miércoles, 22 de febrero de 2012

Limpo coma unha xagonza



Ocorreu o sábado, estaba tomando un café na cafetería habitual e chegou o amigo Xan Alfonso que viña dunha andaina de Vía Auria. Preguntoume se escoitara algunha vez a palabra xagorza ou algo así, da que lle falara unha amiga. Díxenlle que non. Entón apuntou que, segundo a súa amiga, tiña que ver con ‘limpo’. Dinme conta de seguido que se trataba de xagonza, esa palabra que tanto utiliza miña nai e que era de uso frecuente no Ribeiro.

A palabra soamente se conserva na locución limpo(a) coma unha xagonza, que adoita pronunciarse con gheada case imperceptible. Di miña nai que polo gobernada que está a entrada dunha casa e polo limpos que van os nenos que saen dela xa se sabe como é a muller que a leva. Deste xeito, tereille escoitado miles de veces o seguinte eloxio dunha muller: Sempre trae ós fillos limpos coma xagonzas!. Si, a min tamén me gusta ver ós nenos limpos coma xagonzas, porque os nenos son o mellor espello dunha sociedade. E cando se limpa algo, unha ferramenta, un moble, o piso… pois todo debe de quedar limpo coma unha xagonza, o que equivale a dicir limpo coma unha patena.

 Cando cheguei á casa quixen saber máis sobre xagonza e busquei no Diccionario de Diccionarios do Galego. A sorpresa foi maiúscula: non aparece tal voz en ningún dos 26 dicionarios históricos que compoñen esta ferramenta!! Non entendo como se lle puido pasar a don Eladio, que a escoitaría en innumerables ocasións na Ponte San Clodio! Outra sorpresa: a locución tampouco aparece nin unha soa vez no Tesouro Informatizado da Lingua Galega (TILG), base de datos que reúne arredor de 1500 obras escollidas escritas en galego moderno. Soamente Méndez Ferrín usa o substantivo xagonza, nunha ocasión de xeito erudito?-, na súa novela Bretaña, Esmeraldina, cando fala dun escano «incrustado de nácares e de almasí, de xoitamias e de xagonza». Con ese significado concreto de pedra preciosa, a palabra xa aparece na versión galega da Crónica Troiana, do século XIV, que fala dunha «jagonça muy preçada e moy fremosa». Xusto con esa grafía, jagonça, consérvase a palabra no portugués. O dicionario Houaiss rexistra «jagonça: variedade de zircão incolor ou levemente afumado, vendido como diamante de qualidade inferior», e apunta con respecto á súa etimoloxía: «persa zargún 'cor de ouro' como sugere (Devanc), ou antes, segundo Dalgado, "como declara Dozy", conexo com o ár. zayrqún, fonte do port. Zarcão». Equivale ó castelán jargonza, que xa figura no Lapidario de Afonso X  o Sabio, e que Corominas entende de importación galorrománica, pero afirma que a voz procede en última instancia do grego.

xagonza

Non entendo nada de pedras preciosas, pero descubro que a xagonza tamén recibe en castelán os nomes de  zircón e jacinto de Compostela, ademais de jargonza, e que ás veces é descrita como cuarzo hematoideo. Aínda que o circón é un silicato de circonio e o cuarzo un mineral que ten como principal constituínte o óxido de silicio, o circón aparece habitualmente asociado ó cuarzo, por iso resulta totalmente comprensible esa aparente dualidade de significados. Parece ser que na Idade Media atribuíanselle diversas propiedades beneficiosas ós cristais de xagonza, entre elas a de protexer ós viaxeiros, e diso puido vir a costume de que os levasen os peregrinos de Compostela, de aí o seu nome castelán de jacinto de Compostela. Fose como fose, o que parece claro é que xagonza quedou como exemplo de algo ‘limpo e puro’, coma unha patena, coa diferenza de que o falante actual sabe o que é unha patena, mentres ignora  o que é unha xagonza.

A ver se a través dos lectores deste texto podemos facernos unha certa idea da extensión da locución por Galicia, e, de paso, sabemos se o substantivo aínda permanece vivo. 


6 comentarios:

David Simón dijo...

Interesantísimo.Enhorabuena por la entrada.

Jeanfrujo dijo...

Moitas grazas

Anónimo dijo...

Nesta nova da Voz aparece
http://www.lavozdegalicia.es/ourense/2010/05/07/0003_8466988.htm?idioma=galego

Miña avóa, que naceu en Fonteantiga ( San Felix de Varón) usabaa "está limpo coma unha xaghonza"

C. Fernández

Cossue dijo...

Um saudinho, meu. Pois hoje estivem a indagar aqui pola minha oficina com pouco êxito. Unha companheira de Lalim, que considero que fala um moi bom galego, nom conhecia a palavra, como tampouco os da comarca do Barbança: Um companheiro de Boiro, galego-falante galego-falante castiço (nom coma mim que che som um tanto esvaído) dixo aquilo de 'e nom será o mancontro esse unha patena?'. Apertas.

Jeanfrujo dijo...

Moitas grazas a todos. Polo que vexo e polo que me contades a locución “limpo coma unha xagonza” soamente se debe conservar (en estado agónico) no Ribeiro e na súa contorna. Teño testemuñas de Cenlle, O Barón, Dacón… Pero ningunha de lonxe do Ribeiro. E sempre falan dunha expresión usada por persoas maiores.

Un matiz interesante, co que concordo, é o que apunta o amigo Clodio González, cando me di que a expresión, que “usaba de cote” a súa finada avoa paterna (de Cenlle), referíase normalmente ás persoas. En efecto, o de limpo coma unha patena adoita referirse a obxectos, mentres o limpo coma unha xagonza resérvase principalmente para as persoas.

Luisa dijo...

Está xenial este blogger.
Moitas felicidades por tan bo traballo, da gusto entrar e ver as cousas tan ben explicadas e ben feitas.

O fin disipáronse as miñas dúbidas. A miña avoa utilizaba moito esta expresión, eu tiña buscado e preguantado... pero sin resultados, a verdade que cheguei a pensar que non existía.

Que sorpresa me levei cando supen o que era XAGONZA...Casualidades da viada.

Como ben dixen XENIAL..