domingo, 26 de febrero de 2012

Ó eito




Aí veñen as lanchas do xeito,
traendo sardiñas a eito
...
Cantiga  popular



Foi en xaneiro. Ía paseando coa miña muller desde Brués a Xurenzás aproveitando ese ben escaso que é o sol a esas alturas do ano. O gran número de casas arruinadas que observamos en Valboa levounos a falar sobre o despoboamento do rural. Dicíalle eu: «As aldeas van todas ó eito, dentro de dez anos en moitas xa non vivirá ninguén». «Pero, que é iso de “ó eito”?», preguntoume ela. Caín entón na conta de que agora, na fala, a penas se usa a expresión a eito /ó eito, tan común na Galicia rural ata hai ben pouco tempo.

Na miña experiencia de neno había dúas labores agrícolas nas que a locución aparecía moi a miúdo, na vendima e cando se apañaban as patacas. Na vendima, os rapaces sempre queríamos levar a fila máis adiantada, e o resultado común era que quedasen acios e cangallos sen vendimar, e bagos sen apañar. Non tardaba en vir alguén a reprendernos: «Neno, hai que vendimar ó eito!»; significaba que había que vendimar todo, cepa por cepa, sen saltar dunha para outra. O mesmo sucedía ó apañar as patacas, non se trataba de bulir, nin de encher a cesta coas máis grandes: «Cólleme as patacas ó eito», dicía meu pai. E cando viña unha xeada, alá pola Santa Cruz, era normal escoitar:  «Non quedou un gromo, levounos ó eito». Na feira ou na tenda tamén era frecuente o seu uso, habitualmente para reprender a quen escollía na froita, no peixe ou nos ovos: «Non se pode escoller, hai que coller ó eito!». E, eu mesmo, recoméndolle ós meus alumnos que fagan os exercicios de cada tema ó eito.

Resulta curioso que, a pesar de que a locución advervial é cada vez menos utilizada na fala, aínda sexa unha das máis utilizadas na escrita, como se pode comprobar en bases de datos coma o CORGA ou o TILG. Pero tampouco resulta tan raro esto, é fácil observar como moitos escritores novos, e algúns menos novos, utilizan con frecuencia palabras ou locucións “exóticas” (para eles) nos textos, tal vez confiando en aportarlle un maior enxebrismo ou autenticidade, pero os resultados non sempre son os desexados. O fenómeno dáse en tódalas linguas e en tódalas literaturas, pero sempre tivo unha  importancia especial na literatura galega, onde, ata hai ben pouco, un bo número de escritores eran castelán falantes. É dicir, o campo semántico do léxico coñecíano de vista ou de  oídas, pero menos pola práctica da fala. Esta é unha circunstancia que non se debería esquecer. No caso que nos ocupa, resulta doado atopar a locución a eito, ás veces con significados que, alomenos ó meu oído, non sempre lle cadran. Un dos máis comúns é como sinónimo ‘moito, con abundancia’: «..veño suándo a eito» (Fariña Jamardo); «é o pecado de comer a eito e sen mesura» (Manuel Rivas), ... Con significado semellante utiliza Neira Vilas un eito: «Quixera dicir un eito de cousas», «Leva nela un eito de anos». Outras veces á locución parece que se lle dá o significado de a miúdo: «que vos chamen a eito “ácratas”...» (Blanco Amor), «teño ollado a eito esas ringleiras...» (Moure Mariño); e nalgunhas nin sequera é fácil saber o que se pretende dicir: «percorre os montes e labradíos do lugar, emprazados a eito nas súas ladeiras...» (Xurxo Borrazás).

Non obstante, penso que o significado desta vella locución, que xa aparece nas Cantigas de Santa María, está ben claro. Sarmiento daba conta  del a mediados do século XVIII: «muere mucha gente a eito en tal lugar, esto es, arreo y sucesivamente.». En portugués existe a mesma locución con idéntico significado; así, Bluteau, en 1712, no seu Vocabulario portuguez e latino, di que a eito equivale a dicir ‘seguidamente, continuadamente, sen interrupción de tempo, sen intervalo de lugar’. E o mesmo se pode ver noutros autores modernos portugueses, coma o Cardeal Saraiva, eminente bieito do século XVIII, que se fixa nos parecidos significados de a eito, a fío e arreo, e trata de fixar as sutís diferenzas semánticas entre as tres expresións. Pero nunca atopo nas fontes antigas ese significado de ‘abundancia, en gran número’ que lle dá por primeira vez nos dicionarios de galego o Dicionario da Real Academia (1913-1928), que logo simplemente copiaron outros posteriores e, máis tarde, reflectiron os textos escritos. Tampouco en castelán, no que existe a expresión equivalente a hecho (que é discutible por cuestións etimolóxicas se debería escribirse a echo –ver GonzálezGarcía, 2005 ), se observa ese significado : «1. loc. adv. Seguidamente, sin interrupción hasta concluir. 2. loc. adv. En conjunto, sin distinción ni diferencia.». Certo que ás veces a ocorrencia continuada dun feito resulta equivalente a unha abundancia, pero non sempre. Por exemplo, vendimar ó eito nada ten que ver con vendimar moito ou pouco, nin coller a froita ó eito  con coller moita froita. Certo que se nun banquete traían o marisco ó eito, significa que non  paraban de traer marisco, e polo tanto había abundancia. Deste xeito, que se debería entender por comer ó eito? Pois eu, que nunca escoitei tal expresión, entendería comer todo o que está no plato, sen deixar nada, moito ou pouco, pero nunca comer moito. E, que eu saiba, non se súa a eito, súase a fío. E se a xente, como escribía Sarmiento, morre a eito, quere dicir que van morrendo todos, un tras outro. Moitos? Os que haxa!  

Tampouco escoitei nunca a locución a feito, que se dá nalgúns dicionarios como equivalente de a eito. É unha variante que se debeu de estender desde o inconcluso diccionario da Real Academia (1913-1928) a outros diccionarios, mesmo ó da RAG de 1997. De tal locución non hai rastro no portugués, e talvez sexa unha galeguización fronteiriza do a hecho castelán, pero paréceme difícil a súa coexistencia con afeito ‘acostumado’. Por último, resulta interesante saber que arreo -en portugués a reio ou arreio-, con significado moi parecido ó de a eito e etimoloxía discutida, é voz viva no castelán: «arreo: adv. t. Sucesivamente, sin interrupción.». (Dic. RAE , 2001). E, xa o era nos tempos de Quevedo: 

 Esto de ser marido un año arreo,
Aun a los azacanes empalaga:
Todo lo cotidiano es mucho y feo