sábado, 3 de mayo de 2014

Eurovisión

España preséntase este ano en Eurovisión cunha canción en inglés. Abandona así a lingua que utilizara nas 52 edicións anteriores: o español; se ben a protesta da Real Academia Española conseguiu rebaixar o inglés enxebre orixinal e meterlle de matute algo de castelán. O feito, inédito, enmárcase dentro do entusiasmo que reina en España coa aprendizaxe das linguas estranxeiras, do inglés en particular. Podería pensarse nunha consecuencia directa do mundo global e plurilingüe no que vivimos. E hai algo diso, pero existen outros  factores, tales coma a propia crise ou a especial idiosincrasia do nacionalismo español, que non convén esquecer.
Con respecto á crise, os españois, especialmente os galegos, sabemos ben a que conducen estas situacións: a que centos de miles de compatriotas teñan que buscarse a vida polo mundo adiante, coa desvantaxe que supón non dominar o idioma. Pero isto non é de agora. Na depresión dos trinta, detallaba Josep Pla o particular sistema educativo que experimentaba un amigo seu cos fillos: «Primero, les hago aprender idiomas, porque creo que conviene que mis hijos sepan pedir dinero a la mayor cantidad posible de seres humanos. Segundo, que aprendan a tocar un instrumento musical portátil… porque nunca se sabe qué necesidades inmediatas pueden sobrevenirle a uno». E nas mesmas estamos. Polo tanto, non serei eu quen poña en dúbida a importancia do inglés –antes foi o francés e o alemán, e quen sabe se pronto non será o chino ou o ruso!-, pero gardaríame do entusiasmo relixioso ó que somos tan afeccionados. Porque habería que saber que non estamos tan mal en inglés como se di: ocupamos unha posición media no prestixioso ranking EPI (English Proficeny Index), por encima de países coma Francia, Italia, Corea do Sur ou Xapón. Non, no que estamos mal é no resto: en ciencias, en matemáticas, en comprensión lectora, é dicir, en coñecemento. E temo que, con esta moda de ensinar conceptos fundamentais ós rapaces en inglés chapurreado, as cousas irán a peor. Por iso habería que curar de inmediato esa febre dos centros bilingües, o mesmo cá da última e perigosa ocorrencia do ministerio de querer esixir o coñecemento do inglés nas oposicións a profesor de calquera disciplina. En última instancia, debería saberse que hai idiotas que falan perfectamente o inglés e sabios que o descoñecen.
E o da idiosincrasia do nacionalismo español é algo indescritible. Xa se fixara Castelao, estando en París, en algo moi curioso: que os aristócratas españois que alí vivían e presumían de españolismo dictando conferencias no Louvre, logo, cando morrían e eran soterrados no cemiterio do Père Lachaise, nos seus maxestosos panteóns as inscricións lapidarias sempre estaban en francés… Pero, volvamos a Eurovisión e á canción de España: as enquisas indican que un 75% dos consultados prefiren a interpretación en inglés, mentres só o 5% se decanta polo español. Algúns verán niso un signo de modernidade cosmopolita: eu non! Sospeito nese 75% de englisófilos unha porcentaxe semellante á que se oporía a que a canción fose interpretada en galego, vasco ou catalán. Ou é que non lembramos a que se armou cando Serrat quixo cantar o "La, La, La" en catalán no ano 68? Dirase que choveu moito desde aquela; si, pero non tanto coma para lavar a cotra castiza do españolismo máis intransixente coa diversidade hispana. 
Custa moito, sexa en galego, sexa en castelán, explicarlle ós alumnos que a única maneira de reducir a forza centrífuga é diminuíndo a centrípeta. Imaxino o que será explicarllo en inglés! Non obstante, comprender iso resulta imprescindible para entender o problema de España.

Artigo publicado no diario La Región o venres 2 de maio do 2014