Teño que dicir que esperaba a condena de Baltasar Garzón por prevaricación. Non me sorprendeu ese veredicto do Tribunal Supremo. Un bo número de cidadáns talvez non entenda que nun proceso que se abre para xulgar un caso de flagrante de corrupción, o primeiro condenado –duramente condenado, mellor dito- sexa o xuíz instructor, non obstante a sentencia –“tecnicamente impecable”, segundo moitos e eminentes xuristas- é totalmente comprensible.
A raíz de toda a cuestión está, ó meu ver, no propio concepto de xustiza. Na realidade, amigos, e sinto dicírvolo, a xustiza non existe. Si, o mesmo cá liberdade ou a bondade (tamén a xenerosidade, agora que volve estar de moda o de “bos e xenerosos”), a xustiza é un concepto ideal, na Terra non existe. En física manéxanse a miúdo conceptos dese tipo: o gas ideal, o punto material, o sólido ríxido,… Todos os físicos e a maioría dos estudantes de segundo de bacharelato saben que non existen os gases ideais, nin os puntos materiais, nin os sólidos ríxidos, pero manexan as súas ecuacións e chegan a resultados, aínda que son conscientes de que a realidade sempre se apartará da idealidade nunha medida que dependerá das condicións do sistema. Pois algo semellante ocorre coa xustiza. Non existe a xustiza en estado puro. As sentencias dos tribunais simplemente reflicten unha realidade non ideal, que, a diferenza do que ocorre na física, adoita ter pouco de azarosa. O pobo coñece ben o perigo que un corre cando se enfronta á xustiza terreal. É un coñecemento innato para o pobo galego, acostumado coma poucos a sufrir a “xustiza” dos tribunais, que quedou reflectido, de xeito inmellorable, naquel debuxo de Castelao no que unha pobre nai reza cos seus fillos: “Deus nos libre da xustiza”. Coñecen os nosos paisanos unha lei básica do caciquismo que non se estuda nas facultades de dereito: a lei é algo que se lle aplica ós inimigos.
Talvez, os maxistrados do Tribunal Supremo, tan ocupados en dictar sentencias “tecnicamente impecables”, deberían ler a Pla cando afirma: “Nun mundo esencialmente inxusto, a xustiza teórica, absoluta, é un enorme revulsivo. A xustiza debe tomarse con calma e aplicarse en pequenas doses… Non pode haber unha forma de vida mínima en común, sen un determinado grao de inxustiza…”. Certísimo!
Páranse moitos legos na materia a analizar a sentencia contra Garzón, a xurisprudencia do TS en casos semellantes, o papel da fiscalía, as cautelas do xuíz….. Eu simplemente quero lembrarlles o que se conta que dixo un día Napoleón: “Traédeme non máis dun par de liñas escritas polo home máis honrado de Francia e seguro que atoparemos algún motivo para condenalo a morte”.
Non me digades que non melloramos algo.
4 comentarios:
Amigo Jeanfrujo, das moitas cousas que son inaceptables en todo este desatino, o primeiro que debemos rexeitar é que a sentencia sexa "impecable". Non pode selo cando unha importante parte da sociedade se sínte frustada. Seguindo o exemplo dos gases ideais, podemos facer previsións meteorolóxicas baseadas nese concepto teórico, e aceptar que os resultados son "impecables". Pero sabemos que van estar alonxados da realidade. Do mesmo xeito, non nos vale ter uns sistema procesal e penal que da lugar a sentencias "impecables" como a que ten levado a Garzón á inhabilitación.
A realidade e aínda peor, segue a haber unha oligarquía económica, politica e xudicial que está encantada con este sistema "impecable", porque lles permite seguir recordándonos aos demais que lle vai pasar a quen se atreve a enfrontarse a eles.
Totalmente de acordo, amigo Ramón. Xa ves que o “tecnicamente impecable” vai entre comiñas: é o que se escoita do coro de grilos. A desviación entre a idealidade e a realidade, escribía, márcana as condicións do sistema. No caso que nos ocupa, son as condicións do noso sistema democrático, aceptables nalgúns aspectos pero lamentables noutros moitos, as que regulan esas desviacións. Garzón quixo meter o dente nalgúns destes últimos… e así lle foi!
Pero, talvez o problema sexa máis serio e non se restrinxa ó poder das oligarquías das que ti escribes. Talvez o problema sexa que somos un país eminentemente inxusto, porque nisto tamén hai diferenzas. Desde o meu humilde posto de observador, teño comprobado que, en xeral, son moi poucos os que piden xustiza e moitos máis os que demandan un trato de favor. Creo que calquera político, médico, profesor, xuíz… podería corroborar esta afirmación. Volvemos á lei básica do caciquismo: “a lei para os inimigos e o favor para os amigos”. Cantas veces non teremos comprobado a febleza das conviccións democráticas na nosa sociedade!: por ter calquera vantaxe, por satisfacer calquera paixón, estamos dispostos a esquecer a conculcación de calquera dereito fundamental dos nosos conveciños… Ata tal punto estou convencido de todo isto, que creo que un dos individuos máis odiados polos españois sería aquel que lles anunciase a impartición da xustiza ideal e o fin dos favoritismos.
Cambiar esas condicións do sistema non é fácil. Fai falla moita intelixencia, moita pedagoxía e moita vontade...
Certamente amigo Jeanfrujo, as cousas pintan mal, moi mal. Como tes a mano fácil para describir a realidade, e ao fío das túas acertadas argumentacións, propóñoche que lle adiques algún día a facer unha reflexións nas que se unan algúns feitos aparentemente desconectados. Por exemplo: a) somos un país eminentemente inxusto, como ti ben sinalas; b) formamos parte do grupo de paises periféricos nos que a crise económica é máis profunda; c) temos unha moi forte presenza relixiosa na política e na sociedade; d) presentamos unha dos máis altas porcentaxes de ensino privado; e) votamos a quen se declara inimigo da intervención do estado, pero que á vez nos quere impoñer que parellas poden casar, que debe facer unha muller co seu embarazo, ou cando o doente terminal debe rematar o seu sufrimento, como as persoas deben se protexer para evitar un embarazo non desexado, se unha parella debe ou non utilizar a fecundación in vitro, etc; f) temos un particular xeito de entender a liberdade de expresión que nos leva a nos sentit ofendidos porque uns "muñegotes estranxeiros" se metan cuns deportistas que se forran de cartos.
Estou seguro que ti tamén tes xa unido estes tipo de feitos, e outros máis, hai longo tempo e nunha soa descrición argumental. Pero quizais pague a pena darlle forma conxunta escrita coa túa habilidade literaria.
En todo caso, como dicía Unamuno: "que pais ... que paixanase!".
Amigo Ramón, diante do que me propós, case tería que contestarche o mesmo có novo bispo de Ourense diante das demandas do párroco da Corna (que ben merecerían outro comentario) o sábado pasado: “non son un superhome”… Máis en serio, evidentemente hai relacións entre todas esas evidencias que citas, e cada unha delas podería ser obxecto de reflexión. Non obstante, tamén é certo que “é o que hai”, e que con esas variables de partida hai que tratar de solucionar o problema. Levará tempo e custará moito, pero doutras piores saímos… Aquí o papel dos novos será fundamental, a súa resposta diante deste estado de cousas –e algunha resposta terán que dar-, totalmente imprevisible para min, será definitiva. Máis tarde ou máis cedo, esa resposta, local ou global, acertada ou errónea, coido que vai ser a definitiva.
Publicar un comentario