sábado, 20 de diciembre de 2014

Cultura franciscana

A ninguén medianamente culto se lle escapa que San Francisco é unha das figuras máis relevantes da espiritualidade, o pensamento e a cultura de occidente; tampouco a impronta en Galicia da Orde por el fundada. E non quería que pasase este ano, no que se conmemora o VIII centenario da suposta peregrinación do santo de Asís a Compostela, que marca o inicio da expansión franciscana por Galicia, sen facer algunha reflexión ó respecto.
Hai medio século aínda estaba moi viva a cultura franciscana: lembro, por exemplo, o grande éxito que tiveron na súa estrea películas coma San Francisco de Asís (1961) ou Cotolay (1966), esta rodada en parte en Ribadavia e en Melón; uns éxitos que hoxe resultarían impensables. Porque, como manifestaba o P. José R. Carballo, o ourensán de Lodoselo que foi Ministro Xeneral da Orde Franciscana e agora é Arcebispo de Belcastro: «San Francisco non é moderno, aínda que sexa actual»; non é moderno porque os valores que defendía, a caridade e a fraternidade fundamentalmente, non cotizan no mundo de hoxe; pero é actual porque esta sociedade, e a propia Igrexa como parte dela, está necesitando máis ca nunca deses valores.
«El franciscanismo parece estar presente y fielmente representado en nuestras aldeas… En esas humildes residencias se suceden serena y tranquilamente las anónimas generaciones, y vive en santa pobreza, sin ostentación ni vanidad, el espíritu franciscano…», escribía Eladio Rodríguez no prólogo de Franciscanismo en Galicia (1930) do P. Eiján, cando aínda estaba viva a Galicia rural e o espírito da nova idade de ouro que comezara para a Orde coa apertura en Santiago do colexio das misións, en 1861, e do colexio de aspirantes ó hábito franciscano, primeiro en Louro (1890) e logo en Herbón (1891). 
Esa época xa rematou, pero quedan as obras que dan conta, entre moitas outras cousas, do gran caudal de intelixencia que pasara por aquelas aulas. Por iso aproveito para recoller o que podería ser un florilexio de autores franciscanos ourensáns deses anos: Juan María Prieto (1850-1933), un dos irmáns Prieto do Carballiño, os que doaron os seus bens para a fundación dun asilo nesa vila, notable poeta; José Mosquera Pajarín (1873-1961), de Gomariz, rector do colexio de Herbón, ensinou Filosofía en Santiago e foi asiduo colaborador do Eco Franciscano; Samuel Eiján Lorenzo (1876-1945), de San Clodio, que ocupou os máis altos cargos da Orde tanto en España coma en Terra Santa, director durante moitos anos do Eco Franciscano, refundador do convento de Ribadavia, e talvez o máis prolífico polígrafo da Orde en Galicia; Juan R. Legísima (1884-1984), de Loeda, presidente do Consello Superior de Misións durante anos, gozou de gran relevancia política na época de Franco, a súa obra máis coñecida é Héroes y mártires gallegos. Los franciscanos de Galicia en la Guerra de la Independencia; Emilio Soto (1904-1976), de Lebosende, musicólogo, profesor durante anos no conservatorio de Tetuán e un dos máis grandes expertos en música “andalusí”, que tamén musicou poemas de Rosalía; Darío Cabanelas (1916-1992), de Trasalba, catedrático de árabe da Universidade de Granada e un dos máis recoñecidos arabistas españois do século XX; Sergio Álvarez Campos (1924-1994), de Osmo, catedrático de latín na Universidade de Compostela e poeta, con moitas composicións na lingua do Lacio; Manuel Feijóo (1926-1992), de Outomuro, musicólogo e fundador do orfeón Terra a Nosa; Ramón Lourido Díaz (1928-2009), de San Clodio, instalado en Marrocos converteuse nun dos maiores coñecedores da historia dese país, prolífico autor e profesor da Universidade de Rabat. E son só unha pequena mostra das “florciñas” dun grande e precioso ramo.

Artigo publicado no diario La Región o sábado 13 de decembro do 2014

No hay comentarios: