domingo, 28 de octubre de 2012

Algúns apuntes sobre a Ponte de Ribadavia*



 Vista xeral da Ponte de Ribadavia

Se me preguntasen por cales son na miña opinión os restos arqueolóxicos que mellor reflicten o pasado esplendor do Ribeiro, non dubidaría na resposta, escollería as antigas pontes do Avia. Sería difícil atopar en Galicia, e mesmo en España, un caso semellante ó deste nobre, poético e amado río noso, que, nos pouco máis de dez quilómetros de conca que debuxan o Ribeiro de Avia, reunía xa a mediados do século XVIII tres obras da envergadura da ponte de Ribadavia, da de San Clodio e da de Pazos de Arenteiro.

As pontes son o paradigma da obra pública e a súa construcción sempre foi indicador de tempos de bonanza, do mesmo xeito que o seu deterioro ou destrucción se asocia con épocas de decadencia ou guerra. Desde un punto de vista estritamente estético, as pontes sempre chamaron a atención dos homes, tal vez porque nelas vemos unha metáfora da propia vida en sociedade, como obras colectivas que axudan á superación das dificultades do camiño, e tamén porque nelas percibimos un dos máis importantes símbolos da humanización das paisaxes; como escribía Cunqueiro, nas pontes é onde os ríos aprenden mesura e xeometría. Li Tai Po, poeta chino do século VIII, cría que o encanto dunha ponte descansaba na perfecta conxunción de tres elementos esenciais: o carácter de obra viva, a beleza dos seus materiais e a presenza do arco, e iso segue valendo agora, se acaso facendo fincapé no especial valor do terceiro elemento –o arco- e engadindo a necesidade dunha axeitada integración da obra no seu entorno paisaxístico. Ademais, no caso das pontes antigas, como monumentos que son, adquire unha relevancia especial a súa historia.

Teño dedicado bastantes horas de estudo ás nosas pontes, e podo dicir que unha historia do Ribeiro que non comtemplase a destes monumentos sería unha historia coxa. Da de Pazos, hoxe entre as ruínas máis evocadoras e fermosas do Ribeiro, atopei que era unha obra máis nova do que se pensaba, que non era medieval e que fora construída por impulso dos veciños de Lebosende na primeira metade do século XVIII[1]. Da de San Clodio hai abondosa documentación que informa de como foi promovida polo abade do mosteiro de San Clodio, Rodrigo de San Xes, a finais do século XV. Non obstante pouco sabemos seguro arredor da ponte de Ribadavia, salvo que é a máis antiga das tres.

Na idea de que sempre resulta convinte chamarlle ás cousas polo seu nome, isto sería o primeiro sobre o que cabería apuntar algo. Certo que o nome máis habitual que se lle aplica, Ponte de San Francisco, ademais do xenérico de Ponte de Ribadavia, vén de moi antigo; así figura, por exemplo, nun coñecido e valioso plano da vila do ano 1799. Non obstante, a ponte de Ribadavia é moi anterior ó convento de San Francisco. O convento, con tal nome, ocupa o lugar dunha antiga igrexa, a de Santiago de Alén, e nunca sería anterior ós séculos XV-XVI; mentres, a primeira noticia da ponte remóntase ó ano 1211, cando nunha doazón ó mosteiro de Melón se rexistra unha chousa “ad pontem burgi”, en Ribadavia. Deste xeito, resultaría máis propio chamarlle á ponte polo seu nome orixinal de Ponte do Burgo,  nome que reflicte unha orixe próxima no tempo á da propia vila, que nace, como ben se sabe, do antigo e xerminal Burgo de Ribadavia. Esa datación tan temperá da ponte fai moi improbable, por non dicir imposible, a relación entre a súa construcción e quen a tradición considera promotor da mesma, San Pedro González Telmo, que non chegaría a Galicia, como moi pronto, ata uns vinte anos máis tarde da data antes citada; iso tamén dificulta a relación do santo coa Ponte de Castrelo, obra para a que se rexistran mandas testamentarias nos anos 1227  e 1229. E se esa chegada tardía do santo ás terras de Galicia fai dubidar do que conta a tradición na cuestión das pontes de Ribadavia e Castrelo, a data do seu pasamento, anterior ó ano 1250, é razón de peso contra outra suposición moi extendida, a de que fose o fundador do convento de Santo Domingo, cuestión sobre a que xa se mostrara prudente o Padre Eiján, cando se decantara por considerar máis plausible que o fundador do convento fose un discípulo seu, frei Pedro das Mariñas, soterrado na igrexa deste convento de Ribadavia.

Alzado actual da Ponte (Puentes Históricos de Galicia (1990))

O segundo apunte que me gustaría facer ten que ver coa propia estrutura da ponte: foi sempre a de Ribadavia tal e como hoxe a contemplamos? Unha primeira cuestión sería a referente ó número de arcos. A dúbida sobre ese número aparece cando se le no dicionario Miñano (1826-28) que a ponte tiña catro arcos. Todos os autores posteriores,  desde Madoz (1845-50) a Avila y La Cueva (1852), falan dos tres arcos que agora observamos. Tampouco coñezo ningunha referencia antiga que fale de catro arcos: no plano do Ribeiro de don Joaquín Pardo (1831), case coetáneo co dicionario Miñano, figuran tres -aínda que se debería considerar como no mesmo plano a ponte de Pazos, que tiña catro, tamén aparece con tres-, o mesmo ca no citado plano de Ribadavia de 1799. Creo que o apunte do dicionario Miñano é un simple erro, pero non parece desatinado pensar na posibilidade dun cuarto pequeno arco de alixeiramento do lado de San Francisco, semellante ó arco pequeno do lado dereito: por cuestións de simetría, a ponte melloraría bastante na súa estética. Non se aprecian na actualidade indicios de tal cuarto arco, pero iso non quere dicir nada, a modificación do número de arcos secos dunha ponte resultou bastante frecuente, sirva de exemplo a Ponte Vella de Ourense, que chegou a ter once arcos dos que hoxe soamente quedan sete. Unha segunda cuestión sería a referente á rasante da ponte. Tódalas fotografías nas que aparece a ponte, e témolas desde finais do século XIX, indican unha rasante horizontal, pero todas son posteriores ás modificacións que experimentou como consecuencia das obras de construcción da estrada Vigo-Madrid a mediados do século XIX, obras que non coñecemos en detalle. Claro que, nos citados planos de 1799 e 1831, anteriores a esas obras, tamén aparece debuxada unha rasante horizontal. Non obstante, as edificacións máis antigas que hai nos dous estremos da ponte, sobre todo as da rúa Avia, entrada da antiga verea que viña da Ponte San Clodio atravesando o Ribeiro, aparecen a un nivel claramente inferior ó da rasante actual. Non desbotaría eu unha rasante lixeiramente inclinada cara os estremos, máis acorde coa estrutura xeral das pontes medievais, como é o caso da Ponte Vella de Ourense, a Ponte Loña ou a Ponte San Fiz, obras que sempre se poñen como exemplo de similitudes técnicas e epigráficas coa de Ribadavia. Hai que considerar a este respecto que no ano 1640 contratábase unha reparación da ponte, dado o seu estado de ruína, e que, tal como apuntaron Segundo Alvarado, Manuel Durán e Carlos Nárdiz na súa obra Puentes Históricos de Galicia (1990), na parte superior dos tímpanos obsérvase unha reconstrucción antiga. Esa reconstrucción, digo eu, ben podería ter sido a que alterou a rasante inclinada e incluso o número de arcos da ponte orixinal. Outro enigma que habería que aclarar sería o da falta de espolóns augas abaixo nas pilas da ponte de Ribadavia,  unha ausencia normal nas pontes romanas -os romanos ignoraban os problemas da socavación augas abaixo-, que unicamente presentan tallamares, pero rara nas pontes medievais; talvez a explicación resida en que todas as pilas están apoiadas sobre penedo, e en que soamente a pila que separa os dous arcos maiores está metida na auga de xeito permanente.

Recreación do suposto alzado medieval da Ponte

Máis anotacións cabería facer sobre as reformas que se produciron no entorno da ponte como consecuencia do paso da estrada Vigo-Madrid, e sobre as importantes e desafortunadas intervencións do ano 1933, realizadas con motivo do ensanche da estrada e da construcción das beirarúas, que conlevaron, entre outras cousas, a eliminación dos tallamares triangulares orixinais da ponte. Pero o espazo do que hoxe dispoñemos non nos permite entrar en máis detalles.

*Traballo publicado no boletín da Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia, A Fundación, nº21, 2011, pp. 4-5.


[1] Fernández González, F. (2004): “A Ponte de Pazos sobre o Avia. A historia fronte ás lendas”, Boletín Avriense, XXXIV, pp. 79-96.