lunes, 3 de septiembre de 2012

O curioso impertinente: efemérides




Siempre se pierde el tiempo.
Lo que se llama ganar tiempo es perderlo.
 El tiempo: he aquí la tragedia.
Unamuno

Efeméride (singular de efemérides, do latín ephemerides, plural de ephemeris ‘diario, bitácora’, á súa vez do grego ephemeros ‘de un día, efémero’) é palabra que denomina a celebración do aniversario dun  acontecemento notable. En Galicia, e en España, desde hai algúns anos, vivimos nunha continua e frenética celebración de conmemoracións e rememoracións: cincuentenarios, centenarios, quintos centenarios, milenarios…; de nacementos, de pasamentos, de vitorias, de perdas, de ereccións, de derrubes, de publicacións, de estreas, de chegadas, de saídas…; eu que sei a de cousas que rememoramos! Está ben estudada polos sociólogos e polos historiadores esta obsesión pola conmemoración, que relacionan con sociedades envellecidas ou que viven épocas de decadencia. Resulta natural que cando non se divisa o futuro con claridade os homes volvan a vista cara o pasado. Non serei eu tan crítico con estas celebracións coma W. Benjamin, que pensaba que a única tarefa das rememoracións era salvar o que fracasara. Non; nada teño en contra das conmemoracións, especialmente cando corren pola conta dos conmemorantes (suposto bastante raro, por certo).

Este verán, en concreto, celebráronse no Carballiño dúas efemérides moi soadas, as dúas por acontecementos dignos de conmemorar: a cincuenta edición da Festa do Pulpo e os douscentos anos da constitución do concello do Carballiño. Pero, claro, todo proceso de conmemoración leva consigo, como resulta preceptivo, o da exhibición dos títulos, documentos e reliquias que testemuñan a antigüidade do conmemorado; e aquí foi onde me asaltaron as dúbidas, porque nestas cousas hai que ser moi respectuosos cos números.

Comezarei pola Festa do Pulpo. Na Praza Maior do Carballiño está exposta unha selección (desordenada) dos artísticos carteis de distintas edicións desta multitudinaria festa. Curiosamente non aparece ningún dos primeiros anos, dos anos sesenta; pero a numeración dos que se exhiben dos setenta permite deducir que a primeira Festa do Pulpo celebraríase no ano 1964. Ese “calendario” mantívose, segundo se ve nos carteis expostos, ata o ano 1992 (29 edición), como mínimo. Non obstante, no cartel de 1995 (faltan os de 1993 e 1994) xa se observa unha nova numeración: figura para ese ano a 33 edición e non a 32, como lle correspondería polo primeiro “calendario”. Dese xeito, neses anos, parece que se instaurou un novo, que aumentaría nun ano a antigüidade da festa. Levado pola curiosidade, nunha apurada investigación, utilizando as ferramentas que nos proporciona internet, descubro no diario ABC do 24 de agosto de 1966 unha noticia sobre a celebración da III Festa do Pulpo do Carballiño, a primeira que se celebraba en agosto, fóra do programa das Festas do Setembro (talvez a primeira “numerada”?). A información revela ben ás claras, salvo defecto de memoria manifesto dos organizadores do evento daquel ano, que o primeiro “calendario” era o correcto, e que, polo tanto, á edición deste ano corresponderíalle o número 49 e non o 50.

A pesar do coñecemento que sei que ten da historia do Carballiño, a súa vila natal, e de se-lo autor dun bo número de carteis da Festa,  non me convence o amigo Felipe Senén, cando,  nun artigo que asina no diario La Opinión da Coruña, afirma: «Sabémolo ben: no Carballiño celébrase neste 2012 o 50 aniversario da Festa do Polbo», para logo repetir «Sabémolo ben que nun setembro do 1962 naceu a Festa do Pulpo do Carballiño». Como é doado de ver, hai unha incongruencia matemática entre estas dúas afirmacións, se a primeira festa fose no 1962 a deste ano sería a quincuaxésima primeira. Pero, ademais, un pouco máis adiante lemos: «Primeiro foi Cambados, dez anos antes, homenaxeando a capa e medalla de cabaleiros, sen cabalo, ós seus viños albariños. Logo imitouna a non menos fidalga Ribadavia que argallará feira e festa en honra dos viños dos ribeiros. E o veciño Carballiño non quedará atrás…». Entón, amigo Felipe, como se explica que indo a Feira do Viño de Ribadavia pola corenta e nove edición (a primeira foi en 1964), a do Pulpo, imitadora de Cambados e de Ribadavia, segundo a túa memoria, xa vaia pola cincuenta? A non ser que se supoñan efectos relativistas na medida do tempo, algo non cadra… En fin, o que me parece a min é que non convén fiarse da memoria cando se trata de aportar datos históricos, nin sequera cando un foi testemuña directa dos acontecementos historiados…

Na miña opinión, que admite proba en contra, a decana das festas gastronómicas da gran comarca Carballiño-Ribeiro, a pesar de ir tan só pola XXIII edición, e o espello no que se miraron O Carballiño e Ribadavia para crear as súas respectivas festas, do pulpo e do viño do Ribeiro, foi a Festa da Vendima de Leiro, festa que, por certo, non cita Felipe Senén no seu artigo. Esa festa, que si tomou como modelo a do Albariño de Cambados, celebrou a primeira edición o día 15 de setembro do ano 1963 e foi un gran éxito. Estou seguro que no xantar do Salgueiral, á beira do Avia, onde se atopaba o máis selecto da intelectualidade galega, presidida por don Ramón Otero Pedrayo, que oficiou de pregoeiro, habería unha nutrida representación de carballiñeses e de ribadavienses, que tomarían boa nota daquela nova celebración festiva, que tivera como principais impulsores a Arsenio Paz (daquela alcalde de Leiro) e a Victorino Núñez (daquela secretario do mesmo concello). Isto explicaría a curiosa coincidencia do nacemento das festas de Ribadavia e do Carballiño o ano seguinte, 1964. Evitaríamos así o renacemento de vellas disputas entre as dúas vilas, neste caso por ver quen tiña a festa gastronómica máis antiga, e, ao mesmo tempo, poríase de manifesto que, ás veces, o mérito correspóndelle ós máis pequenos. Nos concellos, coma en moitas outras cousas, a pesar do que diga o “clamor popular”, o tamaño non sempre é o que máis importa.

Sobre o tema dos douscentos anos do concello do Carballiño non vou a ser tan extenso, fundamentalmente porque non coñezo en detalle a historia da súa constitución. Sorpréndeme, iso si, a pouca exhibición documental de que foi acompañada a celebración, unha sorpresa que se volve maior cando considero a ampla nómina de historiadores con relación directa ou indirecta, presente ou pasada, con esa casa consistorial. Soamente quero apuntar que no interesante libro-guía O arquivo do concello do Carballiño (1998), o seu autor, Juan José Docampo Nóvoa, que algo deberá saber sobre esta cuestión, afirma, na páxina 27, que «está documentado que o concello do Carballiño nace como institución en 1813». Esa afirmación corrixe unha anterior de Fariña Jamardo, na Guía de Carballiño da súa autoría, do ano 1961, no senso de que o concello tería celebrado as súas primeiras sesións no mesmo ano 1812, aseveración que, sen proba documental, soamente resulta válida para aqueles que aceptan as argumentacións  ad verecundiam. Este ano cumpríronse os douscentos anos das normas que conduciron á creación dos primeiros concellos constitucionais (Constitución de 1812 e Decreto das Cortes de Cádiz de 23 de maio de 1812), pero iso non demostra que o concello do Carballiño nacese no ano 1812. En consecuencia, admitindo que existe a documentación da que fala Docampo Nóvoa, os douscentos anos cumpriríanse o vindeiro ano 2013 e non este de 2012.

Repito: nada teño en contra desas conmemoracións. As dúas posúen importancia suficiente para ser celebradas, se acaso con maior realce, pero conviría un pouco máis de rigorosidade; alomenos para que isto non pareza unha desesperada carreira na busca do tempo, visto como fonte de reputación e  mérito. “O antigo dá prestixio” podería ser o lema dunha filosofía popular tan vella coma andar a pé; a súa práctica, natural ou impostada, sempre produciu grandes beneficios ós comerciantes, pero convén ser respectuosos coa historia. Os casos do Carballiño son de importancia menor, sobre todo se os comparamos con algúns outros, por exemplo co do quinto centenario da Universidade de Santiago, festexado con gran boato no curso 1995-96, cando na realidade o que se cumprían eran cincocentos anos da fundación dunha escola de gramática na que se ensinaba a ler ós nenos; mentres, a  universidade propiamente dita non nacería ata arredor de medio século máis tarde. Comparado con iso, as desviacións temporais das efemérides do Carballiño resultan veniais!

En fin. Tal vez se lembrásemos que efémero ‘pasaxeiro, de corta duración’ ten o mesmo étimo ca efeméride, teríamos máis paciencia e deixaríamos que as cousas boas, efemérides incluídas, chegasen no tempo que en verdade e xustiza lles corresponde; para logo ilas apañando e degustando, coma a froita, no seu tempo, que é cando está en sazón.

Benvidos.