martes, 17 de marzo de 2015

Políticos robot

G. Leopardi
Volveu a primavera, de súpeto, coma sempre: «La primavera ha venido. Nadie sabe como ha sido». Da noite para a mañá, reapareceu a fartura de luz, de cores, de trinos de paxariños, de perfumes florais e de perladas augas que caracteriza á alegre primavera. E os homes quixeramos que a vida fose así, cíclica, coma a natureza, que da noite para a mañá se abrise unha primavera que nos restaurase dos males e das penas. Pero é unha crenza vana, tanto no persoal coma no social.
Giacomo Leopardi, talvez o máis grande poeta italiano xunto con Dante, escribiu hai cerca de douscentos anos un opúsculo satírico, Proposta de premios feita pola Academia de Silógrafos, que cadra moi ben coa situación sociopolítica que vivimos, con varias convocatorias electorais á vista. Conta Leopardi nese relato como a maioría dos filósofos dubidaban, como dubidan agora, que algunha vez se puidesen curar os defectos do xénero humano, moi superiores ás virtudes, e como sería máis fácil facer unha nova especie ca arranxar a nosa. Por iso, a suposta Academia de Silógrafos – “silógrafos” son os poetas satíricos, por Timón o Silógrafo (-320, -230 A.C.), chamado así por ser autor dos Silloi, unha colección de poemas dese xénero- convocaba premios para os que inventasen máquinas que suplantasen ós homes en certas ocupacións da vida; coa idea de que tales inventos talvez fosen os únicos capaces de librarnos do egoísmo, do predominio da mediocridade, da próspera fortuna dos insensatos, os corruptos e os malvados, da universal indolencia e da miseria dos sabios, os honestos e os magnánimos.
Moito ten chovido desde que Leopardi escribira tal opúsculo, e moito se ten avanzado na construcción de máquinas capaces de substituír ó home en moitos ámbitos. O mundo está cheo de robots que realizan traballos que antes ocupaban a moita xente. Non obstante, pouco se ten avanzado no seu uso nas “ocupacións da vida” para ás que os silógrafos os demandaban. E, en beneficio da mundial felicidade, talvez non houbera campo máis apropiado para tales robots có da política: imaxinan a primavera dun mundo sen os políticos ó uso?
Non, non se trataría de que a xente abandonase a política, actividade esencial do home libre, nin da morte da democracia. A xente seguiría tendo ideas políticas, discutíndoas e votándoas. Pero, coñecidas as nosas debilidades, quedaría a acción executiva, é dicir, a realización do mandato electoral, na man de robots. Estes, evidentemente, estarían deseñados segundo unhas leis que impedirían meter a man na caixa de todos,  obrigarían a cumprir coas leis, comezando pola observanza dos mandatos constitucionais, imposibilitarían calquera tipo de comportamento clientelar ou favoritismo, darían cumprida conta de cómo se gasta cada euro do presuposto público... E para estas máquinas, ó non ter fillos, nin parentes, nin acólitos que colocar, nin inimigos que perseguir, sería moi fácil tratar a tódolos cidadáns por igual. Encima, dadas as súas escasas necesidades, exclusivamente enerxéticas, os robots non serían ambiciosos: non precisarían grandes mansións, nin coches de luxo, nin tarxetas black... Contentaríanse cunha simple batería; iso si, recargable.
Todo isto parece unha quimera, porque nin os que mandan, nin os que pretenden mandar, teñen interese algún nestes inventos; dirían que sería un perigo para a humanidade, porque reducen a humanidade ó seu partido. Pero eu penso coma un personaxe dunha novela de Asimov, que os robots, a diferencia dos humanos, poderían ser esencialmente honrados. Ademais, como apuntaba Leopardi no Zibaldone, «a imaxinación é a primeira fonte de felicidade humana». Imaxinemos pois.

Artigo publicado no diario La Región o venres 13 de marzo do 2015

No hay comentarios: