sábado, 10 de mayo de 2014

Votar ou non votar

Chegan as europeas e de novo un gran dilema: votar ou non votar? That is the cuestion
A crise económica trouxo consigo outra se acaso máis grave, a institucional e de modelo. Son moitos os españois que non confían no sistema político e menos nos partidos que os veñen gobernando nos últimos anos. E como apuntaba o gran politólogo Bertrand de Jouvenel: cando existe un divorcio franco entre a opinión pública e os dirixentes, estes perden a súa lexitimidade democrática.
Vivimos unha realidade innegable: o sistema de partidos, que se acabou concretando nunha ocupación absoluta da maioría dos ámbitos por tales organizacións, está periclitado e precisa renovarse. O problema é saber como se pode saír dun bucle diabólico no que os mecanismos fundamentais de rexeneración están nas mans dos mesmos que deber ser rexenerados. Porque imaxino que ninguén con dous dedos de fronte crerá que a depuración vai vir de dentro dos partidos, por moito que falen de códigos éticos, de leis de transparencia ou de medidas anticorrupción.  Hai que saber, entón, que o impulso  rexenerador soamente poderá vir de fóra dos partidos. E fóra dos partidos que hai? Moitas cousas; pero, para o que nos ocupa, a máis importante é a sociedade civil: a menosprezada sociedade civil. Inmersos na partitocracia, esquecéramos que a verdadeira democracia é unha suma de estado e sociedade civil, e que é esta última a que en realidade atesoura os valores democráticos, non os partidos, sempre en conflicto con eses valores. Só a sociedade civil ten o poder suficiente para a transformación do sistema, incluído o preciso para a rexeneración dos partidos. Sabemos que non hai democracia sen partidos, pero tamén que cos que temos, funcionando como funcionan, a democracia resulta deficiente. Aquí pasa coma na copla: “Ni contigo ni sin ti/ tienen mis males remedio/ contigo porque me matas/ sin ti porque yo me muero”... 
A única saída válida deste labirinto pasa por unha democracia máis participativa.  Fronte ó sistema actual, capitalizado pola acción política dos partidos, a sociedade civil debe recuperar os espazos propios usurpados e introducirse noutros que foron monopolizados de xeito partidista. Ademais, hai un principio democrático básico que di que os que fan as normas deben de ser os mesmos cós que as sofren; ese  principio foi gravemente violentado en España polas castas políticas, e debe recuperarse. Vivimos nunha democracia mínima que consiste en entregar o poder absoluto a un partido ou coalición mediante o voto periódico dalgúns cidadáns, ás veces nin sequera a maioría, e iso xa comprobamos no que remata: despilfarro, corrupción, clientelismo e despotismo partidista. A alternativa chámase democracia participativa: a que favorece a participación responsable dos cidadáns nos diferentes ámbitos e controla a acción política dos partidos. Pero iso non cae do ceo coma o maná: hai que traballalo. 
E pódese comezar co voto, a principal arma que, fóra da revolución, ten a sociedade civil para cambiar o estado de cousas. Diante das europeas os dous grandes partidos non se cansan de avisar dos perigos do voto de castigo. E por que avisan tanto? Porque, en efecto, saben que ese voto é moi perigoso: pero para eles, para as súas mamadeiras! Ademais, aínda terían tempo de desactivalo: comprometéndose, por exemplo, a realizar as reformas que dean luz ás amplas avenidas dunha democracia máis xusta e participativa. Creen que o farán? Eu digo que non... Confían na maioría silenciosa!

Artigo publicado no diario La Región o venres 9 de maio do 2014