miércoles, 3 de junio de 2009

Savater e a confusio linguarum

Teño unha gran admiración por Fernando Savater. Ademais, non é unha admiración unidimensional, como a maioría das que sinto. Admiro de Savater os seus coñecementos filosóficos, a súa memoria, todo o que ten lido e as moitas películas que ten visto, pero, sobre todo, o ben que escribe, a súa valentía cívica e o seu optimismo. O seu libro El valor de educar poñeríao eu de lectura obrigatoria para todos os docentes, coa seguridade de que tería un efecto máis beneficioso sobre a calidade do ensino ca moitas horas de cursiños. Esa admiración por Savater fai que poña especial atención na lectura das súas colaboracións periodísticas. Coincido ás veces cos seus posicionamentos, pero non sempre, e este é o caso do artigo que, baixo o título Lamento por Babel, publicou recentemente no País.

A tese principal do artigo é a relativa ás vantaxes do uso dunha lingua única -Por una vez estoy de acuerdo con la Biblia: Las ventajas de una lengua única para la comunicación me parecen indudables-. Para defendela bota man dun episodio bíblico das Sagradas Escrituras que está entre os máis coñecidos, pero que non por iso resulta menos enigmático: o de Babel (Xen. 11). Segundo Savater a confusión das linguas, que remata co período prebabélico de lingua única (Xen. 11, 1), é presentada na Biblia como un castigo divino: «Lo que en la Biblia se presenta como maldición divina para castigar la pretensión humana (y humanista) de aunar a los hombres en Babel... es ahora visto como una bendición». Mentres, a visión do episodio bíblico como bendición, actual e sorprendente para Savater, deduciríase das opinións de todos aqueles que defenden que a pluralidade lingüística é un ben que hai que protexer. Non se fai en todo o artigo mención directa de ningunha lingua, pero non fai falla. A diversidade lingüística de España, vista como problema, gravita en todo momento sobre o texto escrito.

Comezarei a miña argumentación negando a maior: creo que non se pode afirmar que a confusión das linguas sexa presentada na Biblia como castigo divino. No texto bíblico, en realidade, nunha se fala de castigo. Resulta evidente que a “interpretación” da confusio linguarum como maldición divina é a máis estendida, pero iso non significa que tal interpretación sexa única, e menos verdadeira.

Umberto Eco no seu libro La búsqueda de la lengua perfecta[1] fai un repaso das diferentes interpretacións que se levan dado do episodio babélico. Apunta tamén que a obsesión por Babel e a súa percepción como ferida incurable na historia europea é bastante recente. No mundo grego e latino non existía unha gran preocupación pola multiplicidade das linguas, a koíné grega primeiro e o latín imperial despois proporcionaban unha comunicación axeitada. Algo semellante ocorreu na cultura medieval, a Igrexa e as Universidades tiñan no latín eclesiástico a súa lingua perfecta. A obsesión por Babel nacería, segundo Eco, cando uns labregos analfabetos dan orixe ás novas linguas romances. É, cando se comezan a escoitar estas novas linguas, cando se comeza a prestar unha atención especial a Babel. De tódolos xeitos, para dar co primeiro tratado que ten en conta toda a problemática da Confusio Linguarum hai que esperar ata o século XIV, á obra De Vulgari Eloquentia de Dante.

Entre as interpretacións positivas do episodio babélico destaca Eco a do abade Pluche[2]. Na súa obra La méchanique des lenguages et l’ad de les einsegner (1751), o abade escribe que, despois da confusión inicial, aqueles que tiñan unha lingua intelixible, uníronse e habitaron a mesma rexión. Foi esta diversidade a que proporcionou a cada país os seus habitantes, e a que os conserva. Así pode dicirse que a utilidade deste cambio extraordinario e marabilloso estenderase a épocas posteriores... Esta confusión fortaleceu a unidade na que se basea o amor patrio e fai ós seres humanos máis sedentarios. Para Eco o abade Pluche está afirmando algo así coma “l´état c´st la langue”, a confusión das linguas é un fenómeno positivo no que se asentan nada menos, que o nacemento das nacións e o sentimento da identidade nacional. Unha visión positiva de Babel, aínda que centrada no valor case sacro do traballo, atopámola tamén en Hegel, quen ve no episodio babélico o primeiro signo dunha era de progreso da razón, o vínculo familiar previo supérase cun vínculo social máis amplo que, en todo caso, non se perfila como universal. Tampouco se pode esquecer a visión de Dante que, máis que nacemento de grupos étnicos, ve na confusión das linguas unha consecuencia inevitable da división e especialización do traballo. Neste matiz apoiase a interpretación que fai o gran filósofo francés Stéphane Mosès, fundamental para o discurso da súa obra máis importante, El angel de la historia: «La unidad del lenguaje –es decir, la transparencia de la comunicación- no resistió a la división del trabajo que exigía aquella empresa sobrehumana. Los habitantes de la ciudad se dividieron, se separaron, se dispersaron por la superficie de la tierra y dejaron de edificar la ciudad[3]. Do mesmo xeito, en relación con isto, débese citar o relato que Kafka dedica ó episodio babélico, El escudo de la ciudad. Para Kafka Babel, como proxecto ideal de perfección, segue vivo «Se argüía de esta suerte: en toda la empresa, lo positivo es la idea de construir una torre que llegue al cielo. Frente a esta idea, lo demás es accesorio. Una vez captado el pensamiento en toda su grandeza, no puede desaparecer ya: mientras existan hombres perdurará el deseo intenso de terminar la construcción de la torre... »[4]. Segundo Mosès, a torre de Babel simboliza para Kafka o esforzo da humanidade cara a súa realización ideal e o fracaso deste esforzo.

Pero, repasemos o texto e comprobemos que nel non hai rastro de maldición algunha[5]:

5E o Señor descendeu/ para ver a cidade/ e a torre que construían/ os fillos (de Adán) do home.

6E o Señor dixo/ se o pobo é un/ e a lingua unha/ para todos/ e esto/ é o que agora comezan a facer/ xa/ non poderá impedírselle nada/ de canto meditan/ facer (nada poderá impedirlles facer o que decidan).

7Baixemos/ e embarullemos a súa lingua/ que non entendan/ uns/ a lingua dos outros.

8E o señor dispersounos/ de alí/ pola faz da terra/ e cesaron/ a construcción da cidade.

Tampouco a ve Félix de Azúa, autor dun dos ensaios máis lúcidos sobre o tema[6]: «...Si adoptamos un juicio positivo, la dispersión, ateniéndonos a la traducción literal, no es el castigo de ningún desafío, ni se produce «con dolor»; es tan sólo una práctica técnica de la Providencia para que los mortales pueblen la tierra... La multiplicación de las lenguas responde a una necesidad de orden táctico en el proceso de habitación del mundo...».

Na acción de Deus, a xulgar polo texto bíblico, vexo eu prevención, precaución ou cautela, pero nunca castigo: un pai non castiga a un fillo cando evita que se achegue a un precipicio. El, o Señor, simplemente ve perigo en que ese pobo único poida facer “canto medite facer” ou “o que decida facer”, segundo unha ou outra traducción do texto hebreo, pero refírese en todo caso ó futuro. Para protexernos dese perigo que adiviña, provoca a confusión de linguas e dispersa os homes pola Terra. Deus non ve ben o proxecto único: é mellor que os homes se dispersen pola Terra, que falen distintas linguas, que teñan proxectos diversos e visións diferentes das cousas. Isto provocará problemas e incomodidades, pero hai que aceptalas en prevención de males maiores.

A lingua adámica, única, non era considerada por Deus mala por natureza, ó contrario, e por iso formaba parte do mundo prebabélico. Pero, na medida en que contribuíu á unión dos homes nunha cidade única, contradicindo a orde previa de enchela Terra (Xen. 1.28), e a iniciar a construcción dunha torre coa “cabeza no ceo” (Xen. 11.4), ve nela perigo. Os homes dispersos pola Terra e falando distintas linguas seguirán equivocándose, seguiranse xuntado para levar a cabo proxectos innecesarios e perigosos, seguirán elixindo tiranos para que os conduzan, pero eses erros e esas equivocacións terán un carácter local e poderán corrixirse. Porque, noutras partes do mundo é probable que outros acerten. En resumo, se non cabe falar dunha bendición da diversidade lingüística na interpretación do episodio de Babel, moito menos da maldición do plurilingüismo. Talvez a decisión de Deus consistiu, simplemente, en facernos soportar un mal menor e salvarnos así do perigoso mundo único que se nos viña encima.

Unha lingua única ten vantaxes, pero tamén desvantaxes, e Deus, polo que se ve, ponderou máis estas últimas. Coido que terá que seguir buscando Savater ese episodio que lle permita dicir, cheo de razón e sen posibilidade de dúbida: Por una vez estoy de acuerdo con la Biblia. E, se trataba de atopar un argumento bíblico contra a diversidade lingüística de España, este non se atopa en Babel.

Seguirei eu pensando, falando e escribindo en galego, que é o idioma que mamei, e cando me pete en castelán, lingua á que tampouco renuncio. Os dous idiomas me resultan moi útiles. Di Savater que hay hablantes que prefieren cambiar de idioma cuando el que tienen no les ofrece más que desventajas. Non obstante, non vexo eu que desvantaxes poder ter usar, cando se precise, un idioma coñecido; vexo máis claras as vantaxes –a maioría de fóra do ámbito comunicativo- que ponderan os que realizan ou realizaron tal cambio. O problema é que a lingua propia, como recoñecía o propio Savater noutro artigo[7] moi recente, forma parte da identidade cultural de cada un de nós, e como tal pode amarse ou odiarse: aí radica na miña opinión, na maioría dos casos, a razón do cambio.

En Galicia, algúns cambian (deixan de usar) o galego porque ven máis vantaxes en abrazar o castelán. Outros, que tampouco son poucos, abrazan o galego en público –menos en privado- porque non ven máis ca vantaxes –cantantes e soantes- nesa práctica. E outros, cada vez menos, cansados de escoitar os interesados argumentos dos dous grupos anteriores, falan o galego porque si, porque é o seu idioma. Cando estes últimos se acaben, acabarase o idioma. E o mundo, se Deus o quere, seguirá o seu curso.

O Carballiño 30 de maio do 2009

[1] Eco U. (1994) La búsqueda de la lengua perfecta. Ed. Grijalbo. Barcelona.
[2] Noel Antoine Pluche (1688-1761), profesor de retórica en Reims.
[3] Stéphane Mosés, El Angel de la Historia, Madrid, Ed. Cátedra, 1997, px. 11.
[4] Franz Kafka, “El escudo de la ciudad” en Obras Completas, II, Barcelona, Seix Barral, 1987, pp. 281-282.Mosés S.
[5] Versión do texto hebreo según H. Meschonnic (Les Tours de Babel, 1985). Con variantes de traducción según E. Fleg (Semiotique et Bible, xuño, 1978). Tomado do ensaio Siempre en Babel de Félix de Azúa (1996), px. 7.
[6] Félix De Azúa, “Siempre en Babel” en Archipiélago. Cuadernos de crítica de la cultura. Barcelona, 1996, nº 26-27, pp 22-33.
[7] Pugna de Identidades, El País, 14/04/2009

2 comentarios:

O dijo...

Sabemos que Deus confundiu as línguas quando os homens tentaram se exaltar na construção da torre de Babel (Gênesis 11:1-9). É uma lição duradoura sobre os perigos de ambição, arrogância e esquecimento de Deus.

O Savater é moi listo, agora vale-lhe a Bíblia.
A Bush também lhe valia para atacar o Iraque.
Em tempos passados também se usou para queimar à gente polas suas crenças.

Savater prefere quedar no superficial.
No profundo a Torre de Babel, a ideia que me transmite é a dificuldade de entendermo-nos (ainda falando a mema língua) as persoas.
Lástima que pensador tam sisudo nom aproveite este fio para tirar dele, e o use para glória do imperialismo e pervivência de preconceitos.
Falo das persoas, pois as persoas nadamos longe da profundidade da essência, do que realmente somos,(a persoa, a máscara).
Cito este fragmento de Ouspensky em castelhano:

"Una de las razones de la divergencia entre la línea del saber y la línea del ser en nuestra vida,
en otras palabras, la falta de comprensión que es en parte la causa y en parte el efecto de esta
divergencia, se encuentra en el lenguaje que emplea la gente. Este lenguaje está lleno de
conceptos falsos, de clasificaciones falsas y de asociaciones falsas. Lo peor es que las carac-
terísticas esenciales del pensar ordinario, su vaguedad y su imprecisión, hacen que cada
palabra pueda tener mil significados diferentes según el bagaje de que dispone el que habla y
el complejo de asociaciones en juego en el momento mismo. La gente no se da cuenta de cuán
subjetivo es su lenguaje, de cuán diferentes son las cosas que dice, aun cuando todos usan las
mismas palabras. No ven que cada uno de ellos habla su propia lengua sin comprender nada, o
muy vagamente, la de los demás; sin tener la menor idea que el otro les habla siempre en una
lengua que les es desconocida. La gente está absolutamente convencida de tener un lenguaje
común y de comprenderse entre sí. De hecho, esta convicción no tiene el más mínimo
fundamento. Las palabras que usan están adaptadas a las necesidades de la vida práctica..
Pueden comunicarse así informaciones de carácter práctico, pero apenas entran en un dominio
ligeramente más complejo, están perdidos y dejan de comprenderse, aunque no se den cuenta
de ello. A menudo, si no siempre, las personas creen comprenderse y en todo caso se
imaginan que podrían comprenderse con sólo tomarse la molestia; se imaginan también
comprender a los autores de los libros que leen, y no ser los únicos que son capaces de
comprenderlos. Esta es una ilusión más de las ilusiones que se forjan y en medio de las cuales
viven. En realidad, nadie comprende a nadie. Dos hombres pueden decir la misma cosa con
profunda convicción, pero dándole nombres distintos, y discutir interminablemente sin
sospechar que su pensamiento es exactamente el mismo. O bien, inversamente, dos hombres
pueden usar las mismas palabras e imaginar que están de acuerdo, que se comprenden,
mientras que en realidad dicen cosas absolutamente diferentes, y no se comprenden en lo más
mínimo.

Agradecido por compartir.

Jeanfrujo dijo...

Interesantísimo o texto de Ouspensky. Pode relacionarse con Babel a través da filosofía da linguaxe de Benjamin, recollida fundamentalmente en dous ensaios seus: Sobre el lenguaje en general y sobre el lenguaje de los humanos e La tarea del traductor. A súa teoría podería resumirse do xeito que o fai Stephan Moses no seu libro El Ángel de la Historia. A xeito de resumen: Benjamin, na historia bíblica da xénese da linguaxe distingue tres etapas. Na primeira, a palabra divina aparece como creadora (Xen. I, 1-21), designa a linguaxe na súa esencia orixinal, a palabra coincide perfectamente coa realidade que designa. Na segunda etapa, segundo o relato bíblico (Xen. II, 18-24), Adán dá nome ós animais. Ese acto de nomeamento funda a linguaxe orixinal do home, que hoxe está perdida, pero os ecos desa linguaxe permanecen na función simbólica, é dicir, poética, da linguaxe. Nesta fase, linguaxe e realidade xa non son idénticas, pero existe entre elas unha especie de harmonía preestablecida: a linguaxe abarca, cunha precisión coase milagrosa, a esencia mesma da realidade. Na terceira etapa, a linguaxe paradisíaca pérdese e degrádase ata converterse en simple instrumento de comunicación. Benjamin, que interpreta aquí o relato do pecado orixinal (Xen. II, 25-III, 24) á luz do episodio de Babel (Xen. XI, 1-9), ve na función comunicativa da linguaxe o signo da súa decadencia. En suma, da precisión absoluta da denominación, a linguaxe pasa ó “abismo da charlatanería” –máis ou menos ó “bla, bla, bla…” “cua, cua, cua” de Ouspensky-. Unha vez perdida a relación orixinal entre a palabra e a cousa, a lingua queda condenada a unha aproximación perenne. A carencia desta linguaxe comunicativa non ven, curiosamente, de que sexa demasiado pobre, senón de ser demasiado rica. A restauración da pureza perdida da “linguaxe adámica” é abordada por Benjamin no seu ensaio La tarea del traductor, e, segundo el, opérase gracias ó traballo dos poetas e, sobre todo, dos traductores.