sábado, 10 de marzo de 2012

De “folión” a “follón” e de “follón” a “follar”



Mi pobre madre, de hecho,
 nunca pudo oír como mi padre
 daba cuerda al susodicho reloj
 sin que sus pensamientos
 derivasen hacia otras cosas...
Tristram Shandy (Laurence Sterne)


Non ben rematabamos coa xagonza cando o Xan Afonso, non sei a conta de que, pasou a falarme de folión, esa palabra que agora asociamos por estas terras do Ribeiro e do Carballiño, coa sesión de fogos de artificio, fixos e voadores, das festas, e pola Limia e o Macizo Central cos desfiles de entroido. Díxenlle que a min, que tanto me gusta ver o folión do Setembro no Carballiño, o do Portal en Ribadavia ou mesmo o acuático do San Pedro en Leiro, tamén me interesara esa palabra, e que tiña realizado algunhas anotacións sobre ela. Aí van algunhas.
                                  
Na realidade, a primeira vez que me decidín a investigar un pouco sobre folión foi cando descubrín que a noite da véspera da festa grande de San Clodio, a Santa Cruz, celebrábase un gran folión do que agora xa non había memoria. Foi no poemario Cruz Ribereña (1931) do Padre Eiján, cando recrea o que poderían ter sido as festas da Santa Cruz derredor do ano 1880. Considero probable que, máis tarde, fosen os versos do Padre Eiján a principal fonte de inspiración para a definición que dá don Eladio no seu dicionario de folión, que semella ter sido escrita pensando en San Clodio:

«Fiesta nocturna de luminarias, hogueras, música, gaita y fuegos de aire, con que en la provincia de Orense y en gran parte de la de Lugo, suelen solemnizar las fiestas patronales de las parroquias en la noche de su víspera.»

En xeral, tódolos dicionarios históricos de galego coinciden en darlle a folión o significado de festa nocturna con música, lumes e fogos de artificio. Con respecto á antigüidade, non sei se xa había Folións nos tempos de María Castaña, pero nas Coplas Galegas do Padre Sarmiento (1746) xa aparecen, e os dicionarios portugueses documentan folião a partir do século XVI.  Folión é aumentativo de folía, «Baile de gran bulla y ruído.» no mesmo dicionario de don Eladio. No dicionario portugués Houaiss, folia era unha antiga danza portuguesa cuxo nome, por extensión semántica, pasou a significar «festejo animado, alegre e barulhento; farra, pândega, baile.». É a mesma  folía que, na Idade Media, aparece nas Cantigas de Amigo, na Crónica Troiana ou no Cancioneiro de Ajuda, da que tamén deriva foliada reunión nocturna de xente para divertirse, cantar e bailar’, e ‘diversión buliciosa en que participa un grupo de persoas’. A palabra folía mantense nos dicionarios de galego, e o TILG rexistra 21 casos nunha ducia de autores, pero sospeito que xa non está viva na fala. Folía remítenos ó francés folie (c1100) ‘loucura, capricho’, do francés antigo fol ‘louco, demente, idiota’, dun baixo latín follus (derivado do lat. follis ‘fol’), o mesmo que deu o inglés fool, de idéntico significado. A relación entre un fol e a idiotez vén da consideración do idiota como persoa baleira, coma se fose un saco de aire. En suma, na folía e no folión está presente o concepto de festa rachada, de festexo animado e barullento, no que a xente fai loucuras e hai certa perda do sentido.

Cabería preguntarse agora se o castelán moderno follón ‘alboroto, confusión, enredo” –que non rexistran os dicionarios de galego, pero que tamén é de uso común no noso idioma - ten algo que ver con folión, dadas as semellanzas fonéticas, morfolóxicas e semánticas entre as dúas palabras. Para comezar, hai que dicir que follón, co significado agora máis usual, soamente se documenta nos textos escritos en castelán no século XX, e non aparece no diccionario da Real Academia Española ata 1970. Antes, os dicionarios de castelán rexistraban follón, pero referíndose a unha persoa ‘insensata, covarde, cruel’: a un felón; tamén como ‘ventosidad sin ruido’ e ‘cohete que se dispara sin trueno’ (outra vez polo fol –xa que tamén deriva de Follis-, neste caso polo aire que sopra: fsssh!!!). Queda claro, entón, que nada ten que ver ese antigo follón co actual, que se por algo se caracteriza é polo ruído. O que agora entendemos por follón viría do verbo follar 'formar o componer en hojas algo', segundo o dicionario da RAE, pero coido que nada ten que ver con iso; para min é un aumentativo do castelán folla, no mesmo dicionario: «1.Junta o mezcla de muchas cosas diversas, sin orden ni concierto, por diversión o capricho. 2.Lance del torneo en que batallaban dos cuadrillas desordenadamente. 3.Diversión teatral compuesta de varios pasos de comedia inconexos, mezclados con otros de música. 4.Concurso de mucha gente, en que sin orden ni concierto hablan todos, o andan revueltos para alcanzar algo que se les echa a la rebatiña.». Historicamente, a primeira acepción de folla foi a segunda da RAE, a de ‘lance dun torneo no que pelexaban dúas cuadrillas sen orden nin concerto’, lance que adoitaba celebrarse, na Idade Media, ó final das festas e reunións. Quedou o rastro desas follas na locución tener mala folla, que significa ‘ter mala sorte’, porque as follas, aínda que eran de divertimento, ás veces remataban mal. A ampliación semántica debeu producirse pronto, pois no século XVII xa figura folla no dicionario español-italiano de Franciosini coa acepción de ‘tumulto confuso e ruidoso entre os que falan’. A palabra ten os seus equivalentes, entre outros, no francés foule e no portugués fula. Todas nos remiten ó latín fullo onis batán’ e o latín vulgar fullare ‘batanear’, que deu o francés fouler, o italiano follare e os casteláns hollar (Berceo, sec. XIII) e follar (Gran Conq. de Ultr.; sec. XIV). Estes dous últimos aparecen sempre neses primeiros textos medievais co significado de ‘pisar, machacar’, a función que tamén realiza o batán. De aquí saíu o castelán huella, a marca da pisada. E da idea de pisar e golpear pasouse metaforicamente á idea de tumulto, de multitude, de abarrote (de aí o full ‘cheo’ inglés) e de loita. En castelán perdeuse o –f- inicial –quedou hollar-, pero Corominas explica a permanencia de folla por arcaísmo da linguaxe caballeresca.



E, que hai de follar? Pois... pouco ou nada. Corominas nin sequera cita para este verbo a acepción de fornicar, e nos dicionarios da Real Academía Española tal acepción non aparece ata a edición de 1984. Mentres, no CORDE (corpus diplomático do Español), ata agora, non se rexistra un só follar coa acepción de practicar o coito. Non así no TILG (Tesouro Informatizado da Lingua Galega), onde hai rexistros de follar ‘fornicar’ desde o ano 1976. En canto  á etimoloxía, son bastantes os que pensan que follar está relacionado co antigo folgar (holgar en castelán), dun latín tardío follicare ‘bufar, respirar fondo, jadear’, derivado de follis ‘fol’, e o mesmo dicionario da RAE apunta na etimoloxía: "quizá der. del latfollis" . Este folgar ten os significados principais de ‘descansar, estar ocioso’, pero tamén de relación carnal, coma no Quixote, cando, referíndose á vida que levaba o Marqués de Mantua, centrada na vinganza da morte do seu sobriño Valdovinos, di o esforzado cabaleiro que era «de no comer pan a manteles, ni con su mujer folgar...»,  outra vez con permanencia do –f– , como ocorría con folla. Non obstante, follar non pode vir en castelán nin de follicare nin de  folgar. Outra posibilidade máis plausible sería o verbo castelán follar, ou a variante afollar, ‘soplar cun fol’, xa que, segundo outros autores, o movemento do fol semella o xeito de movemento do coito: podería ser, pero paréceme moi rebuscado, e, ademais, o uso dese verbo en castelán foi moi raro, segundo se desprende dos corpus documentais. Non, coido que para explicar a etimoloxía de follar ‘fornicar’ hai que volver ó follar ‘pisar, machacar’ e incluso ‘tomar’ de folla. Ese significado vémolo con claridade, por exemplo, na Gaya Ciencia (1475) de Pedro Guillén de Segovia, cando lemos como o conde de Haro con mil seiscentas lanzas trataba de «follar la tierra del rey Don Alfonso... y despues de vuestra señoría aver respondido... non follase la tierra del rey Don Alfonso vuestro señor, porque si pasando aquella se follava... non podia ser sin batalla y sangre...». E esta idea de pisar, marcar, tomar, posuir ou incluso violentar (non esquecer que follar tamén ten o significado de molestar ou causar un prexuízo, o mesmo que foder ‘fornicar’ (futere ´ter relación sexual cunha muller’), pero tamén ‘molestar, amolar, estragar’), creo que é a que está presente, de xeito metafórico, no follar ‘fornicar’. Ao contrario que en folgar ou fornicar, onde se observa simetría na acción verbal (tanto o home coma a muller poden folgar e fornicar), en follar e en foder hai unha compoñente de posesión do home e de violencia do macho: falando estritamente, é o home quen folla (ou fode) á muller, e non ó contrario.

Un par de reflexións finais sobre dúas preguntas que un se podería facer despois de ler este texto. Son tan contemporáneos follón  ‘alboroto, confusión, enredo” e follar ‘fornicar’ como o parecen indicar os dicionarios da RAE? Non o creo, penso que son moi antigos, pero non quero cansarvos máis coas miñas argumentacións. Deberían aparecer follón e follar nos dicionarios de galego? Por suposto, son palabras vivas na fala e non deberían ser excluidas pola súa condición de castelanismos.

En fin amigos, todo comezou polo de folión, pero xa se sabe desde hai moito tempo que a asociación de ideas acaba levándonos a sitios insospeitados (Locke dixit).

1 comentario:

zeltia dijo...

non cansas nada coas túas argumentacións! están expostas dun xeito moi entretenido e resultáronme moi interesantes.