miércoles, 3 de octubre de 2012

O Caso Pokemon: breves apuntes sobre a xustiza



Que é a xustiza? “Non houbo pregunta algunha sobre a que meditaran tanto os espíritos máis ilustres, desde Platón a Kant. Non obstante, agora coma entonces, carece de resposta”. Isto dicía Hans Kelsen, talvez o máis importante filósofo do dereito do século XX.

O mesmo Kelsen demostrou que non existe a xustiza absoluta, soamente a relativa: “Eu nin sei nin podo dicir o que é a xustiza...tan só o que é para min a xustiza...”.

Resulta máis fácil recoñecer a inxustiza. Talvez porque a inxustiza é real e abunda; mentres, a xustiza pura é unha simple aspiración, tan imaxinaria coma indefinida.

A xustiza e a inxustiza sempre foron da man: “Cabe decir de todo género de justicia humana que brotó de la injusticia, de la necesidad que ésta tenía de sostenerse y perpetuarse. La justicia y el orden nacieron en el mundo para mantener la violencia y el desorden.”. Isto pensaba Unamuno.

Non hai que confundir a xustiza co dereito. Cando Castelao, nun dos seus debuxos, recollía un sentimento común do pobo galego en forma de pregaria, “da xustiza líbranos Señor!”, referíase ó dereito.

Platón esforzábase en demostrarlle a Polemarco que a xustiza non consistía en facerlle o ben ós amigos e o mal ós inimigos. Non pode dicirse que tivera moito éxito. En España, e na maior parte do mundo, a xustiza segue a ser aquilo que se lle aplica ós inimigos. De aí a ameaza: voute levar á xustiza!

Para o alcalde de Ourense todos piden xustiza, os amigos e os inimigos. Todos teñen o mesmo concepto de xustiza ca Polemarco.

Os mesmos esforzos fixo Platón para mostrarlle a Trasímaco que se equivocaba cando definía a xustiza como o interese dos máis fortes.

A maioría dos españois, segundo se desprende das enquisas do CIS, seguen a pensar o mesmo ca Trasímaco.

Teño observado en infinidade de ocasións que a xustiza é unha das cousas que máis temen os individuos. A xente non pide xustiza: pide favores! O que pasa é que ó que a favorece chámalle xustiza.

Os homes xustos adoitan ser desprezados e vituperados, cando non perseguidos. Por algo rezan as escrituras: “Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles será o reino dos ceos.”

Gregorio Marañón deixou escrito no prefacio do Lazarillo: “El triunfo de lo que no es justo produce siempre unha impresión depresiva en la sociedad.”. Logo da imputación do alcalde de Ourense observei na sociedade desta provincia algo parecido a esa impresión depresiva da que falaba Marañón. Significa iso que trunfou algo que non é xusto?

Son moitos os que pensan que neste caso, coma en todos, hai que aplicar a xustiza e punto, sen ponderar ningún outro factor. Lembro algo que dicía Josep Pla: “En un mundo que es esencialmente injusto, la justicia teórica, absoluta, es un enorme revulsivo. La justicia se debe tomar con calma y debe aplicarse en pequeñas dosis”.

Lo harán todos, pero a usted le pillamos”, parece que lle dixo a xuíza do Caso Pokemon ó propietario de Vendex, segundo aparece nun diario.  Se lera a Unamuno non sería tan categórica: “no hay derecho estricto a castigar a un culpable mientras otros se escapan por las rendijas de la ley”. “Es preferible  la impunidad de todos a la ley del embudo”.

Elemento esencial do poder xudicial é garantir a independencia e a imparcialidade dos xuíces. O home da xuíza deste caso é membro da comisión executiva do Partido Popular de Lugo. Non afecta iso á súa independencia?

Son comúns as queixas do poder xudicial polas interferencias que sofre por parte dos outros dous poderes do estado. Onde cabe queixarse cando as interferencias circulan en sentido contrario?  Alguén, xuíza incluída, ignora os efectos políticos da apertura deste caso xusto nas vésperas dunhas eleccións en Galicia?