lunes, 19 de mayo de 2014

Educación e democracia

Máis alá da elección de deputados ó Parlamento Europeo, a cuestión de fondo destes comicios é saber como se vai manifestar nas urnas a perda de confianza nos partidos tradicionais, especialmente nos que teñen responsabilidades de goberno. Certamente, non cabe esperar batacús espectaculares: o sistema de partidos en España é un oligopolio con barreiras de entrada case infranqueables para as formacións emerxentes. Pero a historia certifica a caída de fortalezas que parecían inexpugnables.
Adela Cortina, destacada catedrática de Ética e Filosofía Política, vén repetindo que, en España, o que está en crise non é a democracia, senón o funcionamento da democracia de partidos, incapaz de dar solución ós verdadeiros problemas: paro, pobreza, corrupción, recortes nos servizos públicos, espectativas nulas para os mozos, excesivo poder na sombra dos grandes grupos empresariais e financeiros, fisuras no Estado de Dereito. Fronte a esta dexeneración propón, coma outros autores, unha democracia máis participativa. O sistema representativo, de inspiración liberal antes ca democrática, entende a participación unicamente como protección: basta con votar ós que pensamos que defenderán mellor os nosos intereses privados e logo eles xa se encargan; son as chamadas democracias mínimas, coma a nosa. O novo modelo participativo é aquel que defende que a participación ten, a maiores, un valor moral e democrático: todos debemos participar de maneira eficaz naquilo que nos afecta. Porque os cidadáns, ademais dos intereses privados, temos outros, tan ou máis importantes, que son os colectivos: xustiza, sanidade, educación, medio ambiente… Non se trata, polo tanto, de eliminar o modelo representativo, senón de perfeccionalo e de darlle un maior protagonismo á sociedade civil. Para iso recoméndase profundar e estender a democracia: as listas abertas, os referendos vinculantes, a potenciación da iniciativa popular ou o impulso da democracia interna nos partidos son xeitos de profundar; mentres estender significa utilizar  procedementos participativos eficaces en tódolos ámbitos, desde a empresa ata os colexios ou os hospitais. Sen ese afondamento e sen esa extensión (“eficaz”) da democracia non hai posibilidades de éxito participativo; como máximo estaremos na demagoxia ou no populismo. Benjamin Barber, un dos politólogos que máis leva estudado as democracias participativas, que el chama fortes, como antítese das débiles ou liberais, opina que hai unha condición sine qua non para alcanzar unha democracia forte: a necesaria educación cívica dos cidadáns, para o que considera imprescindible a potenciación do ensino público e democrático.
Lembro agora unha mañá gris de novembro, do 2010. Estaba Gregorio Peces-Barba en Ourense, na Facultade de Dereito: defendía a materia de Educación para a Cidadanía, que el, máis alá dos seus reparos para cos modelos participativos, consideraba fundamental para o fortalecemento democrático da sociedade. Comezou falando da democracia ateniense e de Aristóteles... Todos coñecemos o que pasou despois con aquela materia. Porque saber, por exemplo, que o mesmo Aristóteles, catro séculos antes de Cristo, xa observara nos políticos a tendencia a querer perpetuarse nos cargos en beneficio propio, e que por iso defendía os mandatos curtos, a imposibilidade de repetir cargos e o sorteo –non a elección- como método de provisión dos representantes, que interese pode ter? Benjamin Barber é claro: di que hai que escoller entre máis democracia ou máis dominación. E tamén di que unha opinión publica formada mediaticamente adoita escoller máis dominación.

Artigo publicado no diario La Región o venres día 16 de maio do 2014.