nada; ó contrario, o negocio do pulpo aumentou considerablemente nos últimos decenios. Non obstante, a polémica que se levantou resulta do máximo interese en múltiples aspectos. Centrareime nun: a distinción entre instrucción e intelixencia. 
Julio Camba foi moi criticado no seu tempo por un artigo que escribiu no diario ABC en 1931; titulábase “En defensa del analfabetismo”. Nel, opinaba que a instrución educativa non aminoraba a estupidez das persoas; moi ó contrario, era un instrumento precioso para reducirlles o entendemento e conseguir que todas repetisen as catro ideas de molde que aprenderan dentro das aulas. Dese xeito, consideraba que en España só os analfabetos conservaban íntegra a intelixencia, «y si algunas conversaciones españolas me han producido un placer verdaderamente intelectual han sido las de esos marineros y labradores que, no sabiendo ni leer ni escribir, enjuician todos los asuntos de un modo personal  y directo sin lugares comunes ni ideas de segunda mano.». Resulta evidente que os críticos non souberon apreciar a grande dose de ironía que atesouraba ese texto, e ata é posible que a Julio Camba se lle fose un pouco a man ó recomendar ó goberno da República que deixase á marxe da alfabetización a un 50% da poboación, aínda que fose de xeito provisional: «mientras no se descubra un procedimiento para que sean los analfabetos quienes escriban.». Pero non se lle pode negar a Julio Camba un fondo de razón. O mesmo Hobbes xa afirmara tres séculos antes que razoa moito mellor quen nunca leu un libro ca quen soamente leu un; cánto máis se o único que se le son apuntes, como sucede agora con frecuencia. Por non ir tan atrás, unha confesión de Muñoz Molina resulta moi reveladora: «algunas de las personas de las que más he aprendido en mi vida apenas sabían leer y escribir.». Eu doulle bastante razón a estes autores: unha, porque a mellor profesora de literatura que tiven era analfabeta, coma Homero; e outra, porque ano tras ano observo como unha boa parte dos alumnos que saen dos institutos, tras seis cursos de estudos, xa perderon parte da viva intelixencia que traían cando entraron. E ás veces ata me pregunto se a coincidencia radical de “estudo”, “estupidez” e “estulticia” non será algo máis ca unha pura casualidade.
Si; estiven atento ás respostas que da xente diante desta polémica do pulpo nos distintos medios de comunicación. E, en xeral, parecéronme máis intelixentes, e prudentes, as das persoas que sospeitei con menos instrucción: “eu sempre dixen pulpo”, “cada un que diga o que lle pareza”, “co de polbo entendo outra cousa”, “parece que nalgúns sitios din polbo”, etc. Mentres, entre os que sospeitei estudados, a maioría simplemente repetiron o que lles ensinaron: “iso é castrapo”, “falando correctamente debe de dicirse polbo”, “aínda van querer meter Roblecito por Carballiño”, etc. Non obstante, do único que se trata é de que hai persoas quen pensan ter datos que demostran que “pulpo” é forma patrimonial tan galega coma “polbo”, e someten eses datos ó estudo e dictamen da institución competente nesta materia. What´s the problem? Xa o dicía Isaac Díaz Pardo, en castelán: «No logro comprender cómo gentes que gozan de una formación universitaria importante tienen reticencias a que el rigor histórico se conozca».  Si, é unha cousa estraña. Pero é.

Artigo publicado no diario "La Región" o 24 de xaneiro do 2014