lunes, 2 de marzo de 2015

Educar na casa

Notable repercusión tivo a sentencia do Xulgado do Penal nº1 de Ourense que non ve delito na decisión duns pais de sacar ós fillos do colexio para educalos na casa con apoio on-line dunha academia. E observo que non son poucos os que aplauden a sentencia, considerando que con ela se protexe unha liberdade: a dos pais respecto da educación que prefiren para os fillos.
Pero as cousas non adoitan ser o que parecen; así que farei algunha consideración xeral, con independencia desta sentencia, que, aínda que absolutoria da comisión de delito, recoñece a infracción legal por falta de escolarización, como non podía ser doutro xeito trala sentencia 133/2010 do Constitucional que a considera obrigatoria.
Comezarei dicindo que xa Kafka avisara dos perigos dunha educación exclusivamente familiar, cando lembraba como Cronos comía ós seus propios fillos, e cando reducía as peculiaridades educativas nacidas do egoísmo propio do amor paterno a dúas: tiranía e escravitude. Na mesma liña, Savater ten denunciado o suposto dereito “irrestricto” dos pais a educar ós seus fillos onde e como lles pareza, negándolle potestade ó Estado neste ámbito; ó contrario, di o filósofo, o Estado, a través da escolarización, ten a obriga de velar pola educación dos rapaces na convivencia plural, evitando a formación de guetos elitistas e garantindo o grao de cohesión social e de homoxeneidade en valores preciso para unha boa saúde democrática. Por algo dicía Max Weber que a escolarización e o control da educación polo Estado era un dos principais signos de modernización dunha sociedade.
E convén saber que este invento de “educar na casa”, “homeschooling” en inglés, non xurdiu por xeración espontánea. Veu dos EE UU, coma case todo, formando parte da doutrina neoliberal confeccionada pola "Escola de Chicago" e impulsada nos anos oitenta trala victoria de R. Reagan. De feito, foi un traballo do pai da doutrina, Milton Friedman, The role of government in education (1955), o que lanzou a idea do dereito dos pais a elixir o tipo de educación dos fillos, idea que gravita sobre todos estes temas e que está detrás do avance da privatización da educación nas últimas décadas. Tamén convén ler o traballo The harms of homeschooling (2009), de Robin L. West, profesora de dereito en Georgetown, para comprender como nos últimos trinta anos o homeschooling pasou de ser o caso, totalmente xustificado, duns miles de rapaces en todos os EE UU –residentes de zonas illadas, fillos de artistas de circo, ...-, a ser o de máis de dous millóns sen ningún condicionante, máis alá de que os seus pais, fundamentalistas protestantes na maioría, non aceptan o carácter laico dos centros, o seu liberalismo, ou simplemente a pluralidade das escolas públicas. Que ocorreu nos EE UU para que non levar os nenos ó colexio pasase de ser delito, ata principios dos oitenta, a ser algo permitido? Moi simple: unha espectacular campaña de presión dos pais e dos poderosos lobbies que formaron, que conseguiu regulacións estatais favorables, aínda que os tribunais federais nunca recoñecesen o dereito a educar na casa dun xeito explícito. A iso habería que sumarlle o importante apoio dos republicanos, especialmente do expresidente Bush, que sempre viu nos homeschoolers uns fantásticos “foot-soldiers” para as súas filas; “Home-schooling, George Bush´s secret army”, rezaba un titular de The Economist no 2004.
Remato. Saben quen foron os paladíns na defensa da liberdade dos pais para elixir o tipo de educación dos fillos, cando se discutía o contido do art. 27 da nosa Constitución? Silva Muñoz e López Rodó…  Si, xa ven, as cousas poucas veces son o que parecen.

Artigo publicado no diario La Región o venres 27 de febreiro do 2015