domingo, 28 de septiembre de 2014

O Chao de Castela

Todo o mundo sabe o que é o chao: superficie sobre a que se anda; e case todo o que é un chao: terreo plano, chaira. Non obstante, xa se fixara Sarmiento en que as chairas adoitaban estar no fondo de vales, «vega llana», mentres os chaos estaban a certa altura. Don Eladio escribe: «Chaos: Terrenos planos, altiplanicie de más o menos extensión que forma lo que los geólogos llaman penillanura.». E como os nosos devanceiros tiñan preferencia polos sitios elevados para vivir, Chao é moito máis frecuente ca Chaira na toponimia galega dos núcleos habitados. Isto tamén explica que o apelido Chao -Chan máis alá do Suído-  resulte relativamente común, mentres Chaira non se dá. Como curiosidade, a maioría dos apelidos Chao da provincia de Ourense, incluídos todos os de Ribadavia, con Eduardo Chao, ministro da I República, á cabeza, veñen do Chao de Lebosende (Leiro), un barrio desta parroquia que nin figura no Nomenclátor.
Pero non quero falar de núcleos habitados, senón de terras con ese nome. E hai un Chao que destaca sobre todos, o da popular cantiga: se me queres ter de amigo/ dame viño do Ribeiro/ pan trigo de Ribadavia/ nenas do Chao de Amoeiro. Si, “Chao de Amoeiro”, en singular, non “Chaos de Amoeiro” como se adoita dicir e escribir. Pero claro, as cousas cambian, e na Idade Media o Chao máis coñecido de Galicia, se nos atemos á documentación, non era o de Amoeiro, do que non se ten noticia ata finais do século XV, senón o Chao de Castela, unha terra que hoxe poucos identifican, pero que está profusamente documentada. Levaba o seu nome por estar encadrada dentro do antigo territorio de Castela, circunscrición medieval que, en esencia, agrupaba o que hoxe son as terras do Ribeiro e do Carballiño. Concretamente, o Chao de Castela é a meseta, duns 70 km2 de superficie, que sobresae, ata uns 400 m de altitude, sobre as fonduras dos vales ribeiráns do Barbantiño, do Miño, do Avia e do Barón, que a circundan polo leste, sur e oeste, mentres ó norte perde o nome cando o terreo se empina na dirección dos montes da Martiñá. Ten o centro este Chao nas terras do concello do San Amaro, pero tamén toca parroquias de Cenlle, Maside, O Carballiño e Punxín. Otero Pedrayo identifica na súa Xeografía esta terra de “chaos”, entre os ribeiros “Barbantiñán” e “Aviense”, pero escribe que «non ten nome propiamente», e Risco tampouco acerta con ese nome: nisto radica o descoñecemento que hai en Ourense e en Galicia do Chao de Castela. O Chao de Amoeiro, pola súa banda, é terra irmá da do Chao de Castela: só o val do Barbantiño as separa; pero non deben confundirse, porque o Barbantiño constituía o linde entre os territorios medievais de Castela e de Búbal, e Amoeiro situábase neste último, xa fóra da terra de Castela. 
A terra do Chao de Castela acumula unha grande riqueza cultural e paisaxística, da que tal vez escribamos outro día, pero ten o punto de máximo interese no Castro de San Cibrao de Las, comunmente coñecido como A Cidade, un dos de maior superficie e importancia de Galicia. Ademais, agora, coa instalación do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa neste lugar, ten aumentado moito o interese polo seu coñecemento, tanto por parte dos estudosos coma dos turistas. Por iso, talvez non estea de máis lembrar a situación xeográfica deste importante centro arqueolóxico, para, dese xeito, poder falar ou escribir con propiedade sobre a mesma. Nese senso, hai que apuntar que o Castro, ou mellor a Citania, de San Cibrao de Las sitúase no administrativo entre as parroquias de Las (San Amaro) e Ourantes (Punxín), na comarca do Carballiño; pero o nome xeográfico e histórico propio desta terra é o de Chao de Castela, o único que tivo desde a Idade Media, aínda que moitos o esqueceran.

Artigo publicado no diario La Región o venres 26 de setembro do 2014.

Este artigo vén a ser un resumo do traballo que, co mesmo título e o mesmo autor, aparece publicado no Boletín Avriense (Tomo XLIII, 2013, pp. 287-300).

No hay comentarios: