martes, 24 de marzo de 2015

Xantar


Os psicolingüistas ocúpanse do estudo dos mecanismos psicolóxicos que participan na producción e na comprensión da linguaxe. Grazas a eles sabemos que os sons das diferentes sílabas, incluso antes de completar palabras, son capaces de producir distintas sensacións no oínte, e mesmo no lector, porque tamén a lectura en silencio soa nos oídos. De aí o diferente e variado poder de seducción das palabras, algo que sabían os poetas desde moito antes da incursión científica dos psicolingüistas.
Pensaba niso o outro día, cando lía neste xornal do éxito de Xantar, o certame gastronómico que se celebra cada ano en Ourense. E cavilaba eu se unha boa parte do éxito, a sumar á que provén da calidade dos manxares que se ofrecen, non se deberá á acertada elección do nome. “Xantar” vén do latín JENTARE, dun antigo JEJENTARE, derivado de JEJUNUS ‘xaxún’, co significado etimolóxico de ‘deixar o xaxún, abandonar a abstinencia’. O mesmo vocábulo latino deu o castelán “yantar”, co mesmo significado. “Xantar” e “Yantar” só se  diferenzan no son inicial, semiconsoante na “Y” do castelán e consoante prepalatal na “X” do galego, pero é suficiente para que “Xantar” resulte voz contundente, categórica e ata farturenta, mentres “Yantar” se amose dubidosa, débil e incerta. Tan lixeira diferenza basta para escurecer a claridade que debería comunicar a repetición do “a” – coma en “alma”, “branca”, “clara”, …-, e ata para debilitar a forza  que acostuma dar a “r” final – coma en “amar”, “cantar”, “falar”, …-, cualidades ambas que destacan na plenitude fonética de “xantar”. Talvez por iso, en castelán, hai moito que “yantar” cedeu fronte a “comer” e “comida”, e iso que estas substitutas presentan a carencia de cor característica das vocais “e” e “o” -“negro”, “carbón”, “terra”,…-, e no caso de “comida” ata de escaseza, polo frecuente valor diminutivo da “i”.  Non; non é o mesmo convidar a “comer” cá “xantar”, nin tampouco espera o mesmo o convidado ó primeiro có segundo.
Por desgraza, de resultas do empuxe do castelán, en galego escoitase cada vez menos a palabra  “xantar” co significado propio de ‘comida do mediodía’, ó verse substituída por “comer”: «quedamos para comer», «xa é hora de comer»,…; son agora máis habituais ca «quedamos  para xantar», «xa é hora de xantar»,… Pervive  o portugués jantar, pero, por esa manía dos portugueses de ir atrasados, eles almoçam cando nos xantamos e jantam cando nos ceamos, creando unha confusión que xa ten estragado máis dunha cita prometedora entre representantes dos dous países. 
Polo demais, debo de confesar que nunca asistín a Xantar. E non é que considere a comida coma unha simple droga que se administra contra a enfermidade da fame, como a consideraba Solón, un dos sete sabios de Grecia; pero tamén fuxo dos gourmets de última hora que, presumindo de gustos delicados e de saber de cociñas e de viños de todo o mundo, poden conseguir que ata o menú máis saudable resulte indixesto. Ademais, segundo dicía Julio Camba, convencido de que o apetito era a verdadeira base da gastronomía,  a idade máis apropiada para comer iría dos quince ós trinta anos, e desde os corenta conviría ir dando marcha atrás…Bastaba ver as concorridas mesas de felices xubilados nas fotografías de Xantar para comprobar como o apetito dos nosos maiores ten medrado nas últimas décadas de xeito espectacular, sospeito que ata por enriba da taxa do PIB. E seguramente medrou o mesmo o dos mozos; pero para eles, como denota a súa ausencia nas mesmas fotografías, a idade do apetito segue sen coincidir coa idade do diñeiro.

Artigo publicado no diario La Región o venres 20 de marzo do 2015