jueves, 26 de julio de 2012

Peces-Barba



El deterioro de la  vida democrática española
fue hasta el fin de sus días
su principal preocupación
Soledad Gallego-Díaz


Dentro do regueiro de malas noticias que nos persigue, o martes chegábanos a do falecemento de Gregorio Peces-Barba Martínez. Coñecía a Peces-Barba a través dos seus escritos desde os anos da pretransición; nos exemplares da revista Cuadernos para el diálogo que meu tío Serafín me ía pasando lía con sumo interese os seus artigos, sobre todo os daquela serie que levaba por título Acotaciones ingenuas a la realidad que nos rodea. Logo, seguín sempre atento a súa actividade política, académica e intelectual. En persoa vino unha soa vez, en Ourense, na Facultade de Dereito, non hai moito tempo, o tres de novembro do 2010, cando veu para falar sobre Educación para la ciudadanía e dicir catro grandes verdades ó respecto.

Onte, tódolos periódicos insertaban numerosos textos recordatorios sobre a figura de Peces-Barba que, en xeral, destacaban a súa importante contribución ó deseño do modelo democrático español vixente. Non insistirei, por tanto, naqueles aspectos máis coñecidos da personalidade e traxectoria do finado: catedrático de dereito, fundador de Cuadernos para el diálogo, socialista cristián, voz destacada do partido socialista, un dos sete membros da ponencia constitucional de 1978, presidente do congreso dos deputados entre 1982 e 1986, fundador e rector da Universidade Carlos III ata o ano 2007 e alto comisionado para as vítimas do terrorismo entre 2004 e 2006. Non, o motivo deste texto, ademais de tentar ser unha humilde homenaxe para tan destacado persoeiro, está na necesidade que sentín de escribir un par de anotacións sobre aspectos que considero pouco ou nada tratados neses textos recordatorios, e que me parece que teñen importancia suficiente para ser reseñados.

A primeira e fundamental sería sobre a figura de Peces-Barba como defensor acérrimo da monarquía. Esta postura, clara e contundente, e non sempre ben entendida, resulta salientable porque talvez foi Peces-Barba o maior, máis leal e máis autorizado apoio que tivo a monarquía, e en concreto a figura do Rei, desde as filas do PSOE, por non dicir desde o conxunto da esquerda española, aqueixada, en xeral, do que el denominaba “la obsesión republicana”, desde que se abriu a veda contra esta institución: “Cómprese usted algún libro de historia. Lea usted un poquito, …”, dicíalle a Jordi Évole, presentador do programa Salvados, cando este lle preguntaba, cunha evidente falta de respecto e con ese ton tan característico dos listillos que se fan os tontos, demostrativo sempre dunha ignorancia supina, sobre temas tan sensibles e profundos como é este do modelo de Estado en España. Aínda así, ver a entrevista resulta totalmente recomendable. Esa visión, xunto coa lectura do libro Madrid. El Advenimiento de la República, de Pla, podería ilustrar un pouquiño sobre a importancia desta cuestión.

A segunda anotación que quero facer versa sobre o cansazo. Desde que Peces-Barba deixou o alto comisionado de apoio as vítimas do terrorismo, logo dos inxuriosos ataques que recibiu desde o Partido Popular e desde a Asociación de Vítimas do Terrorismo, sempre observei nel a un home cansado e desencantado. A súa mirada perdida parecía dicir ás veces -tamén no vídeo da entrevista que citaba antes-: tanto esforzo e tanto traballo para que? Tanto consenso, tanta moderación, tanto empeño por construír un pais mellor, para chegar a isto!… E a pesar do cansazo e do evidente deterioro físico, que non intelectual,  Peces-Barba sabía que non podería abandonar o seu traballo, que tería que loitar ata o último alento polo que sempre loitou: pola liberdade dos individuos. Cun castigo engadido: sabía que morrería coa inmensa e tráxica dúbida sobre o incerto futuro da democracia en España, dúbida insospeitada hai tan só unha década e que apareceu ó descubrir que os cimentos do edificio democrático español, a pesar dos grandes esforzos realizados, non eran tan sólidos como supoñíamos.

Por todo iso, a perda de Peces-Barba ten un significado especial. Fóra da política activa, por desexo propio, desde 1986, e dedicado en exclusiva á vida intelectual e académica, era, non obstante, unha voz autorizada e escoitada desde moitos e diversos ámbitos. Eu non vexo con claridade cal pode ser a que tome o seu relevo.

Descanse en paz Gregorio Peces-Barba.