domingo, 7 de septiembre de 2014

A Lei Fraude

O espírito democrático non é natural, é aprendido; porque un non nace demócrata: faise. En España a educación da cidadanía ten sido escasa, e a democracia, historicamente,  foi máis perseguida ca defendida. É por iso que as conviccións democráticas de moita xente non pasan de ser un mero verniz que agocha un fondo de  autoritarismo, cainismo e fundamentalismo acumulado durante séculos. Ademais, esta superficialidade das conviccións afecta  a tódalas clases sociais, incluída a dos dirixentes, sen distinción de partido e pese ó repetido “Nosotros los demócratas…” que utilizan algúns mandamaises. Non son poucos os que, en beneficio propio ou dos seus, non teñen reparo en atentar en privado contra os piares da democracia, lembrándome aqueles que citaba Castelao, que presumían de católicos colocando o Sagrado Corazón na porta das súas casas e dentro vivían en contubernio cos sete pecados capitais. Por todo isto, en España, goberne quen goberne, sempre existe o perigo de tiranía da maioría. Dito isto, a pretensión do PP de modificar, unilateralmente e en beneficio propio, o sistema de elección de alcaldes, non é máis ca un síntoma agudo desa doenza da democracia española. E na mesma liña se encadra a proposta de Feijoo de rebaixar o número de deputados do Parlamento  de Galicia.
A tiranía da maioría como perigo da democracia xa fora apuntada por Aristóteles, pero no que atinxe á democracia representativa foi obxecto de atención principal de Mill e Tocqueville no século XIX; por certo, dous liberais que un esperaría fosen lectura de cabeceira dos promotores desta corrupción da democracia. Norberto Bobbio, o maior teórico da democracia contemporánea, era categórico a este respecto: unha vez establecidas as regras de xogo –e diso estamos falando- non basta a maioría para cambialas, é preciso un gran consenso entre tódolos participantes.  Esta teoría coñécea ben Rajoy: «creo que lo más importante es que cualquier modificación de la Ley Electoral se haga con un gran consenso. Yo, desde luego, nunca la modificaré por mayoría», afirmaba hai pouco máis dun ano. Só cabe esperar que, polo ben de España e da democracia, cumpra coa súa palabra. Porque non se pode acudir ás maiorías legalmente suficientes, en ausencia do necesario consenso, para cambiar as regras do xogo. Facelo implica entrar nunha lóxica de desestabilización moi perigosa, porque coloca a unha parte importante da sociedade en estrito fóra de xogo. Non se trata entón de discutir se o sistema proporcional que temos é mellor ou peor có maioritario que propón o PP, tan só que non se pode cambiar sen consenso. Aínda así, conviría lembrarlle ós máis montaraces defensores da oportunista reforma que a teoría política decántase polo sistema proporcional, xusto para protexerse da tiranía da maioría.
Ó fío de todo isto pode resultar exemplar a historia de Alcide de Gasperi, o democristián que fora xefe do goberno italiano entre 1945 e 1953. Gasperi, antes das eleccións do ano 53, para evitar un temido ascenso dos partidos extremistas, presentou un proxecto de nova lei electoral que, cun sistema de prima da maioría, asignaba dous terzos dos escanos ó partido que superase o 50% dos votos. A oposición opúxose frontalmente e bautizou a lei, que se rematou aprobando entre grandes protestas, como “Lei Fraude”. Por desgraza para Gasperi, os seus cálculos fallaron: a Democracia Cristián non acadou os sufraxios que lle darían dereito á prima, e os comunistas, lonxe de baixar, subiron espectacularmente. De resultas, Italia entrou nun período de gran inestabilidade do que Gasperi foi a primeira vítima e o país no seu conxunto a segunda. Porque na política, coma na vida, os atallos acostuman ser perigosos.

Artigo publicado no diario La Región o venres 5 de setembro do 2014.