Nas anotacións de nountronte esquecéuseme dar noticia da comprobación empírica da existencia dos homes de sol no Ribeiro de Avia. Estaba escrita, pero –cousas da informática- desapareceu. Dicía algo así:
Encargoume Xesús Alonso Montero que comprobase se era coñecida a expresión dos homes de sol no Ribeiro de Avia. Sorprendíalle que don Eladio non acollese no seu diccionario esta fórmula idiomática tan suxestiva como insólita, e preguntaba no seu traballo, será que non se usaba no Ribeiro de Avia, o seu Ribeiro? Á primeira que lle preguntei foi a miña nai, e de seguido recoñeceu a expresión como moi utilizada cando ela era pequena, é dicir pola mesma época (1938) que a descubriu Xesús. Logo pregunteille a un veciño de San Clodio e ó meu tío Eduardo, de Lebosende; ningún dos dous me deu razón da expresión. Non obstante, hai quince días, unha señora que subía dos oitenta anos, en Esposende, recoñeceu a fórmula e incluso me asegurou que ela aínda a utilizaba. Algúns pensarán que este 2-2 non decide nada, non obstante, eu dou por comprobado o uso dos homes de sol no Ribeiro de Avia. A razón? Hai tempo que teño comprobado que as mulleres son moito máis memoriosas cós homes.
O Carballiño, 26-02-09
2 comentarios:
Pásoche información que encontrei nun libro sobre o tema dos homes de sol, a ver se desfacemos o empate 2-2, que esa expresión, realmente moi, moi fermosa, ben o merece!
Na páxina 190 do libro: "Historia dunha aldea galega. Coas mans encol do lume", de Manuel Rodríguez Troncoso,
(http://www.andelvirtual.com/tev/catalogo/ver.php?pid=7409)
no apartado UNIDADES DE MEDIDA, di:
Temos que citar ademais "altura dun home" como unidade que serve para medi-la altura do sol (aproximadamente unha hora antes de poñerse).
E na páxina seguinte, no apartado: O RELOXO SOLAR E A HORA DO LABREGO, comenta:
"Botábase man igualmente á altura do Sol sobre o horizonte, como dixemos máis enriba, para fixa-lo tempo; e ó intre en que se vía o Luceiro. Dicíase, por exemplo, "bota o gando pró monte cando vaia o sol á altura de dous homes, e tráeo despois de que naza o luceiro". Curiosamente empregábase pois, de unidade de medida, ás veces, a "altura dun home", de "medio home" ou "dous homes". Non sei se os habitantes labregos doutras comarcas afastadas utilizaban esa "unidade", a "altura do home" sobre o horizonte. Si que se tiña en conta no Ribeiro (Ribadavia), a tres leguas da nosa aldea, segundo se pode deducir pola seguinte copla e outras que hai nesa comarca:
"Os señoritos da Vila
son xente de febra mol:
déitanse cando as galiñas
con medio home de sol".
Guntín, a pesar de estar na montaña, áchase preto do Ribeiro, polo que non é de estrañar que esta forma de medi-lo tempo sexa común nas dúas zonas.
(Guntín, segundo comenta o autor deste libro, é unha aldea da parroquia do Oroso, concello de A Caniza (bisbarra de A Paradanta, no S.L. da provincia de Pontevedra) )
Curiosamente, no artigo de Alonso Montero sobre a carta de Sofía Cordal, hai dous cantares que, neste caso, fan referencia á hora de madrugar (e non á de deitarse):
"Os señoritos da vila
son xente de 'moito' fol:
os días soltos 'madrugan'
con catro homes de sol".
"Hai xente tan preguiceira
na terra destes lambós
que se erguen co día alto
con home e medio de sol".
Aínda que sexa con retraso, moitas grazas Daniel. Gústame iso da "xente de febra mol", expresión que nunca escoitara, e que no Ribeiro diríamos "de freba mol". E para os "homes de sol", 3-2 é un bonito resultado (tampouco se trata de meterlle unha riolada).
Espero novas achegas túas.
Publicar un comentario