sábado, 2 de junio de 2018

Maio do 68


En maio do 68 eu era un adolescente que cursaba o bacharelato no instituto de Ribadavia. E non lembro ter noticia do que estaba sucedendo cos estudantes nas rúas de París. Nin sequera dos disturbios do mesmo tipo que acontecían aquí, na Universidade de Santiago. O único conflito do que sabía era o do embalse de Castrelo de Miño, e iso porque algunha vez, ó pasar por San Paio, no autobús do Cabanelas, viramos á Garda Civil montada en cabalos dirixirse a Castrelo. Daquela España era un país  domesticado no que tanto a xente coma os medios sabían ben do que conviña falar e do que non. Aquel ano informárase abundantemente do asasinato de Martin Luther King e do de Robert Kennedy, o mesmo ca da ocupación de Checoslovaquia polos tanques rusos ou da matanza de estudantes en México, pero pouco dos sucesos de París e nada dos disturbios nas universidades españolas.
Na primavera do 68 as noticias que máis atención mereceran foran: o trunfo de Massiel en Eurovisión cantando o La, La, La, a canción que Serrat se negara a cantar en castelán, e a eliminación do Real Madrid -de Amancio, Velázquez, Gento...- polo Manchester United –de Stiles, Best, Bobby Charlton...- nas semifinais da Copa de Europa. Porque no fondo, tampouco cambiamos tanto...
Pero a pesar de toda esa ignorancia respecto do que pasaba, boa parte dos da miña xeración, e incluso dos da posterior, somos fillos políticos do Maio Francés, tanto ou máis cós que xa eran mozos daquela: porque a chegada e asimilación das ideas, modas e costumes do  movemento tardaron un tempo en producirse en España.
Aínda así, convén sinalar que o Maio Francés é un concepto enganoso, coma gran parte dos conceptos históricos. Na realidade, o movemento sitúa as súas raíces lonxe de Francia, concretamente nos EE UU. Hai que ir á xeración beat, á guerra de Vietnam, ó hippismo e ós disturbios na Universidade de Berkeley (California) do ano 1964, para entender a orixe da protesta estudantil que  acabou estendéndose por Europa no 68, non só por Francia, aínda que a crise política que desatou nese país fose a máis importante de todas.
De que se trataba? Non é fácil dar unha resposta concisa, porque a revolución poderiamos dicir que tivo un gran pluralismo semántico. Pero hai algo fundamental: a sociedade, logo das guerras da primeira metade do século e do paso de millóns de persoas pola disciplina militar, estaba moi xerarquizada e moi centrada no progreso material, pero esquecida do home e da súa  natural aspiración á liberdade e á felicidade. O progreso, como ensinara Freud, viña en gran medida de reprimir os instintos da xente, especialmente os apetitos sexuais. E a mocidade xa non estaba disposta a aturar os sacrificios e represións que pasaran os seus pais. Quería vivir a vida e ser feliz. Para que tanto progreso e tanto consumo se os homes continuaban sendo infelices e os mozos seguían sendo enviados a morrer ós campos de batalla? De aí vén a contracultura do hippismo. Se a cultura traía opresión, a liberdade debería vir da contracultura: levar o pelo largo, consumir drogas, ir mal vestidos, practicar o sexo libremente, non mover unha palla, meditar, pintar, cantar, admirar a natureza... Tratábase de ser libres para facer o contrario cás persoas “normais”... Claro que era unha utopía! Pero conviría saber que bastante do mellor da nosa sociedade, sinaladamente no ámbito das liberdades persoais, vén daquela utopía do Maio do 68.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 6 de maio do 2018.

No hay comentarios: