miércoles, 3 de diciembre de 2014

Podemos e o proceso constituínte

Non é a primeira vez que cito aquela reflexión de Américo Castro que dicía que España sempre fora máis un país de crentes ca de pensantes. Niso radica, creo eu, a causa de que tamén sexa un país de exaltados, e, en consecuencia, unha presa fácil das ideoloxías. Trátase dun mal que afecta tanto á dereita coma á esquerda, nacionalistas incluídos, e que explica a chea de turbulencias e sobresaltos que definen a nosa historia contemporánea. Relacionada con esa natureza exaltada está tanto a incapacidade para o diálogo coma a tentación de cada grupo que alcanza o poder de querer comezar todo desde cero, negándolle calquera valor ó camiño percorrido. 
Estas semanas tamén estamos cansos de observar como se trata de presentar a Podemos coma un perigo para a democracia. Discrepo: esta formación non representa nin máis nin menos perigo ca calquera outra. Porque o verdadeiro perigo para a democracia xurde cando un determinado partido acada un apoio maioritario do electorado, entón é cando pode aparecer a deriva autoritaria ou cando a corrupción pode minar o país, con independencia do que se prometera antes das eleccións. Pero o suposto dunha maioría ampla resulta pouco previsible nestes momentos en España.
Non obstante, o que si observo en Podemos é un grave erro, un erro que probablemente lle impedirá alcanzar as cotas de poder que agora lle auguran as enquisas. O erro ten que ver con esa vocación hispana da que falaba antes,  a de querer comezar todo desde cero: neste caso “reseteando”, mediante un proceso constituínte, a arquitectura do estado democrático establecido pola constitución do 78. 
Podemos debería considerar –aínda ten tempo- que as súas grandes expectativas de voto  non veñen do desexo dos cidadáns de cambiar a constitución, nin do de acabar coa monarquía, nin do de que se convoque un referendo en Cataluña. Non, os seus apoios veñen de dúas cousas principalmente: do rechazo que produciron na sociedade as políticas aplicadas polos dous grandes partidos, que cando trataron de atallar a  crise o que fixeron foi afundirnos na miseria, e do descubrimento asociado de que o país estaba minado pola corrupción. E a xente sabe que de nada diso é culpable a constitución do 78, só o son os dous grandes partidos, que non dubidaron en colocar ás clases máis humildes cos seus escasos recursos como principal escudo anticrise, mentres os seus favorecidos, apoiándose nas inxustizas e na corrupción, mantiñan, cando non incrementaban, as súas ganancias e o seu escandaloso tren de vida. A evidencia vén confirmado, ademais, que nin o PP nin o PSOE se enfrontan á corrupción dos seus coa contundencia necesaria, e que os cambios precisos nesta materia nunca van ser postos en marcha polos responsables do problema. Basta con ver a resposta que deron a semana pasada ó escándalo dos gastos das viaxes dos parlamentarios. Como dicía Upton Sinclair: “É difícil que un home entenda algo cando os seus ingresos dependen de que non o entenda”.
Podemos é unha forza moi heteroxénea, que dificilmente será capaz de articular unha proposta programática completa, axeitada ás necesidades do país; pero podería canalizar un importante caudal de votos que piden máis decencia e transparencia na xestión da cousa pública. E se iso se consigue, Podemos teríalle feito un gran servicio a España. Para o resto, mellor sería seguir o célebre consello de San Ignacio de Loyola, deixar pasar este tempo de tribulacións e non caer na tentación lampedusiana de querer cambialo todo para que, ó final, todo siga igual, cando non peor do que estaba.

Artigo publicado no diario La Región o 29 de novembro do 2014

No hay comentarios: